REC 2020: PRIMEIROS OLLARES

Mogul Mowgli (Bassam Tariq, 2020)

O Festival REC, que se celebra en Tarragona baixo a batuta de Xavier García Puerto, decidiu substituír nesta edición o seu xurado da prensa por un de cineclubes, unha novidade coa que pretendían prestar atención a uns colectivos que cada vez desempeñan un papel máis fundamental na industria cinematográfica. Grazas a este cambio de criterio (que oxalá empece a implantarse tamén en Galicia), puiden achegarme a terras catalás como representante da FECIGA e descubrir un evento cunha liña editorial centrada na estrea de óperas primas que foi quen de celebrar o seu 20º aniversario (a pesar das circunstancias) cun modelo híbrido que acadou 2.000 espectadores en sala e varios milleiros máis en Filmin. E grazas ao labor do comité de selección, tamén puiden ver varios títulos que posiblemente marcarán a carteleira de 2021.

Vea experimental

O Xurado Internacional outorgoulle o seu premio a Mogul Mowgli, de Bassam Tariq, o autor cunha das voces máis persoais da competencia. Apoiándose nunha magnética interpretación de Riz Ahmed (o feito de que o actor sexa tamén rapeiro na vida real e co-guionice o libreto debeu axudar a plasmar un dos mellores retratos cinematográficos desta cultura), crea con Zed un personaxe complexo e fascinante: un músico e axitador inglés de orixe paquistaní ao que unha estraña doenza paralizante faino enfrontarse á súa familia e á súa herdanza cultural. A posta en escena de Tariq alterna momentos de sinceridade emocional nada impostada (captados coa cámara en man para que doan máis) con secuencias musicais cheas de flow, e os adobía con digresións un chisco excesivas entre o onírico, o surrealista e o ciclotímico. O filme, imperfecto pero memorable, contén unha das tramas hospitalarias máis impactantes do audiovisual recente.

Xunto a esta, houbo outras propostas experimentais no concurso. A brasileira Irmã, da dupla Vinícius Lopes e Luciana Mazeto, buscaba plasmar a viaxe de dúas irmás ao interior do seu país na procura do pai ausente con ton de realismo máxico cuqui-estrafalario. Non sempre acertan os realizadores coas súas escollas e saídas de ton, pero non se lles pode negar que saben crear un universo propio e suxestivo, levado ao paroxismo coa chegada do asteroide. In Between Dying, do acerbaixano Hilal Baydarov, podería definirse como un desbordante poema fílmico que cativa pola beleza dos seus planos, composicións e paisaxes; con todo, acaba saturando pola reiteración de motivos e metáforas nunha road movie cara a ningures, a medio camiño entre Kiarostami e Tarantino.

Poderío francés

A cinematografía francesa continúa a demostrar a súa puxanza co trío de propostas galas da competición. Así, Slalom de Charlène Favier recibiu o premio do Xurado dos Cineclubes, sorprendendo por unha madurez e mestría que non son habituais nunha ópera prima. A premisa de esquiadora adolescente acosada polo seu adestrador podería ter acabado coma un brodio de sobremesa de Antena 3. Porén, uns xiros de guión implacables (que non eluden os clixés, senón que os estrullan até as últimas consecuencias), unha dirección precisa e eficaz (como nas sorprendentes secuencias de descensos alpinos a toda velocidade) e unha nova actriz, Noée Abita, que sostén a fita sobre o seu ollar e se come con papas a un inquedante Jérémie Renier, convértena nun dos debuts máis prometedores da última década.

O Xurado Mozo foi conquistado por Gagarine, de Fanny Liatard e Jérémy Trouilh, unha colorista fábula sobre a resistencia veciñal contra á especulación da banlieue parisiense nas antípodas de Les Misérables. A súa imaxinaría aeroespacial como recurso escapista da precariedade suburbial funciona soberbiamente a nivel visual, e custa non adherirse á súa mensaxe positiva a prol da loita comunitaria e intercultural fronte á xentrificación; aínda que, sendo escrupulosos, teríalle vido ben un pouco máis de escuridade para contrastar coa luz que desbalde: Yuri (fantástico Alseni Bathily) por momentos parece Amélie nos arrabaldes.

Mes Jours de Gloire, de Antoine de Bary, non levou premios pero fixo rir á audiencia, o que non é pouco: por que non soe ser habitual que os festivais aposten polas comedias na súa programación? “Comedia” pero entre aspas, iso si. A historia comeza seguindo as divertidas peripecias dun trintaneiro diletante encarnado por Vincent Lacoste (que carisma ten este rapaz para humanizar os bohemios burgueses) pouco afortunado no traballo e no amor, pero segundo avanza a trama vai abandonando o humor para abordar con empatía as problemáticas da saúde mental. Inexplicable que ningunha distribuidora quixese estrear este crowdpleaser nas salas comerciais españolas.

Gagarine (Fanny Liatard e Jérémy Trouilh, 2020)

Propostas orixinais

Nunha selección moi heteroxénea, brillaron fitas orixinais que sorprenderon polo inesperado das súas propostas. A grega Apples de Christos Nikou levaría o Premio do Público, talvez por ser quen de sintonizar coas angustias dos espectadores neste ano aciago e trasladalos ao seu mundo distópico e melancólico no que unha pandemia de amnesia causa moreas de cidadáns anónimos (hai que escoller ser cómplice da súa premisa para que funcione o dispositivo). Esta exploración sobre cuestións como a memoria, a identidade ou a dó segue o ronsel de Yorgos Lanthimos cun ton entre aséptico, irónico e absurdo, aínda que Nikou diferénciase ao engadir unhas pingas de tenrura puntual para facela máis dixerible. A ver como lle vai nos Oscars.

Diana Montenegro recibiu dúas merecidas mencións honoríficas por El alma quiere volar: esta ópera prima descobre unha creadora colombiana da que cómpre estar pendentes no futuro próximo. Película íntima e sensorial, a súa descrición dun clan de mulleres infelices desde os ollos dunha neta a piques de entrar na adolescencia ten ecos de moitos outros universos femininos, aínda que o resultado é profundamente singular. Amedoña adentrarse na súa atmosfera claustrófoba, cimentada na relixión e na superstición, e compartir o pesadume dunha familia de donas asoballadas, aínda que afortunadamente as protagonistas irán tomando consciencia da súa propia opresión. Un rico retablo latinoamericano feito sen apenas medios (a casa familiar é case a súa única localización), pero cunha ollada particular e talento de sobra.

A orixinalidade de The Best Is Yet to Come, de Jing Wang, reside paradoxalmente na súa plena asimilación ao modelo clásico do thriller de investigación xornalística (o da fundacional All the President’s Men ou das máis recentes Spotlight ou The Post) e a súa translación á realidade asiática, para co mcguffin dunha trama de tráfico de sangue falar en realidade da sociedade chinesa e os profundos cambios que atravesou, un pouco como fai o seu mentor Jia Zhang-Ke desde o noir. Unha mágoa que a súa férrea adhesión á fórmula e unha excesiva metraxe non axuden de todo a cristalizar unhas trazas autorais que se intúen. 

Selección local

Dous filmes máis de factura nacional completaban a sección oficial. Les Dues Nits d’Ahir, de Pau Cruanyes e Gerard Vidal, relata a escapada dun trío de colegas na vintena coa escusa de esparexer as cinzas doutro amigo finado nun accidente. Retrato xeracional e reflexión sobre os mecanismos do loito, bótase en falta un pouco máis de concreción en personaxes e situacións: o guión, escrito a oito mans por estudantes da Pompeu Fabra, quere contar demasiadas cousas en pouco tempo, e depende moito do bo facer dos actores para vender algúns lances. 

Un pouco o que lle pasa tamén á ateigada El arte de volver, de Pedro Collantes, que está artellada en torno á sucesión de conversas con familiares, amigos e descoñecidos de Noemí, unha actriz emigrada considerando o retorno a España que ten que sopesar as consecuencias das súas escollas e un lustro de ausencia. Macarena García está inmensa cargando co peso da función e desborda química cos seus partenaires, mais a verbosidade dos diálogos acaba por eclipsar a posta en escena no que semella máis unha serie de episodios que un todo.

Outras seccións

Aínda que a competición copou a atención do cronista, púidose atender a cousas soltas dos ciclos paralelos. Así, destacaría o acerto de escoller Josep, estrea na dirección do debuxante francés Aurel, como película de inauguración. A animación resulta o medio ideal para plasmar a experiencia do ilustrador Josep Bartolí nos campos de concentración franceses para exiliados republicanos españois, e a súa mensaxe sobre a memoria histórica non podía chegar nun momento máis oportuno. Tamén oportuno foi rescatar a aquí inédita Buio, da italiana Emanuela Rossi, unha escura (tamén no sentido de falta de luz) fábula sobre tres irmás que crecen illadas nunha mansión por mor dunha apocalipse solar onde son manipuladas polo pai, pois despois de padecermos meses de confinamento gaña en matices e lecturas.

Ademais, puidemos ver algunhas das estreas máis agardadas da tempada, como Lúa vermella, na que Lois Patiño por fin dá transcendido o paisaxismo turístico do Novo Ninema Galego e entrega algo con chicha, un hipnótico conto de meigas e pantasmas de tinturas lovecraftianas; ou a controvertida Beginning, da xeorxiana Dea Kulumbegashvili, que arramplou co palmarés de Donostia cun retrato hiperrealista e moroso da violencia contra as testemuñas de Xehová e que pon a proba a resistencia dos espectadores, desafiándoos a non abandonar a sala vexación tras vexación. Facendo balance, aínda pagou a pena atravesar a Península a pesar da covidia para poder ter visionado unha colleita tan ben apañada.

Beginning (Dea Kulumbegashvili, 2020)

Deixa o teu comentario