(S8) Mostra de Cinema Periférico 2022: Xogos, percorridos e pestanexos

Amy Halpern

Un ano máis, a cidade da Coruña acolleu unha das mostras de cinema experimental máis valoradas de España. Dividida en diferentes sedes (Porto, Fundación Luís Seoane, Domus e Sala Palexco), a (S8) Mostra de Cinema Periférico inaugurou o verán cunha gran variedade de proxeccións e actividades concibidas en torno ao cinema en analóxico e á experimentación audiovisual. Desde A Cuarta Parede facemos un repaso dalgunhas das súas seccións e retrospectivas.

AMY HALPERN

Unha das grandes invitacións desta última edición, descuberta por sorpresa polos programadores do festival, foi a cineasta californiana Amy Halpern, protagonista de Falling Lessons, unha carta de amor á súa obra dividida en dúas seccións. Coñecida tamén polos seus traballos como gaffer e/ou directora de fotografía en películas como The Decay of Fiction (Pat O’Neill, 2022) ou My Brother’s Wedding (Charles Burnett, 1983), a súa obra caracterízase por unha aguda preocupación pola luz e o movemento. Así, Halpern rexistra as variacións que se xeran en corpos e obxectos dentro do plano fixo. Móstranos o arrolarse dunha cortina, a interacción dun corpo espido cunha parede, o reptar dunha serpe, os cambios lumínicos nunha posta de sol ou o baile de mans dunha muller ao bordar. Nun acto de observación contido e minucioso, cada peza contén un relato implícito.

É a súa mediometraxe Falling Lessons, que dá nome á retrospectiva, a obra cumio na que se aprecian todas as inquietudes da cineasta. Construído como un carrusel de retratos, rostros de todo tipo sucédense ante a cámara. Cada un deles esconde un misterio, un enigma diferente. Existe unha preocupación importante na concepción da mirada, principal ferramenta narrativa da cinta. Os rostros non coinciden no encadre, pero comunícanse entre eles a través dos ollos, xerando diálogos e conflitos, maioritariamente silentes. Todo envolvido nunha sensación de suspense in crescendo, a cinta funciona como un estudo da xestualidade e rango emocional humano.

Amy Halpern

LEAH SINGER E LEE RANALDO

Unha sorte de homenaxe á lonxeva relación persoal e artística que manteñen aínda a hoxe a fotógrafa e artista audiovisual Leah Singer e Lee Ranaldo, guitarrista e en ocasións vocalista do grupo de rock alternativo estadounidense Sonic Youth. O diálogo entre imaxe e son, principalmente musical, supón o fío condutor dun conxunto de pezas nas que, ademais de experimentar co medio fílmico e a montaxe, pescúdase o vínculo sentimental que une a Singer e Ranaldo. Así, se en LIVE, MANIPULATED SUPER 8 FILM PROJECTION OF SONIC YOUTH/PAVEMENT PERFORMANCES Singer filma un directo de Sonic Youth en Italia, en LS Central Park é Ranaldo quen suxeita a cámara e realiza un retrato de Singer durante unha tarde en Manhattan. É un retrato do propio parque a través do rostro da artista, cuxas faccións acaban por confundirse cos arboredos na escuridade da noite neoiorquina. A paisaxe urbana supón un tema recorrente na obra de Singer; desmiuzado e fragmentado, en pezas como Here os edificios vólvense quebracabezas, os corpos montañas e as luces de farois buracos de verme. Ocorre o mesmo en Drift, onde as imaxes de Nova York vanse tornando sinistras segundo avanza a metraxe. Figuras cotiás vólvense terroríficas, presaxiando o lume e a guerra. En Navil Milk Prison, a imaxe dunha muller e unha nena nun coche inspíranos un espazo sonoro cotián, probablemente ao son da radio e dos pneumáticos sobre o asfalto, pero Singer substitúe estes elementos por unha voz en off caótica que enumera palabras e frases sen sentido nun percorrido polo subconsciente.

Lee Ranaldo & Leah Singer

Foron Singer e Ranaldo, precisamente, os que deron clausura ao festival. Contre Jour, un espectáculo escénico no que Singer proxecta imaxes sobre un Ranaldo que toca unha guitarra inquieta e levitante, sostida do teito por unha corda e ocupando o espazo como un péndulo xigante. Unha danza totalmente coordinada entre son e imaxe que funciona como broche final perfecto para esta homenaxe aos seus autores.

UTE AURAND

Desde os anos 80, Ute Aurand compaxina o seu traballo artístico co comisariado e o profesorado. Nada en Frankfurt/Main e con estudos na Deutsche Film — und Fernsehakademie Berlin (DFFB), Aurand consagrouse como unha montadora a referenciar debido á linguaxe tan definida e persoal que a caracteriza. O seu cinema é como un continuo pestanexo: cortes rápidos e constantes, cambios bruscos de exposición que lembran a escintileos e apagamentos de luz. 

