NUMAX E A CUARTA PAREDE AGASALLAN UN DVD/BLURAY DE MIMOSAS

NUMAX e A Cuarta Parede poñen en marcha un concurso para agasallar aos lectores da revista cun exemplar do DVD/Bluray do filme Mimosas (Oliver Laxe, 2017). O filme, gañador no Festival de Cannes no Premio da Semana da Crítica e do Premio Especial do Xurado no Festival de Cine Europeo de Sevilla no 2016, sairá á venda o 13 de decembro cunha coidada edición a cargo de NUMAX. Esta contará con, ademais do filme, un caderno de rodaxe escrito polo Santiago Fillol, guionista de Mimosas e profesor da Universidade Pompeu Fabra, e a curtametraxe de Oliver Laxe Paris #1 (2008).

Participar neste concurso é moi doado. Tes ata o 16 de decembro para seguir a A Cuarta Parede en Facebook ou en Twitter e enviarnos un correo á dirección info@acuartaparede.com co título da produción que consideres que vai ser a máis votado polos colaboradores da revista como o mellor do 2017. As listas cos resultados das votacións publicaranse na semana do 18 de decembro. E como decidiremos quen é o gañador? Moi sinxelo: o primeiro mail que chegue co título do escollido como o mellor do 2017, será o gañador. No correo electrónico teredes que poñer no asunto “Sorteo Mimosas” e, no corpo do texto, ademais do título, incluír o voso nome completo e o voso usuario na rede social na que sigades a A Cuarta Parede.

mimosas21

«A segunda longa do director de Todos vós sodes capitáns (2009) pouco ten que ver con esta. Unha caravana no Atlas marroquí leva un home ao seu lugar de repouso. Con esta sinxela liña argumental, Laxe constrúe unha cinta contemplativa e con diálogos que funcionan a xeito de parábolas. O seu ritmo interno, máis próximo ao dun poema épico que ao dunha novela de aventuras, execútase case a modo de mantra e fai que entremos paulatinamente nunha película árida como a paisaxe na que se sitúa; pero tamén chea de xenerosidade de cara ao espectador. A epopea (porque iso é Mimosas) é espiritual, o camiño físico pouco importa, nunha estrutura dramática que segue os tres movementos máis tradicionais do rezo islámico (inclinado cara adiante, de pe e axeonllado coa cabeza preto do chan). Aquí a xeografía non acompaña a trama. As montañas e o deserto están aí como unha proxección do camiño de fe dos seus protagonistas, que se ven enfrontados ao vasto da paisaxe na tradición romántica de Caspar David Friedrich, e que remite tamén aos filmes máis aventureiros ou pictóricos de Werner Herzog e Michelangelo Antonioni. As Mimosas non se explican, só hai que crer nelas. A película pide un acto de fe e, se un se entrega a el, ofrece iluminación. Esta presentación é xa historia do cinema español, se é que ese concepto existe, porque Laxe, como Shakib, reza a diario, axeonllado, de pe ou inclinado; e reza libre.»

Víctor Paz en “Oliver Laxe conquista a Croisette

Share SHARE

Comments

comments

Comments are closed.