ADRIÁN CANOURA: “FACER UN FILME É COMO PESCAR CALAMARES: NUNCA SABES QUE VAS PESCAR, SE VAS PESCAR, NIN CANTO TEMPO VAS A BOTAR PESCANDO”

Adrián Canoura (1991, Burela) é unha das voces emerxentes do cinema experimental galego actual. Por iso, non sorprende que os seus filmes formen parte da escolma de traballos que o (S8) Mostra de Cinema Periférico programou coa ocasión das ‘Sinais en curto’. Aproveitando o seu paso polo certame coruñés, conversamos sobre o seu cinema, unha obra moi unida a Galicia traballada desde unha certeira intuición.

Canoura camara

O teu cinema traballa moito sobre a cultura galega, pero tamén desde un punto de vista case etnográfico. De onde xorde este enfoque?

Non sei cal é o motivo exacto, de onde nace. Pero si que desde que estiven no instituto, fun medrando, vas adquirindo unha mirada… Fóiseme abrindo o vínculo coa terra, coa aldea, coa familia. Na miña familia somos todos de aldea, e queiras ou non iso inflúe en determinadas forma de vivir e de ver o mundo. E está a parte da miña familia mariñeira, a parte agricultora, e todo iso mesturouse e cando empecei a entrar no mundo do cinema interesoume moito observar iso. Como se desenvolvía o ser humano nestes ámbitos. E ademais, Galicia ten como esas dúas partes tamén, mariñeira e agricultora, e creo que hai moito que mirar aí e pódese contar doutra forma.

Supoño que en certa forma, as historias que trato son mundos que “van desaparecendo”. A matanza xa non se pode facer doméstica. Os barcos cada vez hai máis preocupación. E a de Caerán lóstregos do ceo gústame pensala como un conto oral: a historia vaise difuminando e non sabes moi ben logo en que queda. É un pouco que che conta o teu avó, que de cada vez é diferente, pero se non cho contan máis veces vaise perdendo. Eu acórdome de pequeno que todo o mundo nas comidas familiares todo o mundo sabía contos, e agora dá igual, e todos estamos co móbil. Xa ninguén fala de historias marabillosas moi ficticias. E a película ten un pouco ese fío, tamén desaparece.

Nos teus filmes traballas sempre con xente que non se dedica á interpretación. Como preparas a gravación con eles?

Tampouco é que faga un traballo de estalos preparando nin nada. Eu sei como son e por iso gústame enfrontarme a iso. Por exemplo, meu avó é unha persoa moi especial, e de feito estou agora maquinando a ver se fago algo con el. Se traballo co meu avó sei como reacciona, e sei por onde pode saír. A miña avoa igual. Estás alí coa cámara e a eles dálles igual, responderon con moita naturalidade. E cando fun gravar cos meus tíos… Gústame que haxa esa relación. Eu estiven en rodaxes e por aí, en rodaxes de tele, e nótase que hai unha tensión que non me gusta. Creo que o dixen en Curtocircuíto, un rapaz preguntoume “como empezaches? Por que eu quero facer un documental…”. Eu gravei un par de pezas tradicionais, como de entrevista e iso. E foi cando os fixen que me din conta de que non me gustaba, quería facer algo diferente. Pero tiña que pasar por ese proceso: estar en ámbitos profesionais de rodaxes, pero non me gustaron. E creo que a relación natural coas persoas como a vexo eu, enriquece. Evidentemente canto máis poida seguir evolucionando ao longo da miña carreira, pois moito mellor. E logo, non sei, isto tamén pasa moito en Galicia, que filman con actores non profesionais. Hai moitas formas de velo, pero eu creo que enriquece.

Pero en Rexistros (xeografía de San Sadurniño), non coñecías á protagonista.

Si, efectivamente. Pero xa se nota que é unha persoa incrible, Consuelo, como empatiza, como reacciona. É como son os meus avós, por iso empaticei tanto con ela. Conectamos no primeiro momento cando fun ata alí.

Rexistros (xeografía de San Sadurniño) (2019)

Rexistros (xeografía de San Sadurniño) (2019)

Ademais, ela ten esa sorna…

Claro, e eu sei como manexar esas situacións. Estou acostumado a estar con señores toda a vida na aldea, e sei o que lles gusta, o que non. E aí si que me sinto cómodo para establecer unha conexión para crear algo. Ti podes estar cómodo pero logo á hora de filmar non sae natural.

Como constrúes a imaxe? Chegas á gravación con ideas previas ou é unha exploración durante a rodaxe. No caso de Caerán lóstregos do ceo teño entendido que si que había unha inspiración previa, non?

No caso de Caerán lóstregos do ceo, eu xa viña investigando de antes. E ponlle que de aí a uns meses, eu xa tiña algo gravado, pero sen mais, e atopeime con esta imaxe… Atopeino nun libro, e alí poñían “esta imaxe está no Arquivo do Reino de Galiza”. E a raíz de coñecer esta imaxe, digamos que xa construín o que lle poderían chamar o guión técnico. Os encadres, como quería filmar ao tipo este, etc.

Pero entón, en O porco e o seu espírito o proceso é outro.

No caso desta, en concreto, a gravación foi practicamente espontánea. Eu tiña idea de como era porque a vin mil veces, e estiven alí mil veces. O que pasa é que estaba na casa eses días e coincidiu que me dixeron que ían matar o porco. Pero non se sabía cando, porque o cocho está aí a punto, e chamas ao matarife e venche un día pola tarde e listo. Non é algo como de “vai ser o mércores que vén”. E, claro, coñezo o espazo e todo, e máis ou menos tiña disposto todo pero sen demasiada preparación. Foi ir alí, ver como estaban e gravar. Porque tampouco te podes poñer aí “a ver, ponte dese lado que vou facer un plano…” [ri]. Os encadres foron un pouco espontáneos, si que tiña unha idea de como era todo o proceso, pero a posta en escena foi no momento.

E como preparas todo este material para a montaxe? Filmas moito máis do que usas?

Que va, nunca sei o que necesito. Non sei por que, pero eu creo que teño algo de sorte en que as cousas ao final me saían ben. Gravo moito máis… na de Caerán lóstregos do ceo teño non sei canto material de máis, deixei sen editar un montón. Si que é verdade que teño como moitas secuencias similares e ao final escollo as mellores. E con Rexistros (xeografía de San Sadurniño),tamén gravei moito, pero si que sabía o que quería na edición, pero si que gravei moito. Na deO porco e o seu espírito foi gravar e case é o que filmei. E en Salitre nas veas foi unha aventura saír a filmar. Saimos ao mar, e gravei coas dúas cámaras e tiña bastante material.

Salitre nas veas (2017)

Salitre nas veas (2017)

Empregas sempre dúas cámaras?

Levei a dixital non sei moi ben por que. Levaba a de cinta, a Hi8, e collín a outra por pura intuición. Dixen “bah, vouna levar por se tiro algunha foto”. Pero logo, mentres eles estaban montando e así, estiven probando coas dúas cámaras, e ocorréuseme gravar coas dúas cámaras cousas diferentes para traballar coas texturas.

Polo que dis, parece que traballas moito coa intuición.

Un profesor que tiña díxome que había que facerlle caso á intuición. E é verdade. Gústame deixarme levar. E se me dá boa vibración, tiro para aí. A intuición eu véxoa un pouco como o pescador que vai coa caña pescar calamares. Realmente non sabe o que vai pescar, realmente non sabe se vai pescar, e realmente non sabe o tempo que vai botar. Pero ao final pode traer un cubo cheo de calamares, como pode traer un ou ningún. E estas aí, pasando o tempo… Por que te sentas aquí e non na outra punta? Atráeme iso, non sei se me vén dentro polo meu pai, que é alguén a quen eu considero que ten moi boa intuición para pescar. Paréceme incrible cando me conta historias do barco que ían pescar a Escocia e eu preguntábame por que pescas aquí e aquí non. E paréceme incrible.

Como é o proceso de traballo coas imaxes unha vez finalizas a gravación?

Está o proceso de dixitalización: cámara, cinta, capturar e tal. E logo edición fágoa no Premiere. Ou sexa, non ten nada especial. Non hai ningún elemento estraño como si que pode haber nos directos, aí xa teño outras movidas e outra performance. O único cinta, capturar e logo editar.

No caso de Caerán lóstregos do ceo sorprende esa imaxe tan escura que empregas.

Nese caso, cadroume co MasterLAV, e estabamos cunha clase na que presentabamos proxectos e eu levei este. E recomendáronme gravar na cinta, unha e outra e outra vez. Que logo ao final non o fixen, pero pareceume interesante igual. E logo, non sei quen me recomendou que no son gravase con casete, facendo como un paralelismo coa imaxe e a cinta. Tampouco tiña ningún aparato específico, e ademais, gustábame como o gravaba a cámara o son. Entre cutre, cinta, ten unha textura que me interesaba. O da imaxe, non sei, eu véxoo como pintar un cadro case. Estas aí no ordenador engadindo texturas, cores, quitas, pos, non sei… Non ten nada especial, é fedellar no ordenador. Refírome a que non teño ningún software especial.

Si que é certo que cando estaba con Caerán lóstregos do ceo vira Sátántangó (Bela Tarr, 1994), e encantábame esa textura, esa sensación de estar entrando nunha bola negra misteriosa. E atrapoume bastante esa textura, e queríame guiar un pouco por aí. Tamén cousas de Lynch, da última tempada de Twin Peaks (2017). BruceConner tamén, ten un traballo plástico incrible. Para min é un dos referentes absolutos. Ademais cadroume eses meses que estaba en Madrid a súa exposición no Reina Sofía e pareceume unha cousa marabillosa.

Caerán lóstregos do ceo (2018)

Caerán lóstregos do ceo (2018)

Nalgúns dos teus filmes faste presente neles mediante o zoom, pero tamén coa túa propia sombra entrando na imaxe ou as miradas á cámara. É algo consciente ou involuntario?

Medio e medio. A de O porco e o seu espírito, é que esa película é un pouco… estaba aí, viña de facer outras cousas, e foi disto de “non me vou rallar. Quero facer”. E despois alí, é o que che dicía, eu xa sabía a relación… A min gústame interactuar mentres estou gravando. Estabamos alí como familia. Estaba falando por atrás coa outra, co matachín. De feito, o matachín mírame como dicindo “pero este que está facendo?”, e iso gústame moito. Gústame tamén que eu tampouco sei o que estou facendo, e tamén me gusta que os que están alí tamén o interioricen. O meu avó estaba alí como “este está aí sacando fotos”, e gústame que non saiban moi ben o que estou facendo, pero eu tampouco. Estamos todos ao mesmo nivel, eu non estou alí como un artista. E en Rexistros (xeografía de San Sadurniño), si, fíxenos a propósito pero tampouco sabía se os ía empregar.

A diferencia quizais, é que Caerán lóstregos do ceo é case como unha ficción, unha construción.

Si, é que realmente cando tes que poñer as etiquetas para festivais… é que realmente ficción, é como estraño. Está ficcionado.

Na túa web creo que o tes como “Retrato experimental”.

Si. A ver, é unha ficción, claro, hai unha posta en escena, pero tampouco sei ata que punto.

Sobre a música nos teus filmes, como traballas con eles? Pedro Costa dicía que era perigosa porque ”fai que as imaxes muden de temperatura”.

Tamén o di Bresson nas “Notas do Cinematógrafo”. Eu que sei, tampouco eles teñen as chaves do cinema. A ver, está ben que o digan, cada quen pode dicir o que queira. Creo que a música axúdame como a compoñer a imaxe e a montaxe. Mentres estou escribindo ou investigando xa vou escoitando cousas que me interesan meter, e aí si que me espertan certas imaxes. Pero igual estou cunha canción e logo vou no coche e penso “este son se lle meto tal…” e todo cambia. A min axúdame nese sentido.

Despois á hora de introducilas, todas teñen un por que. En Salitre nas veas a música está aí porque o son non valía para nada. É unha lancha de 10 metros, pequenísima, e o motor estóupache os oídos. E despois dinme conta e pensei en introducir ese son representa esa agonía de estar aí co motor… porque é un pesadelo. E a música vai un pouco na liña dese pesadelo. Dixérame Escourido [un amigo en común], “hostia tío, que rallada”. E eu dixen, e que é un pouco iso, é que no barco estás así.

En Caerán lóstregos do ceo gustábame o traballo de Juan Carlos Blancas, que traballou con Helena Girón e Samuel Delgado, e fora a un taller en Curtocircuíto e flipara con como traballaba el e co tratamento que lle daba á música. E a raíz de aí como que fun traballando con ese espectro sonoro. E verdade que aí encargáralle ao meu tío, que é músico, unha banda de quince ou vinte minutos que fose como un ambiente escuro. Tampouco sen ensinarlle moito, algunha imaxe se cadra, pero eu confiaba moito nel e sei que o que fai conecta artisticamente comigo, e fiábame moito. Pasoumo, así unha base drone como moi escura, e funa descompoñendo, facendo mil capas, ralenticeina. Lin moito tamén como traballa Lynch co son, e nas súas películas gústame como traballa coas texturas, como pon cancións ao revés, moi ralentizadas. E aquí fixen un pouco así, fun desmontando o que me pasara o meu tío.

Falando de música, é curioso que os teus traballos visuais con Baiuca son moi diferentes aos teus filmes. É algo intencional separar esas dúas vertentes?

Si que hai intención. Desde que naceu o proxecto, polo 2017, Alex xa me viña deixando caer que quería que fixera os vídeos. E desde o inicio, cando empezamos como a crear a imaxe de Baiuca, xurdiron esas cores, non sei moi ben por que, pero supoño que sería algo que falamos. Foi saíndo así, e logo foi evolucionando e como que intentamos probar outras cores, pero gustábanos o de que se identificasen as cores co proxecto. Pero, eldáme tamén liberdade absoluta e eu voulle presentando cousas.

Olvídame - Baiuca (2019)

Olvídame – Baiuca (2019)

Nicole Brenez escolleu Caerán lóstregos do ceo como un dos filmes do 2018. Cres que ese estigma que había de que non se pode ter éxito facendo filmes sobre Galicia está superado?

[pausa] Hai varios puntos. Unha vez falara, non sei con quen falar disto, deste cine do que houbera un boom aí atrás, falo de cinema periférico, de xente dun sitio que lle dá por retratar a unha tribo en Chile co que non ten ningunha relación. En principio é algo moi atractivo e que pode ser de interese para un festival tipo Locarno. Pero que interese ten iso? A min paréceme máis adecuado o que tes cerca e transmitilo para fóra. E máis a cultura galega, que estivo moi denostada e que ten un complexo moi grande de transmisión cara o exterior. Agora vénse froitos en moitos ámbitos, na literatura, na música, no cinema, vese que traballando cousas de aquí tamén podes ter repercusión fóra. En todos os ámbitos laborais tamén o ves, na pesca, que eu tamén a teño de preto, ves que a pesca galega é a mellor do mundo pero non está tan ben valorada. E dáme pena iso. Por un lado dáme máis ganas de seguir amosando todo o que temos aquí. Que non digo que sexa mellor que outras culturas, pero inferior non é, iso seguro.

E tamén, Marcos Nine. El foi quen me espertou a chispa. Hai moitos que din “Stan Brakhage seduciume…”. Pois non, tío, foi Marcos Nine, un cineasta de aquí. Eu estaba estudando en Lugo na Escola de Imaxe e Son de Lugo e houbera aí unha etapa que viñan como directores de CREA a dar charlas. E viu Marcos Nine, eu coñecíao así de pasada, non tiña moita idea dos seus traballos. Ensinara curtas del e empezara a falar, no debate xa, do proceso artístico de traballo e iso. El dicía que non estivésemos obsesionados con isto que che meten na escola de “Ou televisión, ou guións de Hollywood”. Ou vas ao Land Rober ou tes que facer unha película de Steven Spielberg. Non hai un espectro medio aí. A min iso frustrábame moito, e cando viu Marcos abríuseme o mundo. El falaba de que non había que estar obsesionado con ir a buscar unha historia a Londres, que realmente o que nos podía facer medrar, o que necesitabamos para traballar, tiñámolo moi preto, e aínda que fose coa familia que eran cousas máis interesantes de contar.

Supoño que Dhogs, para as xeracións que veñen detrás, será un referente que amose que se pode facer tamén cinema máis de xénero sen terse que ir a Los Angeles.

Houbo moito tempo que se dicía que non se podía facer un cinema desde aquí que triunfase fóra. Pero abriuse o espectro de gamas de cinema. Agora desde Galicia tes de todo, e iso mola moito. E con historias de aquí, producidas aquí, historias próximas… Que alguén como Andrés Goteira, que lle mola máis o cinema así fantástico ou escuro, pois que non se teña que ir a, eu que sei, Barcelona para facer a película. Iso gústame.

Comments are closed.