PROCESOS#23 – HUGO AMOEDO

“O único que vale é a acción”

Hugo Amoedo (Redondela, 1987) semella non terlle medo a nada, agás a ficar quieto. É graduado en Xornalismo pola Complutense, pero tivo só un tímido contacto co mundo das redaccións. En 2010 marchou vivir aos Países Baixos e poderíase dicir que comezou a facer cine por amor, froito da súa relación coa estremeña María Pérez. Dende entón, xa non parou. Ambos os dous colaboraron para facer a curta Robin & Robin, que se proxectou en demasiados festivais como para enumeralos aquí. En 2013, Hugo dirixiu en solitario o documental Camping Wesertal, un retrato psicolóxico colectivo das persoas que viven nun aparcadoiro de caravanas en Valonia. Recibiu unha axuda ao talento da Agadic para desenvolver o seu novo filme, Europa, no que está a traballar nestes momentos dende Bruxelas. Ademais, forma un dúo con Fran Moser, baixo o pseudónimo de Hugo Moser, no que experimenta co cinema segundo lle pide o corpo.

De todas as carreiras posibles, por que Xornalismo?

En realidade, non pensaba en que me serviría para atopar un traballo. Pensei que eran os estudos que máis podería aproveitar persoalmente, que me ensinarían a aprehender a realidade dun xeito máis completo e a ordenar as miñas ideas. Cando vin que non ía poder ser futbolista profesional, nin guitarrista, pensei que estaría ben ser xornalista deportivo, ou musical, ou… Fun á facultade para intentar ordenara cabeza…

Agarda un momento… futbolista?

Si, si. Xoguei ata a liga nacional no Choco, de Redondela. E tamén nos benxamíns do Celta. Adestrabamos tres días á semana e xogabamos os domingos. Teño que dicir que non era malo, a miña especialidade eran os caños e os controis de balón (ri). Pero ao final non era o meu…

Que tal foi a vida en Madrid?

Madrid é unha cidade marabillosa. Claro que me tocou vivila nos anos da burbulla. Aquilo foi un espellismo do que xa espertamos, pero que serviu para que algúns coma min puidésemos ir estudar á capital.

Cando che picou o becho do cine?

Neses anos, precisamente. Pasei moito tempo rodeado de xente da ECAM (Escola de Cinematografía e do Audiovisual da Comunidade de Madrid) e comecei a ver películas con eles. Lémbrome dun día que vimos Sacrificio (1986), de Andrei Tarkovski, nun Mac de 13 pulgadas, e cambioume algo na cabeza. Funme convertendo nun asiduo da Filmoteca. En 2010, cando rematei a carreira, marchei a Amsterdam, a traballar do que puiden, e merquei unha cámara pequena. Dinme de conta de que non lle había que ter medo a facer cine e comecei a traballar con María Pérez en Robin & Robin. Eu non tiña formación previa. Nunca dirixira nada, nin escribira, nin fixera de actor. Pero tampouco tiven nunca medo de expoñerme en público. Penso que o que acheguei foi a miña inexperiencia.

Como foi a produción?

Ela chegou un día cunha proposta de guión, no que estas dúas personaxes se atopan. Cando eu me mudei a Bruxelas, fomos dándolle forma á idea entre os dous, buscando localizacións, vestiario… Tivemos a sorte de atopar un excelente director de fotografía no festival de curtas da cidade. Cando se celebrou, eu enchín o recinto de post-its amarelos con anuncios, nun método de guerrilla, e el respondeu á petición e axudounos de balde. Logo, enleamos a algúns amigos para financiar a produción e aló fomos. E funcionou moi ben. Gañamos un premio en Estremadura e a Axencia Freak distribuíu a curta de balde, co que chegamos a un monte de festivais. En 2013 déronnos o premio ao mellor guión en Cans, e para min foi un respaldo importante. Deume ánimos para seguir e pedir a axuda da Agadic para o meu seguinte filme, Europa.

Daquela xa fixeras Camping Wesertal, non é?

