RENÉ, de Helena Třeštíková

Esta peza foi elaborada durante o obradoiro do Seminario de Crítica Cinematográfica que organizamos en Play-Doc, Festival Internacional de Documentais de Tui 2017

As historias de perdedores adoitan gardar un agarimoso espazo nos espectadores. É doado simpatizar e empatizar con personaxes ás que a vida non deixa de afundir golpe tras golpe. Porén, a historia de René non encaixa no estereotipo de ‘born to lose’ habitual. Tras un primeiro paso pola cadea, René entra nun bucle infinito de entradas e saídas da mesma. Un espiral que acaba por confundir coa vida. Cada vez que entra, unha promesa retumba, de novo, nas mesmas paredes da cela: “non volto aquí”. Helena Třeštíková filma a René durante vinte anos seguindo estas entradas e saídas desde a adolescencia ata a etapa adulta. Este método de traballo da directora checa permítenos coñecer a evolución de René e entender, que non compartir, as súas accións. De xeito paralelo, o contexto social faise presente a través das imaxes dos televisores que René emprega. Neles, a disolución de Checoslovaquia, a constitución da República Checa, a Unión Europea…

RENE

Como sabendo o que se vén por diante, Třeštíková filma a un e outro presidente xurando o cargo, incluso a si mesma no seu breve paso polo Ministerio de Cultura checo, mentres vemos como René vai caendo máis e máis nun abismo, nunha fenda do sistema na que a xente coma el non recibe ningún tipo de atención por parte do Estado. O filme adopta, no seu transcurso, dúas posicións. A primeira, a da representación dunha persoa; a segunda, a da autorrepresentación, e da que falarei máis adiante.

Třeštíková filma a René sen limitar ou censurar as súas palabras ou as súas accións. Un punto de vista case observacional no que, de non ser polo diálogo que René mantén en todo momento coa directora/cámara, podería semellar o dun filme de Wiseman. O filme avanza coa presenza periódica de textos que nos describen a historia de René durante as elipses de tempo. Todo desde un punto de vista case externo, coma desde fóra, evitando inserir no filme a relación entre directora e protagonista.

“Son un obxecto de estudo?”

René mantén unha correspondencia coa directora, cartas que el mesmo le para empregar como voz en off. Declaracións sinceras e directas nas que René se abre deixando brotar os seus sentimentos. Ano tras ano, entre René e Helena vaise formando un vínculo moi próximo que apenas é reflectido nas imaxes, onde poucas veces comparten plano. O momento crucial para a película chega cando René, farto da distancia que mantén Třeštíková pregúntalle pola súa relación, polas cartas que intercambiaron: “Que son para ti? Un amigo ou un obxecto de estudo?”.

Aquí a película entra na segunda posición que antes avanzabamos: a autorrepresentación. Por unha banda, as palabras de René entran no filme, xirando a atención cara a directora por primeira vez. Non é durante as imaxes do seu nomeamento como ministra cando pensamos nela, é cando René a acusa directamente de estar empregándoo coma experimento, coma historia. A partir deste intre, o filme adopta unha nova lectura. Incluso o feito de que René roube na casa de Třeštíková adopta un novo significado: ao fin e ao cabo, se ela o está a empregar, por que el non o pode facer?

Por outra banda, o feito de que a directora deixe estas palabras dentro do filme delatan unha intencionalidade cara este debate. Třeštíková é plenamente consciente do que vai sentir o espectador cando vexa esa secuencia, é consciente de que todo o anterior terá unha nova lectura; é consciente disto porque ela mesma experiméntao. René non é un delincuente outsider como levabamos a ver todo o filme, alguén que nin dentro nin fóra do cárcere sabe vivir; René é un humano, con sentimentos e circunstancias.

Comments are closed.