SEFF 2019 (I): AUTOFICCIÓNS E PANTASMAS

The Souvenir (Joanna Hogg)

A retrospectiva dedicada polo Festival de Sevilla á británica Joanna Hogg deu o seu pistoletazo de saída coa estrea en España da súa cuarta longametraxe, o mesmo que este ano lle está a brindar unha repercusión internacional superior á obtida ata agora coa súa obra previa. Tal decisión de programación, comezar polo fin, resultaba lóxica por moitas razóns obvias, pero o certo é que ademais este filme entraña unha visión directa sobre si mesma e os ques da súa arte, que se antolla chave como porta de acceso ao seu cinema. The Souvenir é o retrato autobiográfico de Hogg, trufado de elipses e suxerencias, a través da personaxe da cineaste Julie –encarnada pola espléndida debutante Honor Swinton Byrne–. Esta, unha xove de familia acomodada, intenta atopar a súa propia voz na Inglaterra dos 80 e comeza unha relación tóxica cun home de esencia hermética, atrapado na heroína. O conflito apodérase lenta e silenciosamente tanto dela como do filme, que adoptando o seu punto de vista opta por soterrar en parte as súas brutais consecuencias.

No camiño, a directora cuestiónase sobre a forma na que as vivencias de cada un gravan a lume a arte, así como tamén deixa entrever as profundas pegadas do camiño percorrido ata modular a súa propia voz como autora. As mencións ás palabras teóricas de Hitchcock ou Rivette, nas secuencias da escola de cinema, serven para enmarcar de forma inequívoca un estilo no que late certa tensión entre o relato social británico da época, de cuxa influencia acaban por escapar Julia/Joanna, e outra herencia personalísima e moi distinta, plasmada na distancia coa que Hogg contempla unha narración a todas luces esquiva. Tal choque é só unha das capas que introduce no filme, cuxa recreación no celuloide dos anos 80, especialmente brillante no deseño de interiores, conxúgase de modo sorprendente co propósito de evitar calquera nostalxia sobre a época. Un último tramo desgarrador dá conta dos logros que acaricia The Souvenir, obra de espírito austero á que tan só o retrato de clase e certa eficacia redundante na cuestión cinéfila alonxan definitivamente dos fértiles terreos de Garrel ou Pialat á hora de condensar un puñado de secuencias a devasatación.

Tommaso (Abel Ferrara)

Se ben Abel Ferrara non precisa presentación a estas alturas, o seu último traballo, a concurso na Sección Oficial do festival, tamén optar pola autoficción, máis escura incluso que a de Hogg, para plasmar o mundo interior do creador e tamén os seus demos. En Tommaso, Willem Dafoe dá vida a un cristalino alter ego do director neoiorquino: como en la actualidade, o cineasta ao que interpreta vive en Roma cunha muller europea moito máis nova –a propia actriz Cristina Chiriac– e a pequena filla de ambos –tamén real–. A aparición da cativa ofrécese como última oportunidade de redención a seus ollos, tras un pasado torturoso non explicitado pero máis que evidente en cada paso que retrata a cámara, coas formas irregulares e sucias dunha home movie. Entre clases de italiano e terapias de grupo, a súa vida axitada aspira a atopar certa estabilidade cara o final. Pero, como non podía ser de outra forma nun filme do autor da sensacional The Addiction (1995), a máscara de calma cede e os demos interiores non tardan e apoderarse da súa persoa: se ben por momentos semella que desapareceron, tan só cobraran outra forma máis sixilosa, a dos outros. Co acto final, alegórico e desatado, confírmase o valor dun filme que, aínda estando lonxe do mellor cinema de Ferrara, reflexa con rabia a súa necesidade imperante de seguir purgando tormentos mediante a realización e coa presente dun rostro maltratado, o de Willem Dafoe, ligado nestas últimas décadas ao universo decadente do seu director.

Comments are closed.