RARA AVIS

32-dock-of-the-bay-3

Eva Rivera Soler é a Directora do Festival Dock of the Bay de Cinema Documental Musical de Donostia- San Sebastián

Ano tras ano, nestas datas, a catro meses do inicio de Dock of the Bay, xusto antes do comezo dun remuíño que durará até o último día do festival, a mesma pregunta regresa á miña cabeza: Por que o facemos? Que estraña forza me impulsa a dirixir un festival de cinema documental musical en Donostia? Se cadra é a falta de recursos da que sempre partimos a que fai que me cuestione isto. Se cadra, o noso asombro ao lembrar as salas cheas na edición anterior. Ou se cadra, a enorme cantidade de filmes dun xénero a priori minoritario que responden á nosa convocatoria dende os cinco continentes.

Promover e dirixir un festival de cinema documental musical nunha cidade pequena é un acto de resistencia cultural. Facelo supón traballar durante doce meses no visionado, na concepción da edición, na definición das diferentes seccións, na planificación da produción e, sobre todo, na procura de financiamento. Facelo supón, en definitiva, un esforzo descomunal que, sumado á falta dun retorno económico digno, fai que a única razón que atope nin sequera sexa a militancia cultural, senón a idea romántica da mesma.

Con todo e malia todo, acadamos un retorno único en troques deste sacrificio: un festival pequeno e singular, un festival no que o público, a música e o cinema rematan confluíndo nas salas e xerando unha atmosfera irrepetíbel.

A diferenza dos grandes festivais, os pequenos conseguios unha unión especial entre os filmes e o público. Os nosos espectadores toman conciencia da necesidade da nosa existencia, e de que somos un reflexo importante do pulso creativo dos nosos días. En certa forma, alíñanse coa resistencia cultural que representamos e acoden á nosa chamada, coidan a tódolos que traballamos no festival, e coidan a tódolos que nos visitan. Ademais, fano en comunidade, seguindo uns ritos que os conectan, co único obxectivo de ter unha experiencia compartida: gozar do cinema. Fano até tal extremo que rematan por ser os grandes protagonistas do festival. Aquí é onde o local se fai universal, e onde a cultura como valor en si mesmo cobra todo o seu sentido.

32-dock-of-the-bay-2

Por iso, por todo iso, dende hai varias edicións, concibo o Dock of the Bay como un festival do público e para o público. Isto supón asumir que o noso labor inclúe realizar un traballo antropolóxico de coñecemento dos nosos espectadores. O noso deber é comunicarnos con eles de forma constante, atender ás súas inquedanzas ou conseguir programar filmes inéditos que lles entusiasmarán, e en suma, seguir desenvolvendo o festival para mellorar aínda máis esas experiencias compartidas dun público crítico e militante.

A música eríxese como elemento esencial nesta unión simbiótica. O documentário musical é un xénero particular e clave na concepción do festival. Posúe unha capacidade excepcional para unir a música e o cinema, e isto fai que esa sensación de comunidade dos espectadores sexa aínda máis sólida e arraigada. O documentário musical non só logra que os melómanos se acheguen ao cinema e que os cinéfilos se acheguen á música; tamén que ambos gocen dunha mesma experiencia e acaben tendo un mesmo espírito de pertenza ao festival.

Debemos sumar a todo isto o compromiso de ser unha xanela para a produción local. Porque debémonos dalgún xeito a un ecosistema que ademais de estar formado por espectadores, está composto por creadores. Debemos ser especialmente sensíbeis cos traballos máis próximos e axudar a que vexan a luz. Debemos arroupalos, e facer todo o que estea nas nosas mans para impulsalos a outros festivais. Como festival pequeno e de público, o compromiso co territorio e cos seus creadores debe ser un dos nosos sinais de identidade.

Todas estas reflexións son as que hoxe conforman a resposta á miña pregunta inicial: Por que o facemos? Hai dez anos, no entanto, a nosa primeira edición partiu dunha maior inocencia e dun espírito máis combativo. Daquela non existían iniciativas similares en Donostia. Non se entendía a cultura alén do institucional. Iso supuña que o que a administración nos ofrecía era o que podiamos ter. Por sorte, esta tendencia foi mudando. Novos axentes culturais independentes foron xurdindo aos poucos, e foron transformando o tecido cultural de base. Se cadra hoxe atope menos ímpeto que naquela primeira edición, mais sinto un maior compromiso cos que me rodean. Xa non nos sentimos sós na nosa teima. Agora somos máis ben os románticos que loitamos por unha reivindicación do valor da cultura nesta cidade.

Dock of the Bay chegará á súa décima edición no próximo mes de xaneiro. Nacemos sen máis obxectivo que compartir e tentar que todos aqueles que nos rodeaban puidesen gozar dun xénero que nos apaixonaba: o documentário musical. Hoxe vémonos inmersos nun festival de oito días de duración, cunha programación extensa e coidada, con estreas internacionais que nos fan grandes por un día, cun seminario de reflexión con profesionais do sector, con decenas de invitados e acreditados, e, sobre todo, cun público ao que nos debemos. Hoxe tamén nos vemos inmersos nun tecido cultural no que se enfrontan unha explosión de ideas e pequenas propostas privadas, e unha falta de financiamento sistémica por parte das administracións e dos grandes patrocinadores. Se cadra precisamos mudar de modelo, ou cando menos debater o actual. Se cadra precisamos aumentar a sensibilidade cultural daqueles que nos teñen contra as cordas. Dende aquí, convídolles a que nos visiten. A que entren nas salas de cinema e vexan ao público erguerse das súas cadeiras e bailar fronte ás pantallas.

Comments are closed.