Devota ao cinema en 16 mm, a S8 realiza unha selección de obras da cineasta e divídea en dúas seccións construídas ao redor de eixos temáticos diferentes. O primeiro deles, e composto por Schweigend ins Gespräch vertieft, Fadenspiele 2 e Terzen, céntrase na “idea de xogo”, algo explorado por Aurand tanto a nivel formal como temático. A autora preséntase como unha mestra do engano, introducindo con frecuencia desafíos ópticos para o espectador e o seu entendemento: reflexos, xogos de luces e sombras e perspectivas confusas repítense na imaxe. É especialmente destacable nesta investigación o que ocorre en Fadenspiele 2 (‘xogo do cordel’, en galego), algo así como un quebracabezas bidimensional animado no que se presentan dous mundos diferentes: un ‘virtual’, feito a base de papel, tesoira e mesa, e outro ‘real’, situado no interior dun bosque. Falamos de bidimensionalidade en canto a que se presentan como realidades paralelas, e a ‘virtual’ podería perfectamente ser unha abstracción da ‘real’. En ámbalas partes, Aurand desafía ao espectador da mesma maneira, a través de formas, cores e obxectos movéndose a pesar da ausencia humana.

O segundo eixo temático definido pola S8 sería o do afectivo, o vínculo e os diferentes modos nos que o ser humano se relaciona e se enfronta a si mesmo. Un conxunto de retratos nos que se fala da amizade (Bärbel und Charlie), a idea de familia e fogar en toda a súa amplitude (Halbond für Margaret) ou a morte desde dous prismas diferentes (Der Schmeterling im Winter): o daquel que a vive nesas carnes que se deterioran, e o daqueloutro que vive e asume a perda do ser querido.

SINAIS

Sinais preséntase, desde hai anos, como unha das seccións máis interesantes do festival ao acoller e celebrar algunhas das pezas máis relevantes do panorama galego actual. Un espazo no que conviven cineastas emerxentes e outros xa consagrados, pezas totalmente experimentais e outras máis próximas ao documental. Como novidade este ano, a mostra decidiu romper esa barreira xeográfica e incluír na súa programación obras producidas fóra de Galicia. Películas chegadas de diferentes puntos de España e Latinoamérica dialogan entre elas, agrupadas, de novo, segundo tres eixos temáticos diferentes, esta vez construídos ao redor da propia natureza das obras.

Celuloide, cinema sen cámara e abstraccións visuais compoñen esta primeira agrupación. O elemento que os une: a luz, ferramenta fundamental de toda obra cinematográfica. Deste xeito, a sección propón unha viaxe desde a abstracción cara ao figurativo. Comezando en pezas nas cales a experimentación co dispositivo fílmico e a propia película é o punto de partida (en obras de Aura Vega e Álvaro Feldman), as figuras vólvense máis nítidas e agora é a propia imaxe, paisaxes neste caso (en obras de Claudia Pineda, Carla Andrade e Acacia Ojea), a que esconde abstraccións accesibles a través da quietude e a contemplación. Os lugares abertos péchanse con A Casa do Norte, de Inés Lima, unha descrición do fogar a través dos seus elementos. Un percorrido do abstracto ao conciso que remata con A un FPM, de Saru Miras, cunha reflexión sobre a propia idea de percorrido ou viaxe, esta vez a través da película fílmica en si mesma. Cantos metros de Super 8 son un quilómetro?

Corpo d´auga, de Claudia Pineda

Con obras de NUCBEADE, Concha Barqueiro e Alejandro Alvarado, Jaione Camborda, Helena Estrela e Álvaro Feldman, a segunda agrupación está dedicada a aqueles filmes que teñen un carácter máis documental. É unha boa mostra de cantas maneiras pode adoptar este xénero: desde a reivindicación política a través do found-footage, pasando polo documental autorreferencial ata o sinxelo rexistro duns bois interactuando entre eles.

A terceira agrupación é unha homenaxe ao cinema do futuro, ás novas linguaxes audiovisuais e ás preocupacións das xeracións emerxentes. Cantos xeracionais e sci-fi caseiros, diverxentes en canto a temática pero en sintonía en canto á enerxía que proxectan. Asistimos a colaxes audiovisuais, exploracións identitarias a través da auto-referencialidade, o arquivo e internet en obras de Marta Valverde, Tamara Goberna, María Pipla e Claudia Negro. Doutra banda, atmosferas de ciencia ficción onde as máquinas alcanzan un papel principal, xa sexa polo seu traballo en soidade (SIGHT, Claudio Sodi) ou o tratamento distópico da súa presenza (Proxecto X, Sol Mussa). Identidade e máquina, dous dos temas que xeran máis reflexión e debate na actualidade, e que na súa xustaposición son un acertado reflexo do audiovisual destes tempos.

Sight, de Claudio Sodi

Comments are closed.