(S8) Mostra de Cinema Periférico 2021

A mostra que conquista o corazón dos seguidores do cinema máis experimental volveu á cidade da Coruña fai uns días. Do 28 de maio ao 6 de xuño, o (S8) Mostra de Cinema Periférico celebrou a súa XII edición, apostando de novo polo formato dual, combinando presencialidade con contido online. Un acerto de xestión en tempos de pandemia, mais tamén no actual mundo transmedia. Dentro da ampla programación do festival, recollemos unha selección co mellor deste ano:

Val del Omar

José Val del Omar (Granada, 1904 – Madrid 1982) foi o epicentro desta edición e un dos máis grandes agasallos dentro da programación. Durante a mostra produciuse a estrea do programa dobre dedicado á obra deste artista multidisciplinario, un proxecto de Acción Cultural Española (ACE) comisariado polo (S8) e coa participación do Arquivo de Val del Omar. Iniciativa deseñada para a internacionalización da figura do granadino que itinerará por importantes institucións e eventos culturais do mundo ao longo do próximo ano. O (S8) permitiu ao seu público asistir a algo inédito: a proxección en 35 mm de Tríptico Elemental de España, filme marabillosamente indescritible, obra mestra do cinema experimental. Acompañado isto dun programa especial deseñado polo propio (S8), “Val del Omar, o cinema como elemento”, no que se rastrexaba o calado atemporal das ideas de Val del Omar en obras históricas de vangarda e en pezas de novos cineastas contemporáneos como Valentina Alvarado, Antoinette Zwirchmayr, Colectivo Los Ingrávidos, Helena Girón e Samuel Delgado, Kerry Laitala, Marie Menken, Ken Jacobs, Kenneth Anger e Jeannette Muñoz. Tamén cabe destacar a conferencia “Val del Omar. Unha aproximación” coa presencia de: Piluca Baquero (directora do arquivo), Gonzalo Sáenz de Buruaga (colaborador e amigo de Val del Omar), Víctor Berlín (experto na obra do granadino) e moderada por Elena Duque (cineasta e programadora da mostra). Neste encontro foi posible asistir a unha análise da obra, vida e invencións de Val del Omar, ademais dunha demostración técnica dun dos seus instrumentos de proxección e diapositivas. 

Foco Sinais: Helena Girón e Samuel Delgado

A famosa sección Sinais, dedicada ao percorrido da obra de cineastas galegos, centrouse esta vez no traballo de Helena Girón e Samuel Delgado. A parella de cineastas mostrou os seus filmes Sin Dios ni Santa María, Montañas ardientes que vomitan fuego e Plus Ultra, así como imaxes do seu novo proxecto (o primeiro de longametraxe) Eles transportan a morte. A través deste cóctel visual observouse a evolución do proceso creativo de Girón e Delgado, o traballo coa experimentación e a técnica, así como a súa especial decantación pola mística, a simboloxía e relectura do histórico. Todo culminou ademais coa súa performance dentro do programa Desbordamentos no patio da Fundación Luis Seoane. A galega e o canario rebentaron sonoramente o espazo e apostaron pola transformación do rostro proxectado, xogando co espectador dun xeito sutil e elegante, demostrando como moitas veces o “sinxelo” impacta máis que o cúmulo de artificios.

Helena Girón e Samuel Delgado

Quen son? Auto-etnografías fílmicas de artista

Un espazo de grande interese que se deu este ano no (S8), e que agardemos que se repita, foi o encontro entre a Facultade de Belas Artes de Pontevedra e a de Cuenca. Pola parte galega, a cineasta Xisela Franco foi a representante docente que presentou o traballo fílmico creativo das súas alumnas: El Viaje (Claudia Pineda), Eterno Retorno (Marta Gil Silva), Nombre Femenino Plural (Valeria Martínez, Raquel Álvarez), ¡Eh, tú!, Mala Pécora (Tamara Goberna García), No Binare (Lili Lago) e Diálogo (Laura Cid Rascado). Estas artistas novas demostraron unha gran capacidade de reflexión e creatividade nas súas primeiras obras. Galicia entrou en diálogo neste ámbito con Castela A Mancha, concretamente con Cuenca, cuxa representante docente foi a artista Esperanza Collado. Neste caso, o alumnado participou xunto coa súa profesora nunha performance dentro do programa Desbordamentos. Marta Feiner, Tzuhan Hung, Toni Serrano, Paula Guerrero, Javi Montero, Bruno Delgado Ramo e skaters da Coruña levaron a cabo unha acción chamada Kicked with the Front Foot on the Dark Side of The Deck, na que os xogos cromáticos, a proxección en 16mm, a música en directo e os trucos de skate non deixaron indiferente a ninguén. O alumnado de ambas facultades tivo a oportunidade de falar, expoñer puntos en común e repensar a universidade como lugar de creación. 

