RELATOS SALVAJES, de Damián Szifrón

23 Relatos Salvajes 2

A última longametraxe do guionista e director Damián Szifrón é, en primeiro lugar, un magnífico divertimento, unha maquinaria perfectamente engraxada da que se goza moito máis se se sabe pouco ou nada da súa narración. Nunha época na que os trailers están deseñados para non deixar nada á imaxinación, o deste filme ten a rara habilidade de suxerir sen destripar ningunha das historias e sen desvelar ningún dos seus moitos gags humorísticos. Porén, se isto nos tempos que corren xa é unha proeza en si mesma, no fondo non é máis ca unha mostra do exercicio de reflexión, creatividade e crítica que Szifrón practica na súa proposta máis recente. Dado que a sorpresa e a identificación consecuente son factores fundamentais do goce de Relatos Salvajes (2014), resulta complicado avaliar este filme sen revelar os conflitos expostos e as súas respectivas resolucións. Tentaremos estar á altura do desafío e omitiremos na medida do posíbel toda alusión a tramas concretas, polo que obviaremos toda mención á historia que abre o filme, ‘Pasternak’, un arranque prodixioso no que Szifrón senta as bases dos seus Relatos Salvajes.

Nove anos transcorreron dende a estrea de Tiempo de valientes (Damián Szifrón, 2005), unha comedia de acción onde xa se tocaban algúns dos temas que percorren a nova longametraxe do cineasta e escritor arxentino: a ira provocada pola frustración cotiá, o humor inherente a certos actos violentos, a ineptitude de determinados sectores da administración pública e a corrupción sen límites doutros. Se co devandito filme o cineasta conseguira xuntar os aplausos da crítica e do público, con Relatos Salvajes logrou depurar e enriquecer tódalas virtudes do seu traballo precedente. Dende un punto de vista técnico, o filme supón unha maduración do seu estilo: a coidada fotografía de Javier Julia, a presenza de determinados planos subxectivos diseminados ao longo da narración que subliñan a sensación de inestabilidade e desasosego, a montaxe rítmica asinada por Pablo Barbieri Carrera e o propio Szifrón, así como a magnífica e magnética banda sonora do compositor Gustavo Santaolalla. Ben é certo que este despregue visual tamén se debe á forte aposta que os irmáns Almodóvar e a súa produtora El Deseo fixeron a prol de Relatos Salvajes, permitindo ao realizador arxentino traballar co orzamento máis folgado até a data. O incremento do investimento permitiulle, por extensión, contar coa participación de grandes estrelas do star system arxentino como Ricardo Darín, Leonardo Sbaraglia, Darío Grandinetti ou Érica Rivas.

23 Relatos Salvajes 3

Seis días de furia

O eixo vertebrador das seis historias que forman Relatos Salvajes resúmese no seu slogan promocional: “Todos podemos perder o control”. É atinado non só porque é o nexo de unión entre as distintas pezas, senón porque apela á identificación co espectador. Moitos foron os que viron na proposta de Damián Szifrón unha dura crítica á sociedade arxentina, anque a mensaxe do filme ten unha proxección universal: Quen non se sentiu frustrado por unha humillación pública? Quen non sufriu o desprezo daquel que sentía nunha posición de superioridade? Quen non pagou por culpas alleas ou se viu atropelado por un erro burocrático? Malia que levados ao extremo para explotar a súa comicidade ao máximo, os relatos da longametraxe son reais como a vida mesma, e é por iso que lograron unha resposta tan positiva dos espectadores: sen ir máis lonxe, a obra obtivo o Premio do Público no Festival Internacional de Cinema de Donostia e no Festival de Cinema de Saraxevo, sen esquecer a súa participación na sección oficial do Festival de Cannes.

Relatos Salvajes explora o lado máis escuro da natureza humana a través de actos cotiáns, rituais comúns ou de historias que nos son coñecidas malia que non as vivamos en primeira persoa. Pouco a pouco, a medida que transcorren os minutos, a violencia reflectida vai in crescendo: dende o brillante sketch inicial até o relato costumista dunha voda que pecha o percorrido de atrocidades. Conforme a tensión vai ascendendo as notas cómicas van diminuíndo -anque nunca desaparecen- para pór o foco na indignación, na inxustiza ou na frustración en función do caso concreto: esmagadoras, aterradoras e diametralmente opostas son, por exemplo, as resolucións dúas últimas pezas, ‘La propuesta’ e ‘Hasta que la muerte nos separe’.

Con todo, o máis salientábel de Relatos Salvajes é o enxeño do seu director para expor e resolver os dilemas morais expostos ante a cámara. Dunha banda, porque lle serven para facernos cavilar sobre a violencia cotiá, sobre os nosos pequenos días de furia, sobre os nosos actos e os actos dos demais; e doutra, porque lle permite facer unha radiografía da sociedade capitalista contemporánea e do seu uso das plataformas de comunicacións. Especialmente brillante é a súa mención a Twitter, tanto polo eco mediático que esperta na trama como polas formulacións morais que as opinións alí vertidas xeran. A súa inserción supón un dos momentos máis divertidos do filme, mais non podemos deternos nel para non desvelar o final dun dos capítulos do filme. Cun discurso solvente, unha execución impecábel, un guión intelixente e un elenco maxistral, Relatos Salvajes é a confirmación de que debemos seguir a pista do traballo de Damián Szifrón, un cineasta capaz de axuntar entretemento, humor, reflexión e crítica social. 

Comments are closed.