SAN SEBASTIÁN (II): FERMOSA XUVENTUDE

Boa parte das divisións que xurdiron no recente Festival de San Sebastián contaron coa xuventude como pilar dos seus debates. A presencia no certame dun Xurado Xoven numeroso e heteroxéneo, cuxas puntuacións delatan unha ausencia xeral de aprecio cara o cine arriscado ou con certo carácter de búsqueda -títulos variopintos como La idea de un lago, Summer Lights ou La larga noche de Francisco Sanctis apenas sobrepasaron o seu aprobado- en beneficio dunha serie de filmes moito máis formulaicas e conservadoras, hai que engadir un feito significativo: a maioría de títulos que foron capaces de suscitar adhesións ou rechazos radicais sumérxense de cheo no retrato dunha franxa de idade confusa, cada vez máis extensa e indefinida. Na natureza de obras radicalmente opostas puidemos apreciar unha serie de guiños, dotados de diversas sensibilidades, cara os modos nos que os xóvenes enfrentan as súas inquietudes nunha serie de marcos igualmente cambiantes. Además dos que xa tratamos aquí, hai varios exemplos de peso.

I.

En La reconquista, Jonás Trueba aílla aos seus protagonistas do marco social perentorio para sumerxilos nun Madrid anacrónico, de castañas asadas e longos paseos en moto, que reflexa o seu anclaxe nun lonxano primeiro amor cuxa pegada reaparece. As desventuras de Manuela e Olmo, construidas a través de referencias e xestos simbólicos de asumida carga emocional, poden ser interpeladas co clásico reproche que recibiu o cine do responsable de Los ilusos (2013). Elitistas e estrañamente prematuros, os seus deseños corren o risco de seren vistos como a reciclaxe mal encaixada dun arquetipo habitual do cine francés en lugar de como o que realmente son, a resposta a unha inquietude profunda que converteu o seu estilo nun dos máis singulares dentro da recente cinematografía española. Un sentido plano secuencia, cuxa execución parte o filme en dous tempos dun xeito non moi lonxano ás primeiras obras de Mia Hansen-Løve, semella completar unha búsqueda rumiada polo director dende os seus primeiros traballos e eríxese como o corazón da que ata o de agora é o seu filme cunha realización máis madura, de ecos narrativos ampliados pola fermosísima fotografía de Santiago Racaj e a melancólica canción do autor do donostiarra Rafael Berrio.

Fotograma de La Reconquista

Fotograma de La Reconquista

II.

Porto tamén fala dunha xuventude sombría e ferida polo transcurso do tempo. A primeira longamentraxe de ficción de Gabe Klinger, cuxo documental Double Play (2014) reuniu a Benning e Linklater, evidencia o embrión dun talento para a súa posta en escea que non oculta os seus referentes máis inmediatos, xa sexa no entrañable retrato kaurismäkiano dos espazos da cidade portuguesa ou o tránsito do personaxe composto polo falecido Anton Yelchin, que evoca os inicios do aquí productor Jim Jarmusch. O seu amósase non só coma un cine de paisaxes afectados, senon tamén de corpos definidos pola luz, concretado nunha poderosa escea de sexo ao xeito de Vendredi soir (Claire Denis, 2002). Así, a súa película remata revelándose como o reflexo visual dun estado de ánimo crebado, que late a través da mestura de formatos analóxicos para transmitir algo tan sinxelo e recurrente como o encontro decisivo entre dous estranos. A pesar das súas conversas, relamidas e excesivas, é unha das mellores propostas que se puideron ver en San Sebastián.

III.

Pensar na coexistencia espazo-temporal dos personaxes de Jonás Trueba cos da curtametraxe La disco resplandece (Chema García Ibarra, 2016), que sitúa unha España rancia e desnortada como escenario dos movementos dunha adolescencia carente de complexos, resulta un acto tan inspirador e case violento como o choque que propoñen as imaxes deste último. Xurdido do encargo de elaborar un relato humano sobre as relación actuáis entre Turquía e Armenia, o seu traballo liga a golpe de improbabilidade as consecuencias do xenocidio co fresco dunha xeración que respira a ritmo de trap. Escasos directores acreditaron comprendela tan ben, eludindo xuicios e clichés.

Fotograma de La disco resplandece

Fotograma de La disco resplandece

IV.

Miles Joris-Peyrafitte, director de As You Are, ten tan só vintetrés anos, pero vendo o seu filme poderían parecer trece ou cincuenta. Procedente de Sundance, o espírito grunge do seu traballo mira aleatoriamnte cara os anos noventa, con referencias a Nirvana –cuxos temas nin sequera sonan, quizáis por unha cuestión de dereitos- e a morte de Kurt Cobain como detonante dunha das paradas máis delirantes do traxecto. Sen frenos, o desastroso relato dunha relación homosexual marcada pola incomprensión parte dunha realización ostentosa para instalarse nun terreo máis que trillado. O director da polaca Playground, outro discurso sobre a criminalidade adolescente visto nesta edición, respondeu con orgullo aos abandonos do público aseverando que amosa a violencia “como algo insoportable”. Tamaña boutade sintetiza a gratuidade de ambas obras, que coinciden tanto en amosar unha inclinación pola obra de Gus Van Sant como na súa nefasta asimilación da mesma.

 

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario