SI ME BORRARA EL VIENTO LO QUE YO CANTO, de David Trueba

-Una última pregunta Chicho: ¿Queda alguna revolución pendiente?

-Todas, ya que ninguna de ellas se ha concluído debidamente.

Semella case unha casualidade que poucas semanas despois da exhumación de Franco, Si me borrara el viento lo que yo canto (David Trueba, 2019) comece con imaxes deste enterro. Porén, lonxe dunha casualidade, isto é unha mostra do moito traballo que queda por facer en materia de memoria histórica e de recuperación do arrasado polo franquismo (aínda vivo nas institucións). Un traballo que este filme apoia a través da recuperación dunha figura descoñecida para moitos, incluído o que asina este texto, pero crucial na resistencia fascista dos anos 60 e 70.

O documental emprega materiais de arquivo e entrevistas, así como cortes de filmes da época, para ilustrar a vida e obra do cantautor Chicho Sánchez Ferlosio, autor de cancións como ‘Gallo Rojo, Gallo Negro’, militante do PCE nas décadas dos 60 e 70 perseguido polas súas creacións antifascistas. O filme ademais, fai fincapé na importancia do disco ‘Canciones de la Resistencia española’, gravado na clandestinidade coa axuda duns estudantes suecos; unhas gravacións que tiveron un grande éxito en Suecia, onde se converteron en clásicos versionados por unha multitude de artistas.

Se ben a premisa do documental é moi interesante, o resultado é un tanto irregular. Quizais pola excesiva dependencia do formato das talking heads ou por esas caretas con forma de vinilo para introducir materiais de arquivo, que fai que o produto sexa máis televisivo que cinematográfico, axiña a atención desvíase cara outras cuestións paralelas ao filme. Como, por exemplo, o irónico de que algunhas das testemuñas que dan conta das andanzas da xuventude comunista de Ferlosio sexan hoxe persoeiros situados no espectro máis á dereita do panorama político actual. Ou a relación entre Rafael Sánchez Mazas, fundador da Falange Española, e o seu fillo, Chicho Sánchez Ferlosio.

Ana Guardione en Si me borrara el viento lo que yo canto

Porén, se hai algo que me desvía do propio filme é a presencia de Ana Guardione, parella do cantautor e principal testemuña de toda a historia. Vexo nela a posibilidade doutra historia, a dunha dobre represión: a franquista e a dunha sociedade sexista. Unha historia que culmina coa convocatoria da primeira folga de mulleres en España en solidariedade cos mineiros de Asturias. “Atribuíronlle esta convocatoria ao PCE, pero fomos nós”, confesa Ana nun intre do filme. O carisma de Ana cega a miña atención e faime pensar na oportunidade de facer un documental sobre as mulleres no franquismo, pero non só as que loitaron contra el, senón tamén aquelas que, como a sogra de Ana que afirmaba ser a responsable do ‘Cara al sol’, foron responsables do mesmo.

Digresións mentais aparte, Si me borrara el viento lo que yo canto é un documento de memoria. É unha compilación de testemuñas arredor dunha figura exiliada culturalmente. Amplamente (re)coñecida por aqueles coetáneos que tiveron a ben coincidir con el, Chicho Sánchez Ferlosio é unha vítima máis dun sistema que enmudece a aquelas voces que pensan de forma diferente ou que falan de forma directa. Quizais a reflexión a facer é pensar en cantos Chichos hai hoxe silenciados por eses mesmos mecanismos do sistema, pensar en cantos nomes “ocultos por razóns de seguridade” non coñecemos por medo ás represalias. Porque, aínda que o ditador xa pasara por dous cemiterios diferentes, a súa sombra é aínda moi alongada.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.