SHORT STAY, de Ted Fendt

Entre os grandes acontecementos do 2016 para o cinema, o nacemento do festival Novos Cinemas ocupa unha parte importante. A cita, que celebrará a súa segunda edición no mes de xuño deste ano, convértese nun novo lugar onde poder gozar do mellor e máis independente cinema: sempre que sexa unha ópera prima. Co estímulo deste “requisito”, a cita conseguiu encher a cidade de Pontevedra de filmes da altura de Dead Slow Ahead (Mauro Herce, 2015) ou John From (João Nicolau, 2015) entre outros. Uns con maior percorrido festivaleiro ou por salas comerciais, e outros cun acceso máis difícil. Short Stay (Ted Fendt, 2015) é un dos filmes que pertencería a este segundo grupo.

Unha ópera prima que aposta por un repetitivo protagonista, Mike, sen paixón pola vida e que camiña, case arrastrando os pes, por un futuro que se lle presenta incerto. Por sorte, este filme foi premiado polo Xurado Novo, cuxo premio era proxección deste filme en salas por parte de Screenly. O pase do pasado domingo en NUMAX formaba parte da xira que está a levar o filme de Fendt por Santiago e Vigo, nun percorrido que agardemos chegue moi lonxe.

shortstay3-1600x900-c-default

A crise dos trinta anos

En Paterson (Jim Jarmusch, 2016), a rutina era ese delicioso caramelo que se ía desfacendo na boca a medida que a semana avanzaba. As repeticións, as constantes, eran unha sorte de luxo que só uns poucos se podían permitir nese pequeno pobo dos Estados Unidos. Erguerse, almorzar, traballar, voltar a casa, cear, tomar unha cervexa e durmir ao carón de alguén. Unha visión romántica da vida ancorada na rutina, ese elemento anti-romance.

Mais, sendo sinceros, ninguén se ergue co suave son da agulla secundeira do reloxo, senón con cañonazos disparados polo espertador. Ninguén volta á casa despois de traballar desexando baixar ao can senón desexando que leve pouco. Todos nos parecemos máis ao Mike de Short Stay que a Paterson. Cunha pequena diferencia, ninguén de nós durmiría no chan do seu propio piso.

Mike é… indescriptible, para ser sinceros. A súa vida ocorre entre o lugar onde traballa e os diferentes encontros que ten pola rúa con xente coa que mantén unha estraña relación. Nun intre do filme, Mike acode a unha festa ao piso dun amigo en Philadelphia. O piso, prototipo de piso compartido por universitarios, é o suficientemente grande como para que as conversas se espallen entre o corredor, a entrada dunha habitación ou a mesa da cociña. Mentres todos conversan entre risas e grolos de cervexas, Mike permanece quedo, de pe, ao carón da neveira cos brazos cruzados. Unha imaxe que define quen e como é Mike.

Non sabemos se abrumado polo futuro despois dos trinta ou hastiado dunha vida que nunca semellou vivir, Mike móvese, fala, actúa a remolque da xente que o rodea. Por iso, porque o seu amigo pídelle que o substitúa no traballo (uns tours gratuítos pola cidade) durante a súa viaxe a Polonia, Mike múdase a Philadelphia. Unha nova cidade e unha nova oportunidade que Mike desaproveita para cambiar a súa vida.

De ser un heroe convencional, Mike viviría unha revolución a todos os niveis cando chega a cidade, ese lugar onde as luces, o ritmo de vida, todo é capaz de cambiar a calquera. Porén, Mike é Mike, e é capaz de tropezar dez veces coa mesma pedra. Así, tampouco en Philadelphia deixa de correr pola rúa coa súa enorme maleta feita nunha bolsa de plástico da compra, nin deixa de ter incómodas conversas que non levan a ningures. Incluso cabe a posibilidade de que, nun afán por dar unha reviravolta ao tradicional, Ted Fendt apostase por un protagonista que semella máis un extra da súa propia vida, alguén que pasaba por alí.

unknown_1

Unha aposta, narrativa e estilística a de Ted Fendt que sobresae con mestría. Para os amantes do humor absurdo/incómodo, hai secuencias de pura xenialidade que lembran, inevitablemente, a ese humor incómodo de producións coma Louie (Louis C.K., 2010-2015) ou Extras (Ricky Gervais e Stephen Merchant, 2005-2007), por citar algunhas, pero levadas a un mínimo formalismo: apenas uns actores e unha cámara. Para os apaixoados da técnica cinematográfica, eis un exemplo de “non facer”, de decidir apostar por unha historia natural, sen demasiados artificios, para deixar que sexa a propia historia a que agrome no espectador aos poucos.

Non é de estrañar que o filme levase o premio do Xurado Novo. E é que este xurado, formado por estudantes do Campus de Pontevedra, probablemente visen en Short Stay unha proximidade dobre: por unha parte, a crise vital pola que Mike atravesa ao non saber encamiñar a súa vida; por outra, a ópera prima que Ted Fendt rodou grazas a amigos e colegas cunha vella cámara.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario