白日焰火 (BLACK COAL, THIN ICE), de Diao Yinan

23 Black Coal, Thin Ice 2

Logo de completar un extenso percorrido polos festivais de medio mundo -incluindo Tribeca, Busán, Karlovy Vary, Vancouver ou Londres- e de ser a vencedora indiscutíbel da edición máis recente da Berlinale -coa obtención do Oso de Ouro ao mellor filme e o Oso de Prata para o seu actor principal- 白日焰火 (Black Coal, Thin Ice, Diao Yinan, 2014) chega agora ás pantallas estatais cunha inmediatez que adoita ser inusitada para o mercado asiático de autor no noso país. Ambientada nunha pequena localidade do norte de China, a longametraxe segue os pasos de Zhang Zili, un ex-policía atormentado por un caso de homicidio sen resolver que puxo fin á súa carreira como inspector. Dividida en dous bloques narrativos -o primeiro en 1999, cando se produce o primeiro crime; e o segundo en 2004, cando se suceden dous novos homicidios que poderían estar relacionados co anterior- o filme aspira a ser un retrato da nova realidade en China: unha realidade fría, árida e difícil de dixerir coma a propia posta en escena que nos propón o director Diao Yinan. En si mesma, a transición entre os dous períodos temporais é toda unha declaración de estilo e de intencións pola banda do cineasta chinés. O xiro de 360 graos da motocicleta á saída do túnel, a neve incesante, o borracho tirado na beirarrúa e o furto simbolizan e resumen de forma maxistral todas as claves da proposta: o patetismo da vida cotiá, o humor negro inherente a este, a repetición cíclica de patróns e accións, e a incapacidade para fuxir da propia miseria humana.

O emprego dos códigos do cinema negro clásico -con referentes confesos como The Maltese Falcon (John Huston, 1941), The Third Man (Carol Reed, 1949) ou Touch of Evil (Orson Welles, 1958)- con toques de thriller contemporáneo e do selo persoal de Diao, proporcionan a Black Coal, Thin Ice as ferramentas necesarias para facer un retrato desapiadado e ao mesmo tempo compasivo dos seres escangallados que transitan pola pantalla. Dende o antiheroe cutre, borracho e magoante -encarnado por un extraordinario Liao Fan- até a súa ambigua, estraña e particular femme fatale -interpretada por Gwei Lun Mei- Black Coal, Thin Ice remata denunciando o xeito no que a sociedade contemporánea corrompe e converte en vítimas aos seus cidadáns. A medio camiño entre a realidade máis surrealista e a ficción máis atroz, Diao Yinan denuncia a precariedade vital e laboral en China, mostra a crueza do seu día a día e tamén a imposibilidade de calquera escapatoria.

A violencia subxacente no cotián

O carácter tráxico e irreversíbel do filme revélase xa dende os seus primeiros planos coa contraposición dunha pálida man sobre o carbón negro. O título internacional –Black Coal, Thin Ice– xoga neste sentido un dobre papel ao aludir directamente aos crimes que dan orixe á trama, mais tamén á propia simboloxía chinesa das cores, onde o branco e o negro empréganse tradicionalmente para representar a morte (lamentabelmente, na súa versión castelá, este subtexto fica mutilado pola abreviación do nome a Black Coal). Porén, estas dúas eleccións eliminan toda a significación, contundencia e fortaleza do título orixinal chinés: 白日焰火 (‘Daylight Fireworks’ ou ‘Fogos artificiais de día’), un título que, dunha banda, é clave para resolver a investigación do crime e, doutra, para entender o estraño final que o director Diao Yinan propón para o seu relato. É máis, o motivo narrativo dos fogos artificiais sérvelle para reflexionar sobre as distintas formas de violencia ás que está sometido o ser humano: a brutalidade física, a coacción daqueles que nos esganan dende unha posición de superioridade, o castigo autoinfrinxido, o sexo, a violencia da incomodidade da recreación, etc.

23 Black Coal, Thin Ice 3

Moi lonxe da representación poética que podemos atopar noutros cineastas como Johnnie To e a súa prodixiosa 放逐 (Exiled, 2006) ou mesmo no xeito persoal de Jia Zhang-ke de plasmar a violencia en 天注定 (A Touch of Sin, 2013), Black Coal, Thin Ice aposta por un estilo realista, a condición de que a súa extrema crueza non obrigue ao director a levar esta violencia a un descarnado e elocuente fóra de campo. Desprovista de todo lirismo, a violencia aparece na súa forma máis brutal, azarosa e porcalleira. O primeiro tiroteo é un claro exemplo desta dinámica na que o cotián da violencia chega sen avisar, sen planos ralentizados e estilizados nin reflexións grandilocuentes, e deixa o seu sinal do xeito máis desapiadado e patético. O patetismo é sen dúbida o mellor termo posíbel para definir este filme, onde se conflúen a actitude magoante do protagonista, o funesto cotián e, sobre todo, a sordidez da realidade circundante.

Cunha sólida traxectoria desde que asinara o guión de 洗澡 (Shower, Zhang Yang, 1999), Diao Yinan estase a consolidar grazas ás súas tres longametraxes –制服 (Uniform, 2003), 夜行列车 (Night Train, 2007) y Black Coal, Thin Ice– como un dos directores fundamentais da Sexta Xeración de cineastas chineses. A súa forza reside no trazado maxistral que fai dos seus personaxes: unhas criaturas con vidas precarias á procura dos medios para poder defenderse fronte á adversidade. O seu destino, con todo, nunca estará pechado, senón que devirá nunha evolución constante. Ancorado na narrativa asiática, que refuga dos finais pechados da cinematografía mainstream, Diao Yinan semella marcar un ciclo de repeticións infinitas como podemos apreciar no peche de Black Coal, Thin Ice, onde o plano antiestético e feísta do guindastre ascendendo subliña de novo o humor negro, o patetismo, o cinismo e a desesperanza vital do seu protagonista.

Comments are closed.