PUNTO DE VISTA 2018: SECCIÓN OFICIAL (1)

_puntovista_7f8334f7

O Festival Internacional de Cine Documental de Navarra celebrou este ano a súa 12ª edición, reafirmando a súa aposta por un formato de non-ficción en sintonía coas correntes vangardistas e o cinema experimental. Unha das novidades máis destacables desta edición foi a renovación do equipo técnico do certame, con Garbiñe Ortega como nova directora artística. Comunidade, correspondencias, expansión, resistencia, feminismo… Son tan só algúns dos conceptos que orbitaron arredor do programa deste ano, impregnado polo espírito revolucionario que acompaña ao 50º aniversario do Maio do 68. Por primeira vez na historia do festival navarro, a Sección Oficial de Punto de Vista estivo conformada maioritariamente por películas dirixidas por mulleres. Nesta selección, composta por un total de 21 filmes chegados de todas as partes do mundo, atopamos historias xeracionais, relatos sobre identidades e conexións humanas, a inesgotable fascinación pola natureza e a paisaxe, a exploración de novas linguaxes e a denuncia social máis comprometida.

A gran triunfadora deste ano foi sen dúbida Flores, do portugués Jorge Jácome, que se alzou con dous dos premios oficiais: Gran Premio Punto de Vista á Mellor Película e Premio da Xuventude. Esta curtametraxe, que non para de sumar recoñecementos en festivais internacionais, trasládanos a un escenario post-apocalíptico ambientado nas Illas Azores. A proliferación incontrolada dunha praga de hortensias, unha especie foránea pero moi estendida no arquipélago, obriga a evacuar a todos os habitantes das illas. No marco desta crise medioambiental, dous soldados novos acaban destinados alí como parte do operativo gobernamental. Partindo desta premisa, Jácome entrega unha evocadora fantasía rodada en 16mm, na que se mesturan o relato iniciático, a reflexión sobre a identidade e o comentario político. Mentres asistimos á sutil historia de amor que se desenvolve entre os dous mozos, xunto coa forte atracción que ambos senten cara as illas, advertimos tamén os esforzos de empresas e capitais estranxeiros por aproveitarse do desastre natural. Flores presenta unha estética dominada por tons lavanda, con imaxes de gran plasticidade que constrúen un escenario perfecto para desencadear a nostalxia e os interrogantes sobre o futuro da nosa especie.

Flores (Jorge Jácome, 2017)

Flores (Jorge Jácome, 2017)

Ademais do filme de Jácome, atopamos en Competición Oficial outras obras nas que tamén que se aprecia unha confluencia entre a lírica e o discurso a través da paisaxe. Baixo o título Elohim, or Divine Beings, The Energy of Light as Creation, a última obra do estadounidense Nathaniel Dorsky fíxose co Premio Jean Vigo á Mellor Dirección. En palabras do propio xurado (conformado por Fran Gayo, Rebecca Baron, Celine Brouwez, Paolo Moretti e Nico Pereda) o galardón é un “recoñecemento a toda unha traxectoria singular e de compromiso irreductible”. Dorsky é un autor especialmente prolífico e recoñecido dentro do cinema experimental, cunha obra que destaca pola observación íntima e luminosa dos espazos. En Elohim, a poderosa representación do campo californiano en pleno auxe da primavera adquire unha calidade orgánica que palpita diante dos nosos ollos. Incluso aqueles que non atopen no filme algo especialmente estimulante veranse acompañados durante días pola resonancia das súas imaxes.

O Premio á Mellor Curtametraxe foi para Optimism (Deborah Stratman, 2018), filmada integramente en Super 8 na localidade de Dawson City, no Territorio do Yukón (Canadá). Stratman documenta a vida desta pequena cidade que vive os fríos invernos na sombra, privada de luz solar pola súa disposición xeográfica no interior dun val fluvial. As níveas e vastas paisaxes, acentuadas pola textura do material fílmico, compleméntanse cun retrato de personaxes locais do máis variado: xogadores de curling, bailarinas, funcionarios e, principalmente, traballadores do ouro. A extracción e procesado deste mineral forma parte da historia do territorio, ligado á “Febre do ouro de Klondike” a finais do século XIX. Optimism conecta os desexos pasados e futuros da rexión nun filme que presenta varias capas e lecturas.

Completando este apartado dentro da programación descubrimos os títulos IFO (Kevin Jerome Everson, 2017) e Configuration in Black and White (Helga Fanderl, 2017). No primeiro, parte dunha serie de filmes realizados polo mesmo director arredor da súa cidade natal, recóllense diversas declaracións sobre o suposto avistamento de obxectos voadores en Mansfield, Ohio. Estes acontecementos son recreados a partir das lembranzas dos seus protagonistas, de rexistros oficiais e incluso de reinterpretacións xestuais de carácter dramático. Everson, coñecido polos seus proxectos sobre a vida das comunidades negras de clase traballadora, volve a compoñer unha obra na que o contexto e o xeito no que se empregan os medios técnicos priman sobre a propia narrativa. IFO agocha no seu formalismo unha interpretación poética dos feitos, pero tamén unha intencionalidade á hora de sinalar as condicións e circunstancias que rodean cada relato.

Pola súa banda, o último filme da mestra xermana Helga Fanderl, protagonista dunha sección na última Mostra (S8), representa unha especie de cuadríptico composto por gravacións en celuloide tomadas en momentos e lugares totalmente distintos. O reflexo das luces nocturnas sobre un canal, a contemplación dunha nevada, flores brancas para o falecido Peter Hutton e o voo hipnótico dunha bandada de aves. Todas elas secuencias mudas en branco e negro, rodadas inicialmente en Super 8 e ampliadas a 16mm. Estas imaxes, aparentemente inconexas pero concibidas de xeito lineal, adquiren un novo ritmo e significado mediante a simple xustaposición fílmica. Configuration in Black and White é poesía visual que parte da observación e o aproveitamento estético das ferramentas cinematográficas.

Entre os nomes presentes en Punto de Vista 2018 atopamos tamén un par de realizadoras navarras. De feito, unha das cintas máis aplaudidas do encontro foi Young & Beautiful, da debutante Marina Lameiro, galardoada co Premio Especial do Público. Tomando como título unha canción de Lana del Rey, o documental sobresae como un íntimo retrato xeracional que desborda frescura e naturalidade. Amigos e familiares da propia directora son os protagonistas dun relato que reflexiona sobre a transición á idade adulta, o progresivo abandono dos soños e aspiracións de xuventude e as construcións sociais ligadas a este proceso. Este heteroxéneo grupo de persoas, todas próximas á trintena, representa a unha xeración estigmatizada e privada de alternativas, cuxo egoísmo e integridade son constantemente cuestionados. A edición do filme, a cargo da galega Diana Toucedo, marca un ritmo que semella fluír cos diálogos e estados de ánimo dos protagonistas. A través de conversas e situacións cotiás, nas que a realizadora toma parte activa, Lameiro aproveita para construir un reflexo de si mesma. Poti, Nais, Ione, Das e Marina amosan abertamente os seus medos e inquedanzas, revisan as súas actitudes e expectativas de futuro sendo conscientes da súa fraxilidade ante a presión ambiental. En toda a selección do festival poucos filmes lograron xerar tanta empatía como Young & Beautiful, debido principalmente a un contexto social compartido e ao seu compoñente universal: o eterno retorno das crises de identidade e a busca de camiños vitais.

Young & Beautiful (Marina Lameiro, 2018)

Young & Beautiful (Marina Lameiro, 2018)

Por outro lado, a tamén navarra Maddi Barber asina Yours Truly xunto a Christopher Murray e Charlotte Hoskins. Esta coprodución entre España, Reino Unido, Estados Unidos e Chile ofrece unha interesante visión sobre o mundo da taxidermia, entroncando esta disciplina coa súa orixe nas aspiracións coloniais europeas. A través das correspondencias entre funcionarios do Museo de Mánchester, expedicionarios, membros da aristocracia británica e incluso taxidermistas, o documental rememora os procesos de expansión e dominación colonial acontecidos no século XIX, poñendo énfase na implicación da comunidade científica e museística. Partindo dun interese persoal por descubrir como se conservan este tipo de coleccións na actualidade (e tomando como exemplo un museo onde a inmensa maioría das pezas disecadas non están expostas ao público), os realizadores iniciaron o seu propio camiño de exploración antropolóxica. Todas as imaxes de Yours Truly corresponden aos procesos de exposición e conservación levados a cabo actualmente na institución inglesa, aportando unha mirada que habitualmente está vetada ao público. Porén, son as conversas epistolares e a coidada montaxe sonora as que dotan a obra dunha nova dimensión.

A cinta de Barber proxectouse xunto con Hello Horse!, de Laila Pakalnina. A última obra da directora letoa, presente este ano nos principais certames de cinema documental, constitúe unha aproximación simple pero efectiva á observación da paisaxe e as mudanzas que imprime o paso do tempo. Unha estrada solitaria, que atravesa os campos e granxas dunha rexión rural, actúa ao mesmo tempo como marco e suxeito de estudo. Pakalnina xoga co ritmo da edición, cos obxectos estáticos e os movementos internos da imaxe, co paso das estacións e a dimensión sonora do espazo, para amosarnos como “todo cambia e segue sendo igual”. Os elementos humanos, observados ou intuídos, transitan polo encadre alleos aos cambios que acontecen ao seu arredor, como trazos vivos nun cadro que só se comprende cando se observa con perspectiva, dende o tempo e a distancia.

Pechando este pase atopamos a imaxinativa Indefinite Pitch (James N. Kienitz Wilkins, 2016), presente tamén en festivais como IFFR, Locarno ou Curtocircuito 2017, onde recibiu unha Mención Especial. Como apuntabamos na nosa crónica do encontro compostelán, estamos ante un exercicio de metacine estruturado como un falso pitch (presentación da idea dunha película para o seu desenvolvemento). Mediante unha inspirada narración en off, o autor comeza a divagar sobre a suposta ambientación da película na cidade estadounidense de Berlín (New Hampshire). Aparentemente guiado polo fluxo dos seus pensamentos, continúa desentrañando anécdotas e historias locais, mentres cuestiona as súas propias pretensións artísticas. O apartado visual está dominado por fotos estáticas do río Androscoggin (corrente fluvial que une a cidade natal do realizador coa localización da súa obra ficticia). Sen ser de todo conscientes, esta sucesión de estampas en branco e negro xera en nós unha sensación de desacougo que non se revela ata o final da obra, cando o narrador acaba por confrontar á propia audiencia ata facelos partícipes da súa lectura e significado.

Indefinite Pitch (James N. Kienitz Wilkins, 2016)

Indefinite Pitch (James N. Kienitz Wilkins, 2016)

Comments are closed.