Si, nese mesmo ano. Estaba a facer un seminario de cinema na escola de arte Sint-Lukas, en Bruxelas, e un compañeiro contoume a historia dalgunhas persoas que vivían nun cámping de caravanas durante todo o ano. Comecei a pensar como sería ese entorno pechado, como se establecerían as relacións de poder… Nese tempo estaba a ver moito western e moito Errol Morris, e gustábame moito como facía el as entrevistas, como emprega un xénero xornalístico para establecer un diálogo cinematográfico. Iso foi o que intentei levar eu a cabo. Nos primeiros minutos pode semellar un Callejeros, sobre xente pobre en situacións desesperadas, pero logo vaise deixando atrás o contido social para centrarse nun retrato psicolóxico dos personaxes. Son eles os que marcan o relato.

No filme nótase que os protagonistas están moi cómodos diante da cámara. Como o lograches?

Durante a semana eu ía traballando e planificando a rodaxe, e na fin de semana iamos aló e pasabamos o día gravando. A película foi crecendo pouco a pouco, sobre todo durante a montaxe. Fíxena en Barcelona, con Irene Bartolomé, nun verán a 35 graos. E creo que o resultado foi bo. Pedíronnola en varios festivais de documental, e citárona en Caimán. Cuadernos de cine. Fíxome moita ilusión que se programara no Play-Doc do ano pasado, que estivera en Galicia e os meus amigos puideran ir vela.

Chegaches a proxectala no propio Camping Wesertal?

Si, mandéillela. Un día chegoume a noticia de que o cámping ía pechar, pero a min non me era posible ir aló… Paseilles unha copia e sei que a viron xuntos dentro da caravana e que lles gustou a todos.

E logo, chegou Europa

Si e non. Europa é un diario filmado sobre a miña viaxe persoal. Cambiou moito dende que tiven a primeira idea… Pensaba, en principio, contar como rematou unha relación de amor, pero iso xa quedou atrás. Agora a película é unha especie de estado mental, do que vivín nunha época na que moitas cousas se derrubaron ao meu redor. Pero non é un relato triste, so fantasmagórico. Aproveito as gravacións de vídeo e audio que fixen neses momentos para artellar un relato. Coido que se parece un pouco a The Devil and Daniel Johnston (Jeff Feuerzeig, 2005). Agora mesmo non sei cando a rematarei, pero teño nela bastante esperanza.

Quen é Hugo Moser?

É o proxecto que puxen en marcha con Francisco Moser, o meu mellor amigo en Bruxelas. Gustounos mesturar os nosos nomes porque soa ao mesmo tempo a rabino e a militar alemán. Logo descubrimos que existen varios Hugo Moser: un científico, un piloto de rallyes e un director arxentino de telenovelas. O caso é que así Fran e máis eu xogamos ao despiste, a que non se saiba moi ben quen somos e que facemos.

Vouche pedir, entón, que desveles un pouco o truco…

Fran e máis eu coñecémonos dende hai moito tempo e fixémonos amigos moi pronto. Vivimos situacións semellantes, somos bos conversadores, temos un sentido do humor similar e somos quen de entendernos con poucas palabras… O ano pasado, en xullo, decidimos sacar algo produtivo de todo iso e fundamos Hugo Moser. El, coma min, non ten formación básica de escola de cine. Fixemos xuntos algúns seminarios en Sint-Lukas, pero alí non te ensinan o ABC, senón a desenvolver un proxecto. Non se fala de onde poñer a cámara ou de como montar, se non de como sacar adiante as ideas. Nese sentido, podemos ter menos capacidades ca outros, pero sentímonos moi libres. Facemos as cousas como nos da a gana, collemos o que gravamos co móbil e facemos diso unha historia, empregamos calquera tipo de material, presentamos aos personaxes como mellor nos parece… Esa liberdade ten un prezo, pero pagámolo a gusto.

Cal é o prezo?

Ás veces, a xente ao noso redor nos mira con cara de “¿pero de qué vais, chicos?”, cun certo escepticismo. Ben, sabemos que o que facemos é mellorable, pero tamén sabemos que temos moito máis por dar. Non é so divertirnos, que tamén. En certo modo, é unha aposta política. Dámoslle o valor cinematográfico ao que filmamos co teléfono, ao material que atopamos… o mesmo que John Cage facía cos sons. Ao mellor Fran non está tan centrado nisto, pero eu quero facer cousas que choquen coa estrutura do sistema, que amolen á burguesía cinematográfica.

