SEFF 2022 (III): Lav Diaz, Plan 75 e Aftersun

When the Waves are Gone (Lav Diaz, 2022)

When the Waves are Gone (Lav Diaz, 2022)

Un Lav Diaz en forma sempre resulta estimulante. When the Waves are Gone (2022), presentada no pasado Festival de Sevilla, seguramente sexa a súa mellor película en anos. Con ese particular branco e negro granulado, o filipino xoga cos tópicos do xénero noir para destruílo. O mellor detective de Manila está tan ocupado co traballo que a súa muller acaba por buscarse outro home, ante o que non reacciona con demasiada temperanza. Agredindo o amante e un compañeiro de traballo, acaba por solicitar un permiso para darse un tempo, acosado tamén por unha soriase causada polo estrés dunha serie de asasinatos, representación externa da súa podremia interior. Este descanso levarao a visitar á súa irmá na súa vila natal, nunha viaxe que recorda á do protagonista do policial tailandés Headshot (ฝนตกขึ้นฟ้า, 2011), de Pen-ek Ratuanarang, aínda que os estilos de ámbolos cineastas sexan moi diferentes.

No outro lado da narración, atopamos ao mentor do policía, encarcerado polo seu mellor alumno nun caso de corrupción. Ao saír da cadea, a súa obsesión será atopalo para enfrontarse a el nun duelo a morte. Ao longo das súas pouco máis de tres horas de metraxe, a fita vai cociñando isto a lume lento, coa seguridade de que non existe redención posible para estes dous fillos da gran puta. Os únicos que parecen sortear a violencia institucional e o fanatismo relixioso son a irmá do protagonista e un colega fotoxornalista, ameazado polo goberno por apuntar unha posible conspiración que non acaba de revelarse de todo. Mesmo o policía máis vello, obsesionado coa idea da purificación e facendo ás veces de delirante pastor baptista, mancha estas prácticas coa súa inmundicia moral. Absolutamente ido, un dos seus tics é bailar de forma nerviosa. A tolemia acaba tamén por invadir ao protagonista ante o encontro coa súa némese, nunhas secuencias finais que van derivando no performativo, cos seus corpos movéndose cal zombis en pasaxes desoladas. Unha vez máis, Diaz usa a súa narrativa para atacar as vergoñas dun país onde a violencia e os fanatismos están á orde do día.

Plan 75 (Hayakawa Chie, 2022)

Plan 75 (Hayakawa Chie, 2022)

Fronte a este mestre, presentáronse interesantes óperas primas. Plan 75 (Hayakawa Chie, 2022) é unha das sorpresas a voces do pasado festival de Cannes, con merecida sona. A nipoa propón unha distopía próxima na que o goberno xaponés pon en marcha un plan para asistir no suicidio aos maiores de 75 anos, ante o imparable problema dunha poboación envellecida onde está en xaque o sistema de pensións. Nun país con tradición de grandes sacrificios persoais polo ben común, a hipótese antóllase realista.

A realizadora, cun estilo sobrio e elegante que sortea a lágrima fácil en todo momento, compón un relato poliédrico no que unha señora que se apunta ao plan e dous mozos funcionarios que traballan neste programa de asistencia acaban por cruzar os seus camiños. Unha delicada exploración sobre as dificultades dos coidados á poboación senior, a brecha xeracional e o dereito á morte digna que cobra forza pola súa especificidade cultural, pero que se fai grande ao abordar con rigor temas universais.

A gañadora da sección Las Nuevas Olas foi Aftersun (Charlotte Wells, 2022). Saltan os créditos e comprobamos que se coceu nun laboratorio de desenvolvemento de Sundance. É unha mágoa que esta proposta tan formateada cumpra cos requisitos do cinema queer e coming-of-age en boga, cunha protagonista moi cookie, cando en Wells se intúe unha cineasta de maior nivel. A fita sitúase a inicios dos noventa nun complexo vacacional, onde unha filla preadolescente e o seu pai, do que vive separada tras o divorcio dos seus proxenitores, se dan un verán para reconectar.

Baseada nas experiencias persoais de Wells, a proposta rezuma autenticidade, con bos diálogos, unha gran reconstrución de época e, sobre todo, un dúo protagonista cunha química indubidable. Que a nena adulta apareza nalgún flash forward aquí e alá co único propósito aparente de indicar que é gai, coma o pai, é dunha simpleza a evitar. Os seus efectismos visuais, sen ancoraxe narrativa que os sustenten, tampouco axudan. Aftersun funciona mellor nos seus momentos máis intimistas. A pesar destas imposicións comerciais que prexudican a película, Charlotte Wells móstrase como unha cineasta honesta e delicada á que merece a pena seguir a pista.

Aftersun (Charlotte Wells, 2022)

Aftersun (Charlotte Wells, 2022)

Comments are closed.