SAN SEBASTIÁN 2016 (III): RESUMO E CRÓNICA FINAL (1/2)

Asistir por quinta vez consecutiva a un festival implica coñecer de antemán os mecanismos do mesmo. Xa non resulta ningún secreto que o único certame nacional de Categoría A, en cuxa programación se dan cita tantos acertos coma sensabores, acomodouse nunha liña que lle permite repetir cada mes de setembro unha tónica coñecida de sobra polos seus asiduos: algunha das mellores películas do ano rebotadas doutros festivais –principalmente Cannes-, os descubrimentos puntuais que outorga frecuentar as seccións paralelas e, case como dun incómodo contido extra se tratase, unha Sección Oficial trufada de oco recheo, de filmes que rematan sen ter ninguna salida máis aló de tentar que algún incauto pique co seu envoltorio durante o certame. Aínda que non nos interese en absoluto esa vertente, pode resultar comprensible o dobre fondo do festival como escaparate para o desfile de estrelas, que ao final venden os seus productos gracias á promoción. Os paseos entre Kursaal e o Victoria Eugenia soen ir acompañados de cortes de tráfico e rúas repletas dun público impacente, ávido de fotografías cos seus ídolos ou simplemente con todo o que pasa por alí con pinta de estar relacionados con algún filme. Pero, asumindo que esa é e vai a seguir sendo unha tendencia non reñida co cinema, os principais e repetidos defectos da selección continúan sen ser demasiado explicables, se ben xa non sorprenden a ninguén con certa bagaxe alí. Non se trata de asañarse coas dubidosas sesións de apetura e clausura, tampouco coa proxeccións especiais, senon máis ben de cuestionarse o porque desos títulos que ano tras ano transitan polo Kursaal sen convencer a ninguén, destilando unha sensación de conformismo sen visos de cambio. Sempre se ten a impresión de que é un borrón menor nunha programación amplísima, repleta de títulos estimulantes e que este ano chegou a reunir tres obras notables a concurso, pero o inmovilismo séguese palpando en multitude de detalles. Tamén hai matices para a esperanza, como a mellora da sección Zabaltegi-Tabakalera, que levou parella a incorporación dun estimulante novo espazo para o festival, e con ela o aumento dun calendario que cada ano se fai máis inabarcable. Todos estos factores rematáronse unindo para desembocar nun feito sempre complicado de eludir: despois de nove días e un total de 48 traballos vistos, non poderemos falar nesta crónica da máxima triunfadora do palmarés, I Am Not Madame Bovary (Feng Xiaogang).

Fotograma de Summer Lights (Jean-Gabriel Périot)

Fotograma de Summer Lights (Jean-Gabriel Périot)

I. SECCIÓN OFICIAL

O patrón que repite a Sección oficial a concurso en San Sebastián cada ano, prácticamente inamovible, xa non engana a ninguén. Por un lado están os tres ou catro títulos nacionais de turno, xeralmente cun par de apostas de aspiracións comerciais e estrea inminente, ás que tende a sumarse unha terceira ou cuarta que soa responder a un autor máis alonxado desos cánones. Despois, chega o ansiado espazo para algún tanto internacional. Este ano contouse coa presencia de Bertrand Bonello e Hong Sang-soo, indudables doces da selección. Por último, sempre hai un gran espazo para a morralla de distintas procedencias, que soe responder a latitudes opostas como signo dun suposto interés polo cine global moi mal asumido. Se a idea de cine xaponés ou do Este europeo dalgún espectador ocasional debe formarse en base aos títulos que selecciona o Zinemaldia cada ano, acabará sen dúbida tendo unha concepción moi pobre dos mesmos.

Para a sesión de inauguración, que agora a organización prácticamente forza a ver ante a ausencia de alternativas nunha parrilla despois sobrecargada, escolleuse a insípida La fille de Brest (Emmanuelle Bercot), unha histérica epopea xudicial que segue a loita real dunha doutora francesa de provincias contra unha empresa farmacéutica. A súa montaxe torpe, irritante e desmesurada provocou que Bercot, que xa inaugurou Cannes fai dous anos sen pena nin gloria, fose recibida na capital guipuzcoana con idéntica frialdade. Xa a concurso puido verse Orpheline (Arnaud des Pallières), doutro director con pasado en La Croisette. Oposta ás funcionais intencións de Bercot, defínese como o retrato psicolóxico de varias identidades femininas maltratadas pola vida, e en última instancia queda lastrada por unha desorde estructural arbitraria e exhibicionista, que revela o bo facer de Adèle Haënel como última razón de ser das súas imaxes. Tampouco pasarán ao recordo Ikari (Lee Sang-il), un atronador e vacio clímax criminal de máis de dous horas; As You Are (Miles Joris-Peyrafitte), nulo relato grunge dunha adolescencia noventeira engulida polo morbo; nin American Pastoral (Ewan McGregor), planísima adaptación da complexa novela de Philip Roth, na que o actor debutante na dirección entrégase a un relato superficial descuidando por completo os subtextos. Quizáis si o faga, aínda que por motivos pouco alentadores para o seu autor, a polaca Playground (Bartosz M. Kowalski). O seu crudo retrato da violencia infantil, que culmina cun gratuito plano fixo de varios minutos, espantou a multitude de espectadores da proxección. A controversia que desatou podería servir para devolver un hipotético debate sobre a representación da violencia en pantalla, pero a súa absoluta nulidade cinematográfica, que brinda momentos involuntariamente cómicos, invalida calquera outro argumento.

Entre a habitual representación española, que pretende amosarse cada ano como plato forte do certame, houbo lugar para decepcións e alegrías. El hombre de las mil caras (Alberto Rodríguez), que chegaba trala tremenda acollida no festival de La isla mínima, instálase na rutina do vértigo renunciando a afondar nos claroscuros do personaxe real de Francisco Paesa (Eduard Fernández, Concha de Plata a Mellor Actor sen aportar moito máis que presencia). O angosto espazo para o contexto sociopolítico da narración, aquel cuxa firmeza paliou certas lagoas dos seus filmes anteriores, da como resultado o traballo menos afortunado do seu autor, que parece contaxiado da alerxia de determinado cine español a recrear con identidade propia episodios célebres da nación. Algo similar sucede na irregular Que Dios nos perdone (Rodrigo Sorogoyen), Premio a Mellor Guión, na que o director da laureada Stockholm (2013) entrégase ao territorio do thriller con psicópata de vocación industrial. Se entre as virtudes da súa ópera prima estaba a utilidade que outorgaba a súa cámara ao espazo urbá madrileño, aquí o zumento contexto –un verán de 2011 no que confluíron na capital o movemento 15-M e a visita do Papa- non tarda en desvelarse únicamente funcional. O que importa é a caza do asesino, unha trama metódica que atopa tantos momentos aillados de tensión como tópicos e lagoas de escritura. Así as cousas, o pavillón do cinema español, nesa pequena ventana a un cine menos comercial que case como concesión se realiza en cada edición, salvouno La reconquista (Jonás Trueba). A exacerbada división de opinión que despertou notifica que o director de Los ilusos (2013) non vai convencer a demasiados dos que quedaron espantados polos seus títulos anteriores, cuxos personaxes, na súa trintena, atrapados na brecha dun tempo anacrónico, comparten señas de identidade cos presentes. Nembargantes, a labor na realización de Trueba preséntase aquí máis madura e coherente que nunca. Empregando recursos coma un plano secuencia polas rúas de Madrid ou a introducción dunha narrativa epistolar entre dous tempos, confire á historia do reencontro de dous amantes o profundo senso de culminación dunha búsqueda persoal. Vilipendiado a miúdo polo carácter referencial do seu universo, o que demostra a súa nova película é a confirmación dunha voz intransferible.

Fotograma de Things to come (Mia Hansen-Løve)

Fotograma de Things to come (Mia Hansen-Løve)

As outras dúas cintas que remataron por descollar na Sección oficial, provintes de autores consagrados, podían reducirse co mesmo anuncio da programación. En Nocturama (Bertrand Bonello), o máis rotundo dos traballos a concurso, un brutal retrato silencioso do París do medo é confrontado por un segundo tramo que desplega a cara máis barroca do seu autor. A diferenza doutros títulos sobre a violencia enxendrados recentemente en Francia, Bonello non pretende tanto facer un retrato psicolóxico sobre os motivos que guían aos seus protagonistas cara o terrorismo como confrontalos coa inminencia da morte. O seu xesto ruidoso de desobediencia, orquestado mediante largos camiños vinculados con Alan Clarke, ten como única culminación posible a frialdade da aniquilación. Como cabía esperar ante a súa notoria escasez de pretextos morais, a mesma que segundo contan os rumores lle negou a entrada en Cannes, foise de vacío do palmarés. Diferente foi o caso de Yourself and Yours (Hong Sang-soo), que brindou ao coreano o premio a Mellor Director na súa primeira aparición pola cidade donostiarra. Sang-soo é un dos escasísimos directores actuais capaces non só de reproducir uns elementos recoñecibles en cada obra sen despeinarse, senon de sublimar a través das súas variacións un estilo cada vez máis depurado. A súa última película, sen chegar ao nivel de obras como Our Sunhi (2013) ou Right Now, Wrong Then (2015), amosa que a súa regularidade tampouco bota en falta demasiados alardes. Un destello de auténtico xenio na secuencia final recordounos que non hai máis que un Hong Sang-soo, e moito menos neste concurso.

Fóra de competición, e obviamente con menor relevancia cinematográfica que os últimos filmes mencionados, presentáronse títulos como Un monstruo viene a verme (J.A. Bayona), na que o director de Lo imposible (2012) non precisa despegarse da usual tempereza para ofrecer o seu traballo máis noble; Vivir y otras ficciones (Jo Sol), diatriba intrascendente pese ao acerto de outorgar voz propia aos seus personaxes nunha Barcelona marxinal; ou Colossal (Nacho Vigalondo), paso atrás autorreferencial na errática traxectoria do cántabro.

II. NOV@S DIRECTOR@S

O caso de Nov@S Director@S (sic) é quizáis o máis paradigmático do festival donostiarra. Sección firmemente consolidada e composta de primeiras ou segundas obras, supónselle o propósito de amosar voces cunha visión propia do cinema máis aló dos seus resultados. En ocasións, nembargantes, resulta máis un contedor de obras de diversas procedencias, sobre todo europeas, sen moito maior obxectivo que o de regodearse nas respectivas miserias dos seus países de orixe. Como é evidente, as excepcións fan sempre moi recomendable mergullirse na sección en busca de destellos de talento que compensen outros sensabores, aínda que cada ano sepamos case de antemán que as óperas primas máis prometedoras están estrenándose a moitos kilómetros de San Sebastián.

O filme galardoado co Premio Kuxabank, Park (Sofia Exarchou), amosouse como unha dignísima merecedora do mesmo. Sen moitos máis alardes que os que marca o seu desenvolvemento, ubicado nas ruinas da Vila Olímpica de Atenas, Exarchou emprega o escenario e as cicatrices físicas da protagonista (Dimitra Vlagopoulou) para amosar os corpos como única comunicación posible cun entorno derruido. Entendida como un grito de rabia, as súas irregulares formas cobran un senso maior. Moitísimo máis redonda no cinematográfico é Porto (Gabe Klinger), producida por Jim Jarmusch, na que o director do documental Double Play (2014) amosa de longo o maior talento para a posta en escea visto na sección. Os parlamentos amorosos dos seus xóvenes protagonistas, unidos á teimosía nunha estructura narrativa fallida, impiden falar dunha obra maior; pero non da revelación dun talento fundamentado nunha visión desgarrada do cinema e dos sentimentos, que non se esforza en ocultar cales son os seus referentes máis inmediatos. Tamén sumamente estimulante é María (y los demás) (Nely Reguera), cunha seguridade tonal asombrosa sustentada na descomunal composición de Bárbara Lennie. Traballo representativo do progresivo cambio de paradigma dos xóvenes directores españois, centrados agora na trintena como prototipo de indecisión vital, o notable debut de Reguera aposta por acumular detalles cotidiáns para retratar a búsqueda identitaria da súa protagonista, bañada nun humor pinzante e melancólico.

Fotograma de Yourself and Yours (Hong Sang-soo)

Fotograma de Yourself and Yours (Hong Sang-soo)

Outro peso indudable na selección tívoo Summer Lights (Jean-Gabriel Périot), sorprendente xiro cara a sensibilidade oriental do autor do notable documental archivístico Une jeunesse allemande (2015). Desta miniatura, ambientada no Xapón do presente, trasluce tamén a súa orixinal reflexión sobre a memoria histórica, dividida entre unha longa entrevista a unha supervivinte de Hiroshima e un viaxe cara o mar cuxa resolución dota de senso pleno ao filme. En Fin de semana (Moroco Colman), o traballo peor valorado polo Xurado Xoven, tamén hai un forte senso de búsqueda fundamentado na escisión e a incomunicación, evocador do cine da súa compatriota Lucrecia Martel. Relato sobre a violencia e o abuso, no que a imaxe muda dúas veces de aspect ratio, conta cun tercio de apertura angustioso no que queda algo limitada no seu desenvolvemento posterior, pero non se trata nin moito menos dunha proposta desdeñable.

Entre os filmes que completaron a sección houbo títulos como Vanatoare (Alexandra Balteanu), plano relato da humillación de tres prostitutas que se serve dunha estructura narrativa común no Novo Cine Rumano cunha ausencia total de matices; a estonia Pretenders (Vallo Toomla), drama matrimonial de herdanza antonioniana, correcta factura e resultados insípidos; ou One Hundred and Fifty Years of Life (Liu Yu), aproximación case documental á loita por unha vida digna de dous anciáns pekineses que queda afogada polo seu carácter discursivo.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario