REIVINDICANDO A ANTONIO MAENZA, O CINEASTA, NON O MALDITO

Intentaremos non repetir todo o xa dito sobre Maenza ao longo deste texto, é dicir, intentar fuxir de todos os clixés xa consabidos e preexistentes que existen sobre a figura do cineasta turolense. Aínda que por desgraza descoñecido para a maioría do público, tanto xeralista como máis especializado, sen lugar a dúbidas o adxectivo que acompaña o nome de Antonio Maenza é o de maldito. Ese “malditismo maenziano” é o que, dun modo casi marxista, imos intentar erradicar ao longo do texto, co único obxectivo de poñer no coñecemento, defender ao fin e ao cabo, ao Maenza cineasta, cuxa obra ten, baixo a nosa opinión, moito máis que dicir que as súas circunstancias vitais. Pero comecemos polo principio…

maenza

Durante a pasada edición do festival de cine documental de Pamplona Punto de Vista levouse a cabo a que podía considerarse a primeira retrospectiva (completa e exclusiva) adicada ao cineasta. “Maenza existe” era o título de dita retrospectiva, que este ano conformaba a sección Heterodocsias, adicada exclusivamente a recuperar, reivindicar e dar a coñecer a obra de cineastas da vangarda ou da periferia. Dita retrospectiva estivo composta polas películas de Maenza, pero tamén por mesas redondas de debate e algunha proxección paralela centrada na figura do cineasta. Este texto parte desas xornadas e supón unha posta sobre o papel das ideas (en común) sacadas sobre a figura do director turolense.

Inevitablemente (que lle imos facer) para falar de Antonio Maenza recúrrese a falar da súa personalidade, da súa figura, da súa forma de ser e comportarse. Xa en todos os textos introdutorios e de presentación en Punto de Vista defíneselle con calificativos a priori non moi positivos como: “insensato”, “persoa desmesurada”, “con moitas obsesións e manías”, “cun desaxuste coa realidade que ía en aumento”, etc. Este imaxinario é o que parece ter quedado alén de Antonio Maenza, porén, como veremos a continuación, o cineasta foi máis alá diso, e deixou tras de si unha obra (tres filmes, un deles non finalizado) capital e crucial no convulso contexto sociopolítico da súa época.

Antes de entrar en profundidade cos seus filmes, tocaría destacar a espléndida aposta realizada por Punto de Vista á hora da proxección das obras, cousa que é moi de agradecer nestes tempos que corren. O festival optou por proxectar as películas tal e como o facía Maenza, polo tanto, a proxección muda das imaxes correspondentes de cada filme estaban acompañadas dos comentarios que o propio Maenza escribira para acompañar, aínda que nesta ocasión lidos por xoves actores, coa intención de que a díctica se asemellara o máximo posible á do propio cineasta cando proxectaba as películas (xa que naquela época era el mesmo o que, xunto cos seus amigos, poñía voz ás imaxes).

El lobby contra el cordero

A primeira película de Maenza foi filmada en Zaragoza no 1968. En pleno contexto político internacional arredor do Maio do 68 (aínda que sendo sinceros sería moi difícil afirmar ata que punto afectaban as revoltas á sociedade española), o cineasta turolense sácase da chisteira esta obra practicamente inclasificable e que definde o caos como bandeira. Cunha produción ínfima, feita case sen cartos, cousa na que insiste durante o filme, non estamos ante unha película para nada doada de dixerir. Falar de argumento para achegarnos á película tampouco é posible. El lobby contra el cordero é unha película de sensacións, de situacións, de momentos; pero tamén é un filme de intervención, de provocación, de happenings. Polo tanto, estamos ante unha auténtica obra rupturista. Maenza filma a cidade (e o que nela el e a súa troupe queren que ocorra) á súa maneira, baixo o seu modo de entendela, como se esta estivese absorbida polas súas ideas, baixo a súa ideoloxía. Algo que provoca un gran contraste entre a Zaragoza do Lobby e a Zaragoza real a España de finais dos 60.

A isto engádelle algunhas das características que si que poderían definir máis en común o seu cine. A literatura vólvese parte fundamental do filme, tanto nas propias imaxes a película, chea de citas literarias como nos comentarios que acompañan á cinta, onde constantamente hai referencias literarias, na maioría de ocasións dun alto calado intelectual. Tamén chama a atención a fervente crítica á publicidade, que se pode sobreentender tanto a partir das imaxes coma dos textos escritos.

En definitiva, El lobby contra el cordero é unha película-espectáculo, película-intervención, película-performance ou como queiramos chamalo. Pero, en definitiva, é un caos: un caos natural e voluntario. Ese constante desafío ao espectador é o que leva ao filme a outra dimensión cun punto culminante nas escenas surrealistas (nunca mellor dito) nas que Maenza persegue coa súa cámara a Don Luis Buñuel pola súa Calanda natal.

lobbycordero

Fotograma de la película ‘El lobby contra el cordero’

Orfeo filmando en el campo de batalla

En Orfeo filmando en el campo de batalla (1968), segunda película do realizador, témonos que trasladar á cidade de Valencia. O cambio de cidade non implica para nada un cambio radical no estilo fílmico proposto polo cineasta. Atoparémonos de novo ante unha película-caos, rupturista, cun estilo totalmente oposto ao cine proposto nun estado español aínda inmerso na ditadura.

De novo falar de argumentos é imposible. A película comeza cun prólogo alegórico, onde outra vez as citas literarias cobra peso, que pon sobre a mesa a idea do cineasta-militante como axente político do cambio. Maenza quérenos dicir, literalmente ademais nos comentarios do filme, que os cineastas deben organizarse (como os seus compañeiros brasileiros) e converterse en axentes da revolución. Aquí, polo tanto, sobreenténdese un Maenza directamente máis político que na súa película anterior, aínda que resulte moi complicado ao longo da súa obra encasillar ao director no que viría a ser a “esquerda antifranquista”, polas súas constantes irreverencias e reflexións moi críticas respecto á esquerda organizada e hexemónica.

A película segue con máis happenings e postas en escena subversivas polas rúas de Valencia. Os actores interactúan coa xente, provocan, desafían. O caos segue apoderándose do filme ata que chegamos á longa escena final. Unha escena de amor libre e subversión, onde o caos non está para nada ausente. Dous homes e unha muller entréganse en corpo e alma no que devén posiblemente nunha radical secuencia onde sexo, ideoloxía e cinema péchase entre catro paredes co obxectivo de buscar unha verdade absoluta que parece non van atopar.

Hortensia/Beancé

Dicir que Hortensia/Beancé (1969) non é tal cual un filme. O que se puido ver en Punto de Vista é o copión do filme, producido por Pere Portabella, que nunca se rematou de montar. Porén, é un documento excepcional que retrata á perfección unha época e unha corrente dentro do cinema español. Maenza traballando codo con codo coa gauche divine barcelonesa, e contando cunha troupe de actores, con Emma Cohen á cabeza, vangarda da (contra)cultura barcelonesa da época. Por desgraza, o que se tiña que converter nunha película de culto, como en moitas ocasións ocorre, quedou en nada. Catro horas de filmación de difícil acceso e todavía máis difícil comprensión.

Semellaba que este filme ía ir un pouco máis alá. Unha fotografía moi coidada, uns actores e unha posta en escena moi coidada, onde parecía que esa improvisacións e desparpajo de películas anteriores quedaba en segundo plano. Ao menos, observando estas imaxes puiden intuír a esencia da película que non puido ser.

materialista

Fotograma do documental ‘Materialista, idealista, cinematógrafo, magnetófono, buen chico y sádico’

Un achegamento á obra de Maenza: materialista, idealista, cinematógrafo, magnetófono, bo rapaz e sádico.

Completaba a retrospectiva sobre o cineasta turolense a película Materialista, idealista, cinematógrafo, magnetófono, bo rapaz e sádico, película do cineasta valenciano Carles Candela sobre a figura de Maenza e que tiña no festival a súa estrea. Un exercicio de devoción e admiración á figura do realizador. Unha búsqueda a través de filmotecas e particulares, da obra (tanto física como fílmica) do cineasta. Unha peza arriscada, cun estilo buscadamente de constante tensión, que supón un achegamento ao cine de Maenza tanto en posta en escena como en contidos, ao fuxir do formato convencional dos documentales-biopic e converter a película nunha peza personal de admiración e respeto cara o mestre turolense.

Comments are closed.