SO LONG, MY SON, de Wang Xiaoshuai

Durante a pasada edición da Berlinale, o realizador chinés Wang Xiaoshuai presentaba en competición a monumental So Long, My Son, posiblemente a cinta máis sólida dunha Sección Oficial con bastantes altibaixos (podes ler a nosa crónica completa aquí). Recoñecido como un dos compoñentes da chamada “Sexta Xeración” do cinema chinés, Xiaoshuai é un rostro habitual no encontro berlinés: o seu filme Beijing Bicycle foi galardoado co Gran Premio do Xurado no ano 2001, mentres que In Love We Trust recibía o premio a Mellor Guión no 2008. En moitos dos seus traballos, Xiaoshuai aborda os problemas da clase traballadora, especialmente aqueles relacionados coa rápida transformación política, económica e social experimentada polo seu país ao longo das últimas décadas. Neste sentido, o seu último filme ben podería considerarse o epítome desta tendencia. So Long, My Son postulábase dende o primeiro momento como unha das principais favoritas para alzarse co cobizado Oso de Ouro, unha honra que recaeu finalmente en Synonyms, de Nadav Lapid. Con todo, o filme non marchou de Berlín coas mans baleiras. A cinta arrasou nos galardóns interpretativos, que recoñecían o excepcional traballo dos seus protagonistas: Yong Mei e Wang Jingchun.

Falamos dunha obra de dimensións épicas: unha peza de case 3 horas de duración que se desenvolve ao longo de 30 anos, cubrindo a historia do xigante asiático dende os últimos anos da Revolución Cultural ata o frenético crecemento económico do século XXI. Porén, a magnitude do filme non vai en detrimento do seu enfoque persoal e intimísimo, que logra conectar os dramas internos dunha familia coas feridas abertas e os traumas nacionais da sociedade chinesa. A cinta presta especial atención aos devastadores efectos que tivo a política do fillo único, centrándose na experiencia dunha parella (Mei e Jingchun) asolada polo loito tras perder ao seu cativo nun dramático accidente. Coa intención de fuxir do seu pasado e comezar unha nova vida, Yaojun y Liyun deciden marchar a unha vila “apartada do mundo”, onde adoptan a un neno co que tratan sen éxito de cubrir o baleiro que deixou a morte do seu fillo biolóxico. O destino da parella está intimamente ligado ao de Haiyan e Yingming, outro matrimonio que representa un modelo totalmente distinto de adaptación ao sistema e os cambios sufridos no país, pero cos que comparten un insondable sentimento de culpa que os acompañará durante gran parte das súas vidas.  “Fai moito que o tempo se parou para nós”, sentencia Yaojun en certo momento, recoñecendo o limbo no que habitan dende o tráxico incidente.

Cabe destacar que a obra presenta unha narrativa fragmentada, saltando constantemente entre distintos lugares e arcos temporais, pero mantendo sempre un ton consistente e un excelente manexo dos tempos. Isto débese en gran medida ao maxistral traballo de edición de Lee Chatametikool (colaborador habitual do tailandés Apichatpong Weerasethakul en cintas como Uncle Boonmee Who Can Recall His Past Lives ou Cemetery of Splendour). O que nun primeiro momento foi un mecanismo escollido polo director para acurtar a duración da película (escrita inicialmente de xeito cronolóxico), convértese nun dos grandes activos do filme. Centrándose nos momentos clave que marcan de xeito irreversible a vida dos protagonistas, a obra vai tecendo con mestría os distintos fíos e subtramas sen descoidar o compoñente de intriga que acompaña todo o relato. Por outra banda, a fotografía de Kim Hyung-seok tamén contribúe en gran medida á perfecta ensamblaxe da película, dotando a cada época dunha estética e tons característicos. O filme está composto principalmente por secuencias longas e pausadas, que nos permiten acompañar ás personaxes ata habitar os seus mesmos espazos. Non obstante, a cámara sempre mantén unha certa distancia, observando a través dos marcos das portas, respectando a súa intimidade e o seu loito. Na banda sonora, envolvente pero quizais demasiado subliñada, atopamos o único punto feble dun apartado artístico sen apenas fisuras.

So Long, My Son preséntase como un melodrama orgulloso, cunha profundidade emocional e narrativa pouco habituais. Xiaoshuai fai unha exploración minuciosa da psique dos seus personaxes, cunha sutileza que se beneficia de posteriores visionados, sobre todo no que concirne ás comedidas interpretacións do dúo protagonista, que non só carga co peso dramático da historia, senón que eleva todo o filme a outro nivel. O paso do tempo, a perda e as relacións humanas conforman o núcleo temático da película, cargada de reflexións de carácter político e social. Tampouco se pode acusar ao realizador de buscar a lágrima fácil. En todo momento asistimos a un proceso lento e meditado, un auténtico traballo de ourivería no que se vai cimentando toda a carga emocional da historia, que acaba por desbordar ante os nosos ollos. En definitiva, unha obra que nos agarra o corazón durante tres horas, cunha das rectas finais máis demoledoras que temos visto no cinema recente.

Comments
2 Responses to “SO LONG, MY SON, de Wang Xiaoshuai”
  1. Jean Michel di:

    Encantame o feito de que encontrara esta páxina de milagre. Busco información sobre unha das miñas películas preferidas do ano pasado e encontro esta marabilla de sitio que he da miña terra. Tedes un lector máis.

    Firmado: Un galego no exterior.

Deixa o teu comentario