APUNTAMENTOS SOBRE ADOLESCENCIA E SEXUALIDADE NO CINEMA

O verdadeiro obxecto da educación,

coma o de calquera disciplina moral,

é procrear a felicidade.

William Goldwing

Basta unha ollada ao revelador libro Shere Hite responde a las cartas de los jóvenes sobre el sexo para comprobar que as dúbidas, preocupacións e intereses dos adolescentes respecto da sexualidade van moito máis alá das reiteradas cuestións sobre a primeira vez, o embarazo ou as enfermidades de transmisión sexual. Algunhas das cuestións que os mozos expoñen á influente sexóloga alemá van encamiñadas cara a aspectos como a vergoña e o sentimento de culpabilidade que pode xerar a masturbación, a impaciencia durante os xogos preliminares, o desconcerto e temor do mozo cando a moza non ten orgasmos con el ou as relacións homosexuais, así como cuestións sobre sensualidade, impulso sexual, orgasmo feminino, exaculación precoz, sexualidade igualitaria, violencia sexual ou orientación e identidade sexual. Cuestións, en fin, que demostran un grao de conciencia e interese pola sexualidade moito máis profundo que o que se atribúe ao mito do adolescente insensato e impetuoso, gobernado polas desordes das hormonas sexuais.

A pesar de que o sexo e a sexualidade lograron incorporarse ao ensino obrigatorio até alcanzar un trato franco e desprexuizado, numerosos expertos coinciden en reprochar a prevalencia de modelos educativos que encaran estas cuestións dun modo eminentemente descritivo, nos que a información sexual mantén a súa prevalencia sobre a educación sexual. Así, ese primeiro concepto, o de información sexual, comprende aspectos obxectivos e funcionais do sexo, ofrecendo coñecementos precisos sobre bioloxía, anatomía ou fisioloxía, pero “desconectados do espírito e da moral”, segundo W. Kretschmer, quen defende que os adolescentes “deben comprender o drama do amor e non só coñecer datos biofisiolóxicos da sexualidade e feitos externos”. En concordancia, autores como J. Dierkens atribúen á educación sexual a formación da plenitude da personalidade, desde os seus aspectos biofisiolóxicos e psíquicos, até os sociointelectuais e morais. Así, conclúe Norberto Galli, “a educación sexual é, ante todo, pedagoxía do carácter e da vontade”.

***

Os nenos buscan no adulto que lles iluminen nos

misterios da vida, e hai poucos misterios máis

suxestivos para o neno que o sexo.

Norberto Galli

Malia que a educación sexual é unha competencia que se vincula por defecto ás institucións educativas, trátase dunha área do coñecemento que, como todas as fundamentais, debe comunicarse tamén desde o propio fogar. Algo que todos sabemos, por suposto, pero que poucos pais poñen realmente en práctica.

En consecuencia, é moi importante que os mozos non escoiten voces discordantes dos seus profesores e proxenitores. Isto non só significa que as mensaxes non deben ser contraditorias, senón que tampouco poden proceder dun único lugar. Como advirte Norberto Galli, “o método do silencio e a renuncia ás propias responsabilidades expoñen ao menor a unha serie de ansiedades, inquietudes, sentimentos de culpabilidade, excesos fantasmais e medos, que poden ter despois incidencias desfavorables sobre a súa personalidade”1.

Naturalmente, tan prexudicial coma o silenciamiento son as respostas censurables ou reprobables, que poidan crear en torno ao sexo un “reino da repulsa e da prohibición”2. Deste xeito, numerosos psicólogos recomendan que, a partir de certa idade, os pais incorporen á súa conversa tamén os temas sexuais, “dun xeito espontáneo, sen solemnidade e sen cerimonias misteriosas”, como precisa Wilhelm Stekel. Pola contra, se os educadores (tanto mestres, coma proxenitores) se desentenden desta responsabilidade, os raparigos e raparigas acudirán a quen se ofrezan a resolver as súas dúbidas, a miúdo amigos e compañeiros da súa mesma idade e igualmente inexpertos, “dos cales non recibirán ningún tipo de esclarecemento, senón unha maior confusión e, sobre todo, unha visión deformada do sexo”3.

En definitiva, tan negativo é desestimar os beneficios dunha boa educación sexual como infravalorar os prexuízos dunha formación sexual ineficiente ou inexistente, xa que, ao cabo, “os temas que afectan á sexualidade e ás relacións persoais teñen moito que ver en última instancia coa identidade e a autoestima”4.

***

Dende que o cinema é cinema, o sexo é motivo de

escándalo, unha pedra de toque que continúa

irritando e soliviantando aos máis puros

(en realidade estreitos) de espírito.

Ramón Freixas e Joan Bassa

A extraordinaria capacidade do cinema para crear realidades autónomas ou influír sobre a nosa percepción de realidades existentes, converten os textos fílmicos en excelentes dispositivos onde representar e reflexionar sobre cuestións relativas ao sexo e a sexualidade, como poden ser a orientación e identidade sexual, o erotismo, a sedución, o desexo, o romanticismo, as relacións de parella, as condutas sexuais, o namoramento ou os recorrentes debates sobre roles de xénero e guerras de sexos. Loxicamente, esa idoneidade do cinema para involucrarnos en contextos alleos ou descubrir realidades veladas da nosa propia contorna, fano tamén especialmente vulnerable ao artificio distorsionado, podendo convertelo (voluntaria ou involuntariamente) nun espello deformante. O cinema, polo tanto, pode tanto contribuír á comprensión da nosa realidade como incitar unha maior confusión, especialmente acentuada no caso dunha cuestión tan quebradiza e tortuosa coma o sexo e a sexualidade: “se xa é problemático o tratamento do tema, definilo converteuse nunha sañuda competición de leis, regulamentos e censuras, de ‘boutades’, estudos meditados e reaccións viscerais que se empeñan en remar ao vento tentando moralizar ou distinguir entre o bo e o malo, ver que separa o púdico do indecente, o decoroso dos obsceno, o fino do basto”5.

Tendo en conta a dificultade e amplitude deste tema, exporei a continuación unha serie de títulos que, ao meu xuízo, albergan interese dende o punto de vista da educación sexual, entendida, neste caso, non coma instrución senón como divulgación. Esta escolma de películas (que irei completando ao longo de varios días), inclúe maioritariamente propostas que retratan a aproximación dos adolescentes ao sexo, e pretende ser unha mostra desprexuizada da iniciación sexual dos seus mozos e mozas protagonistas, fuxindo de intransixentes criterios morais ou moralizantes. Por cuestión de formato e extensión, apenas realizarei breves pinceladas sobre cada título, aínda que me deterei especialmente no primeiro deles, Comizi d’Amore, xa que reúne moitas das cuestións contidas nos outros filmes.

Pasolini interroga a toda clase de italianos sobre crenzas, suposicións, condutas ou prácticas sexuais (arriba), para logo reflexionar a partir desas respostas xunto ao psicólogo Cesare Musatti e o escritor Alberto Moravia (abaixoo)

COMIZI D’AMORE (1965), de Pier Paolo Pasolini

Este admirable filme-enquisa resulta fundamental para comprender a envergadura que ten a educación sexual coma instrumento adoutrinador nunha determinada realidade social. Á vez que recolle todo tipo de testemuños relativos á sexualidade, Pasolini elabora un revelador retrato da idiosincrasia da(s) sociedade(s) italiana(s) de comezos dos sesenta, os anos do boom económico trasalpino. Un “milagre económico” que, como lamenta o propio autor no epílogo do filme, non estivo acompañado, desgraciadamente, por un milagre cultural ou espiritual equivalente.

O artista boloñés interroga a soldados, futbolistas, obreiros, estudantes, campesiños, comerciantes e demais cidadáns anónimos sobre crenzas, suposicións, condutas ou prácticas sexuais, desvelando unha profunda e xeneralizada confusión, tan parca en coñecemento como abundante en reprobables prexuízos e absurdos mitos, intolerancia e intransixencia.

O filme comeza cun sintomático prólogo no que Pasolini, a quen vemos a miúdo diante da cámara ó longo da película, pregunta a varios nenos de apenas sete ou oito anos de onde veñen os nenos. As explicacións dos pequenos van desde a clásica cegoña até un que asegura que a el o trouxo o seu tío nunha cesta de vimbio, ou outro que confunde a lavadora (‘lavatrice’, en italiano) coa comadroa (‘levatrice’), quen, segundo el, trae aos bebés nunha flor do seu bolso. Este divertido descoñecemento tórnase agre, con todo, ao comprobar que a confusión dos nenos é tamén extensible aos adultos, aínda que sen a xustificable inocencia dos primeiros. As respostas dos adultos descobren unha sociedade excesivamente conservadora, suxeita a unha mentalidade preocupantemente misóxina e homófoba, aínda que matizada segundo a acentuada fronteira que se establece no filme entre a moralidade do norte e a do sur.

Así, o propio Pasolini conversa con homes e mulleres que xustifican a superioridade masculina e as privacións femininas, mentres outros tratan de meditar os motivos desta desigualdade: “para os campesiños, que non teñen nada, a honra da muller é a riqueza. Se perden iso, non queda nada. Chégase a estes absurdos. Unha familia con catro fillas morre de fame, porque só traballa o pai. Ás fillas non se lles permite ir traballar, porque poderían perder a súa virxindade”, explica unha muller nunha conversación na que tamén participa a prestixiosa xornalista Oriana Fallaci.

Ademais de argumentos machistas, Pasolini soporta tamén testemuños que manifestan unha impúdica repulsa polos homosexuais, e mesmo escoita a un mozo que argumenta, entre gargalladas, por que é preferible asasinar a unha muller infiel que separarse dela, ante a ovación da xente que o rodea. Barbaridades que levan ao cineasta, en determinados momentos do filme, a silenciar as declaracións baixo un rótulo que pon “autocensura”.

Por suposto, non todos e todas as participantes demostran unha actitude retrógrada e intolerante, pero mesmo moitos dos que non o fan maniféstanse visiblemente ruborizados ou cohibidos e, ou non contestan, ou o fan con tímidos monosílabos, ou caen en frases feitas e lugares comúns, especialmente nos casos de quen parecen pertencer á burguesía acomodada.

As respostas dos participantes ás cuestións sexuais expostas por Pasolini remiten e derivan unha e outra vez a asuntos coma o traballo, o diñeiro, a honra, a familia, o matrimonio, a paternidade e a maternidade, o adulterio, o peche de prostíbulos (coñecidos en Italia como “casas de tolerancia”) ou, por suposto, a relixión: “En Italia temos unha relixión, e a relixión debe ser respectada!”, reclama unha das mulleres entrevistadas.

Outro tema polémico tratado no filme é o divorcio, un dereito entón aínda prohibido en Italia (do mesmo xeito que no Estado español6) e que espertaba unha agre controversia dificilmente comprensible hoxe en día: “primeiro teñen fillos cun, logo teñen fillos con outro! Que país teremos o día de mañá!”, condenaba a mesma muller que reclamaba o respecto da relixión. “Non debe haber divorcio, porque as mulleres farían o que quixesen. As unións deben manterse, a non ser que se trate dun caso de enfermidade mental, ou algo semellante”, argumenta un mozo. Tamén neste caso, por suposto, hai numerosos testemuños a favor do divorcio, sobre todo no caso de mozos e mozas novas.

Paralelamente a estes testemuños, vertebrados en catro episodios7, Pasolini inclúe conversacións con coñecidos intelectuais italianos, entre os que se inclúen o psicólogo Cesar Musatti, o poeta Giuseppe Ungaretti ou o escritor Alberto Moravia, amigo persoal do director e autor da celebrada novela O conformista. De feito, nunha conversación na que Pasolini, Musatti e Moravia debaten sobre o modo no que algúns entrevistados se escandalizan ao falar sobre homosexualidade, este último asocia o escandalizarse co medo a perder a propia personalidade, tras o que conclúe cunha certeira reflexión: “unha crenza que foi conquistada co uso da razón e un exame da realidade, é bastante elástica como para que un non se escandalice. En cambio, unha crenza recibida por tradición, por preguiza, por educación pasiva, é un conformismo”.

Un non pode evitar pensar, ao ver este ilustrativo filme, cal sería o resultado se se desenvolvese o mesmo proxecto na España franquista da época.

O sexo en 'Kids' (Larry Clark, 1995) é unha satisfacción fútil, trivial, banal; mais tamén un modo de combater a apatía

KIDS (1995), de Larry Clark

“[Na tradición anglosaxona] os nenos son seres destinados a sufrir a violencia dun universo en ebulición e, polo tanto, tamén agresores en potencia, quizais portadores do mal e da morte”8. Esta reflexión de Carlos Losilla non ten nada que ver con Kids, mais ben podería ser unha aguda sinopse da opera prima de Larry Clark. Este filme canalla é un dos títulos máis emblemáticos sobre o sexo durante a adolescencia, e, probablemente, o máis polémico das dúas últimas décadas.
A película xerou unha monumental algarada na súa estrea en 1995 e enfureceu nos Estados Unidos a asociacións católicas e ligas de pais de familia, escandalizadas polas escenas con nu de actores menores de idade simulando sexo explícito. Emporiso, alén da valoración moral destas actuacións, considero que a discutible cuestión de forma deste filme non debese eclipsar á súa demoledora cuestión de fondo: o hedonismo egoísta, necio e (auto)destrutivo dos adolescentes retratados por Larry Clark.
O problema non é se os cativos foden ou non foden, senón como o fan, con quen o fan e por que cren que o fan: “Se desvirgas unha moza, ti es o home. Ninguén poderá volver facelo. Ti serás o único. Ninguén, ninguén terá xamais o poder de facelo de novo”, borrea o quinceleiro Telly9 mentres detalla ao seu amigo Casper como “desflorou” (diante dos nosos ollos) a súa última presa, unha nena de doce anos. “É coma facerse famoso. Inda que morras mañá, tódalas virxes que fodiches seguirante a lembrar dentro de cincuenta anos. Contaranllo aos seus netos”, replica o seu colega.

Mentres camiñan polas rúas de Nova York, o “cirurxián do virgo” conta ao seu encandeado compañeiro os pormenores da súa fazaña, permitíndolle mesmo comprobar o cheiro da rapaza nos seus propios dedos. Logo, Casper mexa contra un muro en plena rúa namentres discuten onde ir fumar e empiparse. Deseguido ámbolos dous rouban cervexa e froita a dous vendedores asiáticos e, finalmente, van á duns colegas onde todos fuman herba, beben cervexa e contan historias sobre as rapazas “nas que foderon”. Asemade, noutra parte da cidade, un grupo de mozas da mesma idade falan sen disimulos sobre a súa primeira vez, sobre felacións e cunnilingus, posturas e duracións. Son conversas desenfadadas, espontáneas, directas, atrevidas, filmadas con planos curtos, cámara en man, ao estilo do cine directo. O filme reborda frescura e descaro, destila verdade. Somos testemuñas privilexiadas, ao longo de vinte e catro horas, de conversas e situacións vedadas para os adultos. Larry Clark filma estes actores amateur coa asombrosa intimidade e crueza coa que anos antes fotografara aos rapaces e rapazas que aparecen nas instantáneas de Tulsa (1971) e Teenage Lust (1983), os seus dous álbums máis celebrados.

[Nas seguintes liñas, xustifico a miña maior discrepancia

coa película, tendo que incluír algún que outro spoiler]

Tras esta contundente inmersión no maremagno adolescente, Larry Clark e o seu guionista Harmony Korine (quen escribiu o guión en dúas semanas, aos dezanove anos) orquestran unha trama enredante e embusteira, xerada nunha secuencia maniquea protagonizada por dúas das quinceleiras da secuencia anterior: Jennie (Chloë Sevigny) acompaña á súa amiga Ruby (Rosario Dawson) a realizarse unha proba de detección do VIH, xa que a segunda está preocupada por teren mantido reiteradas relacións sexuais sen protección. As respostas de ámbalas dúas mozas aos cuestionarios das enfermeiras subliñan que Jennie só tivo sexo nunha ocasión (na secuencia anterior dixera que perdera a virxindade con Telly), mentres que Ruby tivo prácticas de risco con numerosos rapaces (especifica con cantos e de que tipo). Como un pode intuír, co fin de advertir (e sermonar, e indignar) ao espectador, o guión decide que sexa Jennie e non Ruby quen estea infectada de VIH. Secasí, angustiada e desolada, a moza comeza unha desesperada busca de Telly, que acaba de se converter aos nosos ollos de detestable Don Juan en funesto portador de morte. Con todo, para rematar ó espectador cunha dose letal de moralina, Jennie non só non evita que Telly infecte (previsiblemente) outra “virxe”, senón que é violada na última escena do filme polo único personaxe ao que se lle podería enxergar un posible futuro, Casper (quen, posiblemente, tamén se contaxiou).

[Fin do spoiler]

Aínda así, malia o meu malestar con esas fraudulentas decisións de guión, si recoñezo neste filme unha admirable destreza na súa posta en escena íntima, capaz de facernos penetrar, respirar e estremecer cunha cultura xuvenil, en palabras de Janet Maslin, “espiritualmente morta, construída na trangallada, na crueldade aleatoria e no pracer vacuo”10.
O sexo en Kids é unha satisfacción fútil, trivial, banal; mais tamén un modo de combater a apatía: “cando es novo, pouco importa. Cando atopas algo que che gusta, iso é todo o que tes. Cando dormes, soñas coas conas. Cando espertas, o mesmo. Están aí, diante de ti. Non podes evitalo. Ás veces, cando es mozo, o único lugar onde ir é cara ao interior. Iso é todo: foder é o que adoro. Sen iso non teño nada”11, admite Telly no prólogo da película. No último plano do filme, a mañá despois dunha esmorga de escándalo, Casper mira á cámara, resacoso, atordado, confuso… e exclama unha brillante, simbólica e premonitoria coda: “Xesús, que pasou?”.

 

[Durantes os vindeiros días irei engadindo novos títulos a esta escolma, entre os que se inclúen PRETTY BABY y EL SOPLO AL CORAZÓN, de Louis Malle; LA BELLEZA DE LAS COSAS, de Bo Widerberg; FUCKING AMAL, de Lukas Moodysson; MA VIE EN ROSE, de Alain Berliner; NO TENGAS MIEDO (2011), de Montxo Armendáriz; ou SHORTBUS, de John Cameron Mitchell]

1 Galli, Norberto: Educación sexual y cambio cultural. Barcelona, Editorial Herder, 1984, pp.17-18

2 Ibíd. p.193

3 Ibíd., p.18

4 Certerwall, Eric: El amor en la adolescencia. Hablando de sexualidad y de relaciones personales en la escuela. Barcelona, Ediciones del Serbal, 2000. p.15

5 Freixas, Ramon y Bassa, Joan: El sexo en el cine y el cine de sexo. Barcelona, Paidós, 2000, p.22

6 Italia e España foron dous dos últimos países europeos en aprobar o divorcio, en 1970 e 1981, respectivamente.

7 I – Grande fritto misto all’italiana / II – Schifo o pietà? / III – La vera Italia? / IV – Dal basso e dal profondo

8 Losilla, Carlos: La infancia que mira y construye. Breves notas sobre los niños en el cine norteamericano, en VVAA: Miradas cinematográficas sobre la infancia. Niños atravesando el paisaje. Buenos Aires, Miño y Dávila. p.98

9 Telly é o personaxe protagonista do filme, encarnado por Leo Fitzpatrick cando tiña dezaseis anos.

10 Tradución propia da crítica de Janet Maslin para New York Times, publicada o 21 de xullo de 1995. O texto orixinal di: “spiritually dead teen-age culture built on aimlessness, casual cruelty and empty pleasure”.

11 Traducción propia de “When you’re young, not much matters. When you find something that you care about, then that’s all you got. When you go to sleep at night you dream of pussy. When you wake up it’s the same thing. It’s there in your face. You can’t escape it. Sometimes when you’re young the only place to go is inside. That’s just it – fucking is what I love. Take that away from me and I really got nothing”.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.