Deborah Phillips

Conquistou o corazón do público dende o primeiro momento, xa que a figura e a obra de Deborah Phillips namoran a calquera. A artista alemá leva dende os anos 80 creando e o seu traballo caracterízase pola materialidade, pola capacidade de facer coas mans. Claro exemplo da relación entre as belas artes e o cinema, Phillips viaxa polo fílmico a través dos collages, a pintura, os obxectos atopados, o contraste de cores e obxectos e sons, usando transparencias, laca de uñas, apostando polo cine sen cámara. As dúas sesións que recolleron a súa obra foron acompañadas por unha performance da propia Deborah Phillips dentro do programa Desbordamentos: Noite Berlinesa, no patio da Fundación Luis Seoane, que puxo ao público en pé, aplaudindo, sorrindo e celebrando o traballo e a vida da artista; e CHIN-CHIN (2013-2014), filme que homenaxea a universalidade do brinde e coa que a cineasta puxo a brindar a todo o público, un claro exemplo do constante interese da alemá polo tratamento da liberdade, a memoria e a ruptura de fronteiras na súa obra, fermosa pero firme. 

Deborah S. Phillips

Tomonari Nishikawa

Algo que se agardaba con moitas ganas e expectación foi a proxección en celuloide do cineasta xaponés Tomonari Nishikawa, o cal non defraudou ao público. Unha escolma fílmica na que a intensa capacidade de observación do espazo de Nishikawa permitiu aos asistentes cambiar, polo menos durante un tempo, a súa forma de mirar. O xeito de habitar, de captar, de plasmar os lugares na película deste artista demostran o seu elevado coñecemento técnico, mais tamén o seu gusto polo xogo, a experimentación e a curiosidade. O traballo coas formas, as repeticións de esquemas, as cores, a fusión de movemento sonoro e movemento de imaxe, a permanente presenza arquitectónica, a distorsión… Como favoritas, a serie de Sketch Film, películas filmadas en Súper 8, fotograma a fotograma. Tomonari Nishikawa, en pura esencia, no (S8).

Sixpackfilm: body games

A mostra contou tamén cunha Carta Branca, comisariada por Dietmar Schwärzler, arredor da colección de Sixpackfilm, mítica cooperativa e distribuidora de cinema experimental austríaca. Neste programa en torno ao corpo e ao seu uso como ferramenta de provocación directa e indirecta, púidose gozar de pezas espléndidas e inaccesibles noutros contextos. Kunst & Revolution (Ernst Schmidt Jr., 1968) performance que escandalizou á sociedade austríaca da época por mostrar aos seus protagonistas autolesionándose, mexando e defecando en público mentres cantaban o himno nacional. Otmar Bauer Zeigt (Otmar Bauer, 1969), unha das pezas máis difíciles de contemplar e das máis famosas e radicais do accionismo vienés, ao tratarse de 7 minutos durante os que Bauer, o autor, vomita, mexa, come e revólvese nos seus propios fluídos sen deixar de mirar a cámara. Destacan tamén as obras de Mara Mattuschka, como NAFELFABEL (1985), na que a autora se somete a unha especie de segundo nacemento; S.O.S. EXTRATERRESTRIA, na que a súa libido a acaba levando ata a Torre Eiffel; ou ES HAT MICH SEHR GEFREUT (1987), na que Mimi Minus, nome polo que tamén se lle coñece, realiza unha brevísima acción permormática erótica na que o seu corpo vese diminuto e resplandecente e tras un flash final, ante a cámara, dinos: “Foi un pracer”. 

Tomonari Nishikawa

Comments are closed.