Sobre Hugo Moser:

Sobre Hugo Moser: “Gustounos mesturar os nosos nomes porque soa ao tempo a rabino e a militar alemán”.

Aínda que se nota que é un estilo traballado, as vosas pezas lembran ao cine familiar…

Exacto, iso é o que buscamos. Unha reivindicación dos vídeos que se gravaba para a familia, do cinema amateur, no que o estilo é moito máis libre, e só se busca que o que está diante da cámara se vexa, sen máis artificio. Ese é o tipo de democratización ao que aspiramos. Nós andamos todo o día a filmar cousas, moitas veces co móbil, que é moi axeitado. Antes saías coa cámara e, aínda que non vises nada que realmente te chamase, sentíaste obrigado a empregala. E ao contrario, outras veces atopabas algo que te encantaba e andabas sen a cámara enriba. Agora co telefono, simplemente sácalo do peto e, veña, a gravar.

E que facedes despois con todo ese material?

Xuntámonos e vemos o que temos. Imos falando, e imos atopando formas, xéneros, cores, ideas… Pensamos como se pode artellar unha historia con iso, dámoslle voltas, facemos as primeiras montaxes, discutimos moito, pelexamos, volvemos ser amigos e rematamos o proxecto (ri).

Os primeiros proxectos de Hugo Moser están vinculados á revista Papier Machine. Cal é a historia desa relación?

Fran e máis eu traballamos nun espazo de coworking en Bruxelas. Alí coincidimos cunha costureira, un grafista, actores, xornalistas… e cos responsables de Papier Machine, que é unha revista multidisciplinar, que inclúe artigos, relatos, gravados, fotografías… Como nos entendemos moi ben con eles, fixemos unha colaboración audiovisual. Cando mercabas a revista, recibías un papeliño cun enlace e un contrasinal, no que podías ver a nosa curta On n’a pas fait l’amour (Hugo Moser, 2014). Tamén preparamos cinco teasers para anunciar o próximo número, vídeos virais de 30 segundos pensados para a Internet. Ademais, agora estamos a preparar unha segunda curta, baseada en material doutro cineasta, que se proxectará cando Papier Machine faga algún tipo de actividade ou promoción pública.

Todo isto ídelo contar en Play-Doc, non?

Si, Hugo Moser participaremos na mesa redonda Not for screening purposes, na que se fala de cinema que non está pensado para se proxectar en salas. Estaremos con María Yáñez e Miguel Mariño. Nós proxectaremos On n’a pas fait l’amour e falaremos da experiencia de facer cine para Internet. Faime moita ilusión, porque para min sempre é un pracer volver a Galicia.

Pensades en regresar definitivamente?

Agora mesmo, non. Estou comezando a asfaltar o meu camiño e quero facer moitas cousas que non podo facer en Galicia. Tampouco teño moita morriña, só boto de menos ver a familia e os amigos cun pouco máis de asiduidade, pero é o prezo a pagar. Ata hai pouco estiven currando na billeteira dun cine, e agora vivo de pequenos proxectos e encargas alimenticias. Non sei se vou ter cartos dentro de catro meses, e vivo pendente do saldo da conta corrente. Pero ata o de agora non me faltou traballo, e entendo que isto forma parte da vida, que hai que gañar as fabas. Non me queixo, estou farto de cineastas queixándose.

E logo?

A queixa e a magoa por un mesmo non valen de nada. Como dicía Nietzsche, non vale de nada, é so un reparto de morte. O único que vale é a acción, o tomar as rendas. Entendo o que custa o camiño que escollín, e non me arrepinto de percorrelo. Por sorte, como cineasta ninguén me espera en ningures, nin a min, nin a Fran Moser. Non temos medo a perder o seguinte proxecto, porque nin sequera estamos seguros de que o haxa. Non pasa nada se fracasamos, porque o fracaso non é posible. Pase o que pase, imos seguir facendo pelis.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario