Punto de Vista 2021: O cinema como espazo de encontro

Punto de Vista 2021

A décimo quinta edición do Punto de Vista, Festival Internacional de Cine Documental de Navarra, fixo de Pamplona, durante os seis días que van do 15 ao 20 de marzo, unha das principais referencias mundiais do cinema de non-ficción máis vangardista, experimental e atrevido. A presente edición, á que concorreron na súa sección oficial un total de 32 filmes (26 curtametraxes e 6 longametraxes) procedentes de 20 países diferentes, foi especial en diversos sentidos. En primeiro lugar, polo simbólico da cifra, que o consolida como un festival ben asentado cunha traxectoria xa considerábel, mais tamén por supor a fin do ciclo iniciado hai catro anos cando Garbiñe Ortega asumiu a dirección artística do Punto de Vista, un período caracterizado, a xuízo da organización, pola vontade de impulsar “unha visión diversa, expansiva e transformadora do cinema coa que chegar a novos públicos e asentar aqueles que ao longo da súa historia tiveron relación co festival”.

Tamén estivo marcado, como non podía ser doutro xeito, pola pandemia da Covid-19, que obrigou a potenciar a dimensión virtual do festival, compaxinar a presencialidade e o formato online e crear novos espazos nos que fose posíbel a participación física dun maior número de persoas sen comprometer a seguridade do evento. Estas difíciles circunstancias parecen diluír o carácter de punto de encontro co que o festival se presenta a si mesmo e, incluso, ao propio formato documental, mais tamén lle permitiron, ao facer da necesidade virtude, expandir as súas fronteiras alén da capital navarra conectando a través da rede individuos situados en localizacións xeográficas moi dispares. Así mesmo, a pandemia serviu de inspiración para algún dos filmes participantes, como Flowers Blooming in our Throats, da italiana Eva Giolo, que filmou durante un período de confinamento diversas accións cotiás realizadas por achegados seus en contextos domésticos, presentadas sempre dun xeito despersonalizado, coas que pretendía reflectir a violencia soterrada nos nosos ambientes máis próximos.

Porén, os filmes presentados a concurso non se caracterizaron pola fixación co presente pandémico inmediato, xa que abordaron unha gran diversidade de temáticas vinculadas entre si pola vontade de reflexionar sobre o real a través do medio fílmico e, na meirande parte dos casos, pola asunción dun compromiso ético, en ocasións tamén político, na defensa dos colectivos e individuos representados na pantalla. Cabe destacar, neste sentido, diversos traballos centrados na discusión sobre a memoria, o pasado e a construción do relato histórico oficial, como Strange Object (Miranda Pennell, 2020), unha denuncia do imperialismo norteamericano construída a partir de confusas fotografías aéreas de arquivo, en branco e negro, sobre as que se superpón unha voz que interpela ao espectador pretendendo facerlle crer, ao comezo, que está ante un relato de ciencia-ficción, ou Ekphrasis (Riccardo Giacconi, 2019), que introduce os espectadores na historia de Tirol do Sur, rexión xermanófona do norte de Italia atravesada polo conflito étnico e empregada durante a II Guerra Mundial como unha simple peza no taboleiro de xadrez de Hitler e Mussolini, a través dunha sucesión de imaxes fixas polas que nos guía, igualmente, unha voz en off que, neste caso, nos interpela en segunda persoa coma se estivésemos tamén presentes nelas.

Con todo, o máis destacado dos filmes que se poden adscribir a esta tendencia probabelmente sexa In Ictu Oculi, do director vasco Jorge Moneo Quintana, unha curta galardoada co Premio Especial do Público á Mellor Película na que se retratan 70 anos de evolución dun mesmo bloque de edificios da súa cidade natal, Vitoria-Gasteiz. A técnica é semellante á dos anteriores: diferentes fotografías de arquivo vanse sucedendo cronoloxicamente e rematan cobrando vida por obra e graza do ritmo da montaxe e dos sons de ambiente que as acompañan en solitario ante a ausencia dun narrador en off que actúe de guía, como acontecía nas outras propostas. Nalgúns momentos, en especial durante a secuencia do derrubamento dun antigo convento do século XIII, lembra a Brutalität in Stein (Alexander Kluge, 1961), onde o director alemán combinaba a rotundidade pétrea de diversos monumentos con sons de bombardeiros, explosións e discursos nazis de fondo, se ben no filme de Moneo Quintana a pedra acaba por ceder á presión, afúndese e renace no seu lugar, anos despois, unha rutilante sucursal bancaria, símbolo do capitalismo que se ergue sobre as ruínas da sociedade tradicional, da modernidade abríndose paso a expensas do vello mundo.

