SEFF 2017: LAS NUEVAS OLAS (2)

A sección Las Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla é un dos principais motivos que colocan a este certame como un dos máis enérxicos e audaces do panorama internacional. Nesta segunda (e última) parte da nosa crónica intentaremos conectar algúns dos filmes nos que percibimos certas similitudes conceptuais. En moitas das obras presentes este ano puidemos observar que o ‘cambio’, nas súas diversas manifestacións, adoita ser o motivo que desencadea a narrativa. Estas alteracións poden ser individuais ou ambientais, chegando incluso a producirse auténticas mutacións físicas como no caso de Ava (Léa Mysius, 2017) ou The Wild Boys, (Bertrand Mandico, 2017), comentadas na entrada anterior. Os filmes que trataremos a continuación parten desta noción de mudanza para evolucionar en distintos procesos de aclimatación ou confrontación coa mesma.

Avant la fin de l’été (Maryam Goormaghtigh , 2017)

Avant la fin de l’été (Maryam Goormaghtigh , 2017)

Adaptarse ao cambio

Ante a necesidade de definir a súa obra dentro da ficción ou o documental, unha tarefa que tantas veces se antolla arbitraria e obsoleta, a directora Maryam Goormaghtigh sentencia: “É simplemente unha película”. O debut desta realizadora suíza consiste nun orixinal road trip que toma as súas influencias das comedias independentes, caracterizadas polo ton traxicómico que tamén impregna Avant la fin de l’été (2017). Acompañamos nesta aventura a Hossein, Arash e Askan, tres mozos iranianos e amigos persoais da directora, que viven e estudan en Francia. Tras pasar varios anos en París, onde non consigue acomodarse ao estilo de vida local, Arash decide finalmente retornar a Irán. Nun intento desesperado por evitar a súa partida, Hossein e Askan dispoñen aproveitar as últimas semanas do verán para realizar xuntos unha viaxe polo sur do país. Entre quilómetros e quilómetros de autoestrada, coas súas correspondentes secuencias de travesía, as visitas turísticas e situacións aparentemente banais dan paso a interesantes reflexións e conversas entre os protagonistas. Gradualmente, comezamos a entrever fragmentos do seu pasado, descubrimos as razóns que os levaron a abandonar Irán, e tamén as que os impelen a non querer volver. Todo isto sen deixar de lado un cándido sentido do humor, que se apoia fundamentalmente na inocencia e naturalidade das personaxes.

Goormaghtigh, que tamén ten raíces iranianas, parte dunha motivación persoal para compoñer esta divertida exploración do que significa ser un expatriado. A realizadora semella ás veces unha observadora máis, simple testemuña do que acontece diante da cámara. Deste xeito, o filme logra transmitir unha sensación de total liberdade creativa, con escenas capaces de acoller ao mesmo tempo consideracións de carácter socio-político, desvelos amorosos e ata clases de folclore iraniano. Na segunda metade da película, e de xeito realmente espontáneo, sumamos un par de personaxes a esta ecuación: Dúas autostopistas únense á viaxe, abrindo novas dinámicas de interacción e temas de conversa. A dimensión lingüística tamén comeza a cobrar importancia, alternando entre o parsi e o francés, así como a heteroxénea selección musical. É igualmente interesante o modo en que Hossein, Arash e Askan ofrecen unha visión refrescante da amizade masculina, como un amor fraternal puro e sen complexos. A fin de contas, Avant la fin de l’été é unha obra profundamente humanista e chea de tenrura, que xira en torno ao seu carismático trío protagonista. Un filme humilde, probablemente esquecible, pero que seguramente arrancará máis dun sorriso na audiencia.

Presentada na Semana da Crítica durante o último Festival de Venecia, a cinta turca The Gulf (Emre Yeksan, 2017) fálanos doutro proceso de readaptación e volta ás raíces, esta vez en forma de alegoría social. Despois dun tortuoso divorcio e sucesivos fracasos laborais, o indolente Selim (Ulaş Tuna Astepe) opta por volver á casa dos seus pais en Esmirna. Unha vez alí, vese sumido nunha apatía vital constante, sen expectativas de futuro nin interese por buscalas. A pesar de retomar o contacto coa súa familia, cunha antiga amante e ata cun compañeiro do servizo militar -do que apenas se lembra-, Selim non consigue atopa nada que o motive de verdade. A súa rutina diaria redúcese a interminables horas deitado no sofá ou vagando indiferente polas rúas. Todo cambia de súpeto cando unha mañá, tras un incendio na zona portuaria, un cheiro estraño e desagradable comeza a espallarse pola cidade. Ao cabo duns días, incapaces de soportar a pestilencia que xa invade todo o golfo, moitos cidadáns deciden abandonar Esmirna. Non obstante, para Selim isto supón un momento de catarse. Finalmente, decide tomar as rendas da súa propia vida, mentres o mundo enteiro semella descompoñerse ao seu arredor.

Presentándose como un debut do máis ambicioso, The Gulf conseguiu durante a súa produción diversos apoios ao desenvolvemento en festivais de todo o mundo, seguramente debido á súa vocación internacional. O propio Yeksan explicou en varias entrevistas que a súa intención era representar a sensación de desacougo que vive actualmente o planeta, onde a humanidade parece estar ao borde dunha catástrofe inevitable e sen precedentes. O director escribiu o guión xunto co seu compatriota Ahmet Büke, baseándose en experiencias persoais e colectivas. Porén, asegura que se trata dunha obra cunha mensaxe universal, susceptible de ser replicada en calquera outra urbe con distinto protagonista. A elección do cheiro como elemento de conflito (inspirado nos recordos de infancia de Yeksan) é sen dúbida unha aposta arriscada, debido ás súas múltiples connotacións e a súa difícil representación en pantalla. Polo xeral, a película é bastante respectuosa coa audiencia, que nunca recibe todas as ferramentas para encaixar o panorama que se presenta ante eles. A pesar de todo, debido a un ritmo excesivamente dilatado e á desorientación que experimenta o seu protagonista, hai momentos nos que a cinta corre o risco de contaxiar estas mesmas sensacións ao público.

Mrs. Hyde (Serge Bozon, 2017)

Mrs. Hyde (Serge Bozon, 2017)

Continuamos cunha obra na que se relata outro caso de mutación persoal, nesta ocasión en forma de crítica ao sistema educativo francés. Mrs. Hyde (2017), do actor e realizador Serge Bozon, é unha cinta de difícil clasificación, algo significativo dentro dun panorama que destaca polo seu carácter innovador. Inspirada (moi) lixeiramente na famosa novela de Robert Louis Stevenson, o filme competiu este ano no Festival de Locarno, onde recibiu críticas do máis diverso. Cunha infalible Isabelle Hupert no papel principal, a historia céntrase na pintoresca metamorfose de Madame Géquil, profesora de ciencias nun instituto dos suburbios. Nun principio, a protagonista debe facer fronte diariamente a múltiples ofensas e faltas de respecto por parte dos seus alumnos, que se aproveitan do seu carácter pusilánime. Tampouco é demasiado popular entre o corpo docente, que adoita criticar os seus métodos de ensinanza e propostas educativas dentro do claustro. Todo cambia cando unha noite de tormenta, durante un experimento no seu laboratorio, o impacto dun raio alcanza a Madame Géquil. A partir deste momento a protagonista deberá enfrontarse a outra versión dela mesma, unha personalidade máis violenta e ameazadora, que acabará por poñer patas arriba a súa vida privada e laboral.

Ao igual que na película anterior, volvemos a atopar un feito misterioso que reverte por completo as dinámicas do filme. Bozon xoga cos xéneros para crear unha obra tan ridícula como atraínte, que non se molesta en agochar os seus parches nin a lectura crítica que fai das carencias e absurdos do sistema educativo actual. Manexa ideas verdadeiramente interesantes, pero adoece en xeral dunha falta de cohesión. A sinopse e referencias literarias das que bebe a obra prometen un conflito de maior envergadura, pero este non acaba de aproveitar as posibilidades que ofrece a trama. Existen demasiadas situacións forzadas ata o absurdo, que non resultan coherentes a pesar da calidade alegórica e fantástica do filme. Así e todo, a hilarante interpretación de Huppert, que ofrece un rexistro totalmente diferente ao que nos ten acostumados, consigue indultar a obra de todos os seus defectos. Xunto a ela, gozamos dun marabilloso Romain Duris como o excéntrico director do instituto, que axuda a manter o ton esencialmente satírico da peza. Ao final da xornada, Mrs. Hyde é un interesante pasatempo con suficiente espazo para a risa, a reflexión e o debate posterior.

Se hai unha etapa de cambio vital que o cinema ten representado ata a saciedade, constituíndo un xénero por si mesmo, esa é a adolescencia. Poderiamos dicir que se trata da experiencia de mutación humana por excelencia, xa que connota ao mesmo tempo alteracións físicas e sociais. Pois ben, cando parecía que non podía aportarse nada novo a este escenario, Pin Cushion (2017) aparece como unha das máis estimulantes películas iniciáticas das últimas décadas. O debut na longametraxe de Deborah Haywood valeulle polo momento o premio especial de Las Nuevas Olas, ex aequo con The Wild Boys, e conta tamén con diversas candidaturas para os British Independent Film Awards. A historia céntrase nas desventuras de Lyn e Iona, nai e filla respectivamente, despois de mudarse a unha anódina vila no interior de Inglaterra coa intención de comezar unha nova vida.

A pesar de empregar moitos dos tópicos propios do xénero, o filme sobresae por unha dirección artística incriblemente estilizada e unha visión ampla das experiencias de abuso escolar e marxinación social. Haywood non se limita a tratar os casos de bullying na adolescencia, como se fosen prácticas illadas. Pola contra, realiza unha interesante conexión entre as dúas personaxes (que manteñen unha relación un tanto atípica), resaltando a repercusión destas actitudes ao longo da vida dunha persoa. A súa linguaxe directa e particular dimensión estética, con tendencia ao barroquismo, poden botar atrás a algúns espectadores que busquen un enfoque máis solemne ou convencional. En ocasións, o ton descarnado e o aspecto visual da película chegan a ensombrecer as situacións dramáticas e a complexa problemática que se aborda. Con todo, Pin Cushion é unha obra memorable, divertida e desoladora a partes iguais, que debería marcar o comezo dunha triunfante carreira para a súa realizadora.

Mr. Gay Syria (Ayse Toprak, 2017)

Mr. Gay Syria (Ayse Toprak, 2017)

Saltamos finalmente ao terreo da non ficción, onde tamén atopamos obras que manexan algúns dos conceptos dos que falamos ata o momento. Un dos maiores descubrimentos deste ano foi o imprescindible documental Mr. Gay Syria (2017), da turca Ayse Toprak. O filme toma como punto de partida o certame de beleza homónimo, creado para chamar a atención sobre a situación que atravesan os homosexuais sirios (tanto os que permanecen no país coma aqueles vivindo no exilio). Obrigados a fuxir do seu fogar, onde son perseguidos e asasinados pola súa condición, o concurso representa “unha forma de loita e supervivencia”, en palabras do seu creador. Cun estilo reivindicativo e cargado de empatía, Toprak documenta o proceso de cambio que atravesan mozos como Hussein, peiteador residente en Istambul e actual posuidor do título. Esta mudanza inclúe a súa nova condición como refuxiados -obrigados a permanecer en Turquía mentres agardan un visado que lles permita entrar en Europa- e o progresivo recoñecemento da súa identidade. Un filme absolutamente necesario e unha loita que continúa.

Comments are closed.