SEFF 2022 (II): As pantasmas do pasado

Le mur des morts (Eugène Green, 2022)

Le mur des morts (Eugène Green, 2022)

A segunda xornada no Festival de Sevilla levábanos con grande expectación ao reencontro con Eugène Green. Un acude a cada traballo do director de Toutes les nuits (2001) como quen vai visitar un vello amigo, sabedor de que atopará un motivo de alegría, pero tamén algo temoroso por todo aquilo que o paso do tempo puido mudar, por mínimo que sexa. E o certo é que Le mur des morts, así se chama a mediometraxe estreada na sección Revoluciones Permanentes do certame andaluz, recupera boa parte dos gozosos trazos de identidade que afianzaron o estilo de Green a comezos de século. Uns trazos gravados a lume en cada película, que nos últimos anos, malia que lonxe de extintos, si parecían algo atenuados.

No retrato dun verán parisiense no que reaparece un soldado falecido na I Guerra Mundial, Green volve iluminar o presente coa luz do pasado, a mostrar como a palabra e a arte moldean a nosa forma de ser e, en definitiva, a apuntar contra a ignorancia que ameaza os nosos días cunha maneira lúcida de ver o cinema e a vida. O cineasta francés, que sempre se moveu de marabilla en duracións medias (Correspondances, Les signes), estira a anécdota inicial o suficiente como para convertela nun sensacional catálogo de familiares disparos frontais, planos medios e encadres aos zapatos dos personaxes —a marca da casa—, aínda que deixando tamén certa sensación de que neste título non hai moito máis fondo que reivindicar con mimo o pracer desta forma de facer propia, precisa e que remite a un cinema esquecido. Desde logo non é pouco, e asinamos que o próximo reencontro sexa igual de gozoso que o presente.

The Eternal Daughter (Joanna Hogg, 2022)

The Eternal Daughter (Joanna Hogg, 2022)

Outra cineasta que conta cunha traxectoria cimentada sobre as pantasmas e a herdanza do pasado é Joanna Hogg, descuberta ao gran público co díptico The Souvenir I+II (2019 – 2021), e precisamente posta en valor polo mesmo Festival de Sevilla fai tres anos. Consagrada e disposta a reafirmar esta posición, chegaba agora á Sección Oficial con The Eternal Daughter, de novo protagonizada por unha Tilda Swinton cuxa presencia icónica empeza a mostrarse xa como unha marca de prestixio. Envolta nunha atmosfera suntuosa pola que é difícil non deixarse arrastrar, que mostra o raizame de certo cinema de terror británico, a película filma a Swinton interpretando dous papeis: o seu e o espello improbable da súa nai, sen que cheguen a coincidir no plano.

O devir argumental acaba resultando tan esquemático que só deixa dúas opcións: lanzarse pola pendente dun despreocupado exercicio de estilo, algo moi doado considerando os seus trazos, ou mergullar na relación da película con obras anteriores de Hogg, o que a autora tampouco pon difícil, e de feito coloca na superficie en todo o tramo final. A explícita circunstancia de que o personaxe de Swinton estea a filmar a súa propia película, que deixa á atormentada protagonista como un novo álter ego da directora, multiplica as posibilidades textuais dun suxestivo relato que pode lerse como a sufrida culminación dunha tortuosa viaxe familiar, pero tamén simplemente como unha leve e frutífera experimentación de Hogg cos códigos dun xénero que ata o de agora lle era alleo.

Comments are closed.