Strange Object (Miranda Pennell, 2020)

Strange Object (Miranda Pennell, 2020)

Outra das principais temáticas é a cuestión feminina, en particular a reivindicación de mulleres que se rebelaron contra as convencións sociais do seu tempo ou foron silenciadas polo canon historiográfico malia realizar contribucións fundamentais no seu campo. Exemplos disto son Liberty: An Ephemeral Statute, onde Rebecca Jane Arthur constrúe un relato sobre a emancipación feminina e o abandono da casa paterna nos anos 70 a partir dunha historia familiar plasmada en memorias e correspondencias, e Judy Versus Capitalism (Mike Hoolboom, 2020), longametraxe documental arredor da figura de Judy Rebick, feminista canadense da segunda vaga que tivo un papel decisivo na consecución do dereito ao aborto no seu país. En consonancia coa filosofía de que o persoal é político, o filme atende tanto ao seu activismo como aos seus problemas psicolóxicos e á súa propia experiencia de vítima de abusos sexuais, conectando ademais as vellas loitas dos 60 coas reivindicacións actuais. Destaca, así mesmo, Sisters with Transistors (Lisa Rovner, 2020), un filme coral con abundante e variado material de arquivo sobre as orixes da música electrónica que entrelaza as historias de varias pioneiras que foron ficando no esquecemento.

Tamén conta cun grande protagonismo o documental etnográfico, como, por exemplo, ( ( ( ( ( /*\ ) ) ) ) ) (Charles Fairbanks, Saúl Kak, 2019), curtametraxe de título rechamante que pretende representar un volcán en erupción, en alusión á erupción do volcán Chichonal, na rexión mexicana de Chiapas, no ano 1982, que causou 2.000 mortos e máis de 20.000 desprazados que aínda continúan residindo fóra dos seus territorios na actualidade. O documental céntrase precisamente na vida cotiá destas persoas e constrúe un retrato onde o elemento central é o sonoro, tanto os sons habituais da vida na aldea como algúns testemuños de nenos que xa naceron após a erupción e só teñen referencias do que lles contan os maiores. Sen saír de México, Paralelo 28 (Santiago Bonilla, 2020) introdúcenos no corazón da principal mina de sal do mundo, que se nos presenta como unha paraxe inhóspita, escura e inmensa na que operan as máquinas manexadas por uns operarios que só vemos claramente nalgúns planos curtos nos que ollan a cámara de fronte, de xeito que contemplamos os seus rostros curtidos pola dureza do traballo. 

A vida cotiá nun contexto rural, onde o traballo agrícola se rexe polo tempo cíclico das estacións, é abordada tamén en The Works and Days (C. W. Winter, Anders Edström, 2020), un monumental filme de oito horas de duración, homónimo da célebre obra do poeta grego Hesíodo, rodado durante máis dun ano nunha remota aldea do alto das montañas de Kioto, no Xapón. O xurado do festival, composto por Nicole Brenez, James Lattimer e Antoine Thirion, decidiu outorgarlle o Gran Premio Punto de Vista á Mellor Película destacando que o pequeno mundo que o filme crea e retrata consegue agromar na mente dos espectadores e contribúe a “manter unha conexión entre as persoas e o mundo no que vivimos”. Por outra banda, o director colombiano Pablo Álvarez-Mesa, sen abandonar a perspectiva etnográfica, entra de cheo no eido político ao propiciar unha reflexión crítica no seu Bicentenario sobre as raíces históricas e sociais da longa tradición de conflitos armados pola que atravesou o seu país, que el retrotrae até Bolívar aproveitando o bicentenario da independencia. O filme, que obtivo unha mención especial do xurado, combina as imaxes dos rituais e celebracións do bicentenario coas interrogacións directas ao militar, ao que se invoca como se dunha sesión de espiritismo se tratase.

Every Rupture (Sasha Litvintseva, 2020) móvese tamén no terreo da alegoría política a partir de tres episodios independentes que entrelaza unha voz en off: un cruceiro británico durante o referendo do Brexit, unha bandada de paxaros invasores que ameaza o seu propio ecosistema e un grupo de turistas despreocupados facendo fotos entre monumentos clásicos, como representación do mundo de onte, o anterior á pandemia. Alén da conexión explícita coa saída do Reino Unido da Unión Europea, o filme pretende ser unha denuncia xeral do que a directora entende por “sistemas pechados”, representados simbolicamente mediante planos invertidos sobre si mesmos como ante un espello. O director tunesino Mouaad el Salem realiza unha denuncia semellante en This Day Won’t Last, galardoada co Premio da Xuventude á Mellor Película, mais neste caso parte da súa propia experiencia como homosexual nun país no que a súa condición segue sendo un delito. A curtametraxe componse de materiais heteroxéneos dos que o autor se serve para plasmar os seus sentimentos e as súas ansias de liberdade, de tal modo que por veces incorre nunha certa despreocupación formal que lle confire unha estética amateur.

The Works and Days (C. W. Winter, Anders Edström, 2020)

The Works and Days (C. W. Winter, Anders Edström, 2020)

A cabalo entre o histórico, o social e o político sitúase This Means More (Nicolas Gourault, 2020), que aborda a traxedia de Hillsborough, un incidente no estadio británico homónimo que supuxo centos de feridos e a morte por esmagamento de 96 afeccionados do Liverpool. O suceso foi aproveitado polo goberno de Thatcher para responsabilizar do acontecido aos seareiros desta equipa de fútbol, de extracción maioritariamente obreira e de esquerdas, se ben investigacións posteriores conseguiron demostrar que existira neglixencia no control do aforo por parte da policía. O documental reconstrúe estes feitos servíndose de imaxes xeradas por un software 3D que recrea as condicións do estadio no momento da catástrofe e denuncia como esta foi instrumentalizada para impulsar políticas dirixidas a dificultar o acceso de afeccionados de clase obreira aos estadios e favorecer así a mercantilización do deporte.

Outro dos filmes máis destacados desta edición, galardoado co Premio Jean Vigo á Mellor Dirección, é o británico Surviving You, Always, de Morgan Quaintance. O filme constitúe un relato descarnado sobre unha adolescencia marcada polo consumo de drogas alucinóxenas e por un amor frustrado. Formalmente componse dunha serie de imaxes fixas, lembranzas daquela época, sobre as que se impón un dobre relato que o xurado comparou cunha “viaxe de drogas que disocia a mente do corpo”, xa que o director combina unhas lendas explicativas que fan avanzar a narración e unha voz en off cun discurso diferente que se desenvolve de xeito simultáneo. De fondo, como símbolo e emblema dos anos de xuventude, escóitase a música da banda punk californiana Saccharine Trust, cuxo primeiro disco proporciona o título da curta de Quaintance.

Por último, cómpre mencionar un conxunto de filmes que se poden enmarcar dentro das correntes máis experimentais, vangardistas e abstractas. Un deles é, por exemplo, Earth in the Mouth (Ewelina Rosinska, 2020), un filme que mestura imaxes e sons de moi diferente índole, nalgúns casos sen relación aparente entre si, na procura de novos significados que xurdan da combinación dos planos, un traballo que a directora compara cun álbum de fotos en movemento ou coa acción dun caleidoscopio. Por outra banda, Signal 8 (Simon Liu, 2019), curtametraxe que obtivo unha mención especial do xurado, realiza un percorrido fragmentario pola xeografía urbana de Hong Kong centrándose nos contrastes que atravesan a ex-colonia: a grandiosidade escintilante dos rótulos de neon, dos fogos de artificio e das atraccións de feira contraponse á realidade escura do traballo e dos cascallos. O director tamén resalta o ritmo frenético dunha cidade no turbocapitalismo mediante a rápida sucesión de planos moi breves e a aceleración dalgúns deles.

Con todo, o filme máis notorio desta tendencia probabelmente sexa Amaryllis – a study (Jayne Parker, 2020), distinguido co Premio á Mellor Curtametraxe. Trátase dunha breve curta filmada en 16mm, sen son de ningún tipo, que nos amosa o interior das flores de amarilis coas súas diferentes partes constitutivas, coma se fose un estudo botánico. Chama a atención, en particular, a combinación de texturas e cores, especialmente a contraposición entre o amarelo do pole e o vermello dos pétalos. Na mesma liña, PSEUDOSPHYNX (Ana Vaz, 2020) sérvese dun tipo particular de bolboreta dos trópicos americanos, cuxa denominación científica dá nome á curtametraxe, para explorar as fronteiras entre o discurso científico e os elementos máxicos e misteriosos das sociedades tradicionais. Así, no filme, o momento da transformación das eirugas en bolboretas constrúese a través dunha mestura de cánticos rituais e imaxes de estudo, científicas, que a realizadora anima seguindo o ritmo da música mediante diversas operacións de montaxe: superposicións, coloracións, rotacións, etc. Deste xeito, como acontece en boa parte dos filmes máis destacados desta edición do Punto de Vista, o cinema actúa como espazo de encontro que saúda a vida, o reverso tenebroso da morte e o inevitábel ciclo que todo o renova.

PSEUDOSPHYNX (Ana Vaz, 2020)

PSEUDOSPHYNX (Ana Vaz, 2020)

Comments are closed.