ALBERT SERRA (LA NOVEL·LA, NO EL CINEASTA)


Nunha das máis de 600 citas que compoñen Reality Hunger de David Shield podiamos ler algo así: O motor da ficción é a narrativa, o motor do ensaio o pensamento. Nunha contamos, noutro recordamos. En Albert Serra (la novel·la, no el cineasta) Albert Forns combina de xeito maxistralmente humorístico a reflexión e a información coa imaxinación. Por iso o lector cinéfilo que busque un libro monográfico ao estilo Catedra ou Dirigido por sobre o polémico cineasta español atoparase con algo ben distinto: Albert Serra (la novel·la, no el cineasta) non é un estudo sobre o cineasta nin unha análise sobre as súas películas. Pero, en cambio, todos aqueles que, logo da vitoria de Albert Serra en Locarno, se pregunten quen demos é este tío, e canto hai de pose e canto de verdade na súa actitude e as súas declaracións, atoparán aquí unha intelixente e divertida posible resposta.

O xornalista e poeta catalán, Albert Forns, parte dunha premisa ficcional que vai tornándose ensaística e xornalística. Estando de vacacións nunha praia nudista de Menorca decide converterse no dobre de Albert Serra, “en un doppelgänger, una rèplica, un clon exacte. Parlar como ell, pensar como ell, trasnformorm-me físicamente en la seva persona”, transformarse nunha copia do cineasta catalán que será mais Albert Serra que Albert Serra. Para iso deberá estudar e imitar o seu aspecto físico, a súa vestimenta, o seu acento banyolés, os seus xestos e o seu pensamento. Esta divertida premisa de partida permítelle a Forns ir creando un ensaio que máis que sobre as influencias temáticas ou estéticas do seu cine é sobre a personalidade polémica de Albert Serra. O que atrae a Forns do cineasta catalán son as declaracións provocativas, o particular método de traballo e a troupe de actores e amigos que o acompañan; pero sobre todo o personaxe que o propio Serra construíu a partir de si mesmo. O obxectivo ensaístico da novela de Albert Forns é vincular e relacionar a particular idiosincrasia de Albert Serra e o seu método de traballo co doutros “grandes personaxes” da historia da arte: Salvador Dalí e Andy Warhol. Salvador Dalí é a presenza fantasmal que percorre cada retrato de Albert Serra, sinala Forns. A actitude provocadora e teatral que Salvador Dalí mantiña fronte aos medios é a mesma que adopta Albert Serra. Serra “dalinízase” cada vez que hai un xornalista ou unha cámara diante. Por este motivo Albert Forns afirma que: “No s’entén, en Serra sense Dalí […] en el seu discurs perpètuament antisistema i irriable el papel s’ha menjat l’ actor, el personatge s’ha cruspit l’ésser humà que el sustentaba.” De Warhol en Serra resoan a súa ambigüedade, o seu método actoral, o xogo cos mitos, e como non, o aburrimento que producen as súas películas.

Pero o ensaístico e o ficticio tamén se mestura co xornalístico. Albert Font visita o cuartel xeral de Serra en Banyoles mentres monta parte da súa última película, viaxa a Ansouis (Francia) para asistir a un día de tensa rodaxe de Història de la meva mort (2013), onde é testemuño directo do Método de Dirección de Actores Albert Serra® e asiste ao festival Documenta de Kassel (Alemania) que no 2012 invitara ao cineasta para que filmase e presentase o seu proxecto de Les tres porquets. Unha obra que consistía nunha adaptación cinematográfica dos diarios de Johan Van Goethe (Conversacións con Goethe) e Hitler (Conversacións privadas con Hitler) que Serra filmaba polo día cun colaborador do festival recitando un monólogo en alemán vestido co traxe apropiado. Un proxecto aburridísimo que máis aló de mostrar a daliniana fascinación de Serra coa figura dos ditadores, non era, como sinala Forns, máis que unha escusa para viaxar con toda a troupe da súa produtora Andergraum “ja que pagen les alemanys”. Si Andy Warhol tenía The Factory y Salvador Dalí Porlligat Albert Serra tiene Andergraum: “un submón privat amb regles pròpies i una pila d’irreductibles banyolins disposats a seguir-lo a tot arreu”.

Para Forns ver a Serra dirixindo os actores é como asistir a unha perfomance. “Ès l’ obra d’art de debò, el que caldria inmortalitzar”. A frase podería ser unha boutade provocativa dun Albert Forns en modo albertserriano pero ata que punto ese cine elemental apegado a un decidido primitivismo, como o definía Domènec Font, non deixa de ser que unha simple (e desfasada) reciclaxe de estéticas románticas e sublimes? Aata que punto o cine de Albert Serra, con todo ese roio da fe e o misterio na paisaxe e con toda esa retórica da autenticidade do Dv e a baixa definición non é máis que unha mostra (autoral) de puro “esencialismo blockbuster” (Porta)? E é que a novela de Forns e as súas reflexións sobre Serra, as vinculacións que traza con Dalí e Warhol, pero tamén con Barcelò, lévanme a formular esta daliniana afirmación: a verdadeira creación, a gran obra de Albert Serra non son as súas películas senón o seu propio personaxe. Deste xeito, a acción inicial de Albert Forns, o punto de partida da novela, conseguir “ser la còpia que desbanca l’original”, vincularíao cos grandes falsificadores da historia da arte. Forns situaríase na liña de Van Meegeren, Hoffman ou Mike Bidlo de maneira que Albert Serra (la novel·la, no el cineasta) sería unha novela orsonwelliana, un marabilloso F for Fake literario, a narración dunha falsificación e un estudo pormenorizado do orixinal que acada o obxectivo (in)desexado: a desmitificación do enfant terrible do cine español.

__________

Albert Serra (la novel·la, no el cineasta)

Albert Forns

Páginas: 334

Editorial: Empúries

Prezo: 19 euros

Comments are closed.