SOMEWHERE, de Sofia Coppola

Somewhere

SOFÍA COPPOLA E O ‘ART FILM’ ESTADOUNIDENSE

En outubro de 2007, quen subscribe estas liñas foi obsequiado cun dos maiores regalos que calquera amante do cine podería recibir. Asistín a un encontro co reputado Francis Ford Coppola no marco do Festival de Roma, no que estaba a presentar Youth Without Youth (2007). E non soamente iso, senón que tamén tiven o privilexio aínda maior de poder formularlle unha pregunta na fugaz quenda de intervención do público. A miña cuestión, preparada a conciencia por se acaso tiña esa sorte, estaba relacionada con esa archicoñecida e mitificada xeración de cineastas norteamericanos xurdida na década dos setenta, a case unanimente denominada ‘idade de ouro’ do cinema de autor en Hollywood, da que o señor Coppola foi unha das cabezas máis visíbeis, e se pensaba que algunha vez se ía repetir outra xeración de tal magnitude e repercusión. A súa resposta, bastante segura e decidida, afirmaba sen medo a existencia dunha serie de realizadores cun marcado espírito autoral e cunha boa comuñón coa industria e co público. Resoltamente atrevido, citou unha serie de nomes, entre os que, medio titubeando, colaba o da súa querida filla, que tamén acudiría posteriormente á estrea do filme.

Traio de volta esta anécdota a raíz dun artigo de Owen Gleibermann, redactor de Entertainment Weekly, a principios de ano, no que o xornalista pregoaba un retorno do art filmde selo estadounidense, a propósito de dous títulos de recente estrea (aínda inéditos en España): Blue Valentine (Derek Cianfrance, 2010), e o filme que nos ocupa, Somewhere (Sofia Coppola, 2010), León de Ouro na pasada edición da Mostra de Venezia. Gleiberman, afirmándose inicialmente detractor de todo o susceptible de ser englobado por esa cínica, perigosa e contraproducente etiqueta (que vai dende o máis definible concepto de ‘cine de autor’ ata o que aquí moitos chamariamos, ás veces sen saber moi ben porqué, ‘cine de arte e ensaio’, con mención explícita incluída a Vincent Gallo e ao primeiro James Gray, acaba por louvar ambas películas, ás que cualifica de “vigorizantes e accesibles, fascinantes e reais”. E de feito, seguindo a visión de Coppola pai, non dubida en comparar esta suposta emerxente tendencia, efectivamente, coa gloriosa xeración dos setenta. Podemos aventurar, entón, une certaine tendancede cinema de autor na industria estadounidense non cinguido aos modos de facer da escena de Sundance? No que atinxe a Somewhere, rotundamente non.

O xornalista vai tan lonxe que ata se atreve a describila como unha especie de “8 ½ (Federico Fellini, 1963) adaptado ás celebrities modernas”. O que realmente semella, con todos os respectos para Fellini e a súa obra, é unha vacua, desalmada e fallida versión de La Dolce Vita (1960) enfocada na dimensión íntima e individual. Pero onde realmente topamos coa maior das decepcións é na cuestión principal coa que comecei este artigo: a boa saúde do cinema americano de autor en xeral e da filmografía de Sofia Coppola en particular. Pois ben, contrariamente ao que cabería pensar á hora de enfrontarse á xa cuarta longametraxe da realizadora italoamericana, esta supón unha completa involución tanto autoral como artesanal na súa traxectoria.

Aquela sorprendente debutante que nos chamara atención co hipnótico drama adolescente The Virgin Suicides (1999) e reclamaba unha cátedra cun logrado retrato da soidade metropolitana en Lost in Translation (2003), parecía terse perdido polos corredores dun Versalles charramangueiro e post-grunge en Marie Antoinette (2006), pastiche videoclipeiro no que o concepto de narración parece esperar agochado na neveira. Pois ben, esa barricada no camiño, indultable grazas aos logros dunha prometedora e loable emerxencia, resultou ser finalmente o inicio dun perigoso e acelerado retroceso que pode quedar enganosamente camuflado baixo unha recepción crítica esaxerada e grandilocuente.

Somewhere desenvólvese a modo de redundancia cíclica, de bucle dun primeiro acto inconcluínte que non parece saber nin querer dar o seguinte paso. Nos primeiros cinco minutos xa nos facemos unha ampla idea do estado emocional do seu protagonista absoluto, un estado que apenas transmuta cando os créditos aparecen para botar o peche. Sofia Coppola, do mesmo modo que a súa personaxe, viaxa a unha Europa ficticia, edulcorada, irreal. A directora parece abraiada e posuída por unha errónea concepción do cinema europeo en si mesmo e como avatar do cinema de qualité, unha convicción máis que errada de que a codia debe ter máis peso có núcleo, e que o público europeo vai aplaudir unha proposta tan desbaraxustada sen vacilar, ás primeiras de cambio.

As súas eleccións formais marcadas parecen querer convencer a moita xente pero non a ela mesma. Aínda que as pegadas do seu particular gusto compositivo son facilmente detectables, dende a primeirísima secuencia, toda unha declaración de intencións cumprida ao pé da letra, a cineasta destila unha forzada intencionalidade que de seguido nos conduce ao maior dos erros que pode cometer un artista, un autor: a perda da confianza nun mesmo. Apenas se poden salientar unha media ducia de breves secuencias posuidoras dunha auténtica forza, nun conxunto que se sabe incapaz de atopar o norte en ningún momento. A música extradiexética, característica distintiva dos seus anteriores traballos, brilla aquí pola súa ausencia.

O peor de todo é que a directora acaba por se declarar culpable, recoñecendo a súa impotencia narrativa. Durante toda a metraxe pretende que a empatía circule a través da contención, do silencio, da metáfora, sempre de maneira implícita, para finalmente romper cos esquemas que ela mesma deseñou e non soubo manter. A revelación final da culpa e do remorso de parte do protagonista, ese suposto clímax, único nocello de evolución dramática e argumental, que precede a un manido epílogo, chega a nós da maneira máis directa, verbal, explícita e evidente.

En definitiva, unha fallida, pretenciosa e desacertada representación da estrela de cine sen rumbo e sen valores. O intento de retratar o baleiro moral mediante o baleiro narrativo e expresivo non cola. A banalidade non se pode combater con máis banalidade. Finalmente, parece que a propia cineasta é ese mesmo divo ao que pretende que detestemos. Síntoo, señor Gleiberman. Se realmente está buscando un rexurdir do art film, este non é o camiño nin estas as maneiras.

Comments are closed.