BUSÁN 2014 (II/II): LEE KWANG-KUK, DISCÍPULO DE HONG SANG-SOO

Primeira parte desta crónica aquí.

__________

GyeongjuA marabillosa 경주 (Gyeongju, 2014) do director chino-coreano Lu Zhang leva o nome e está situada na cidade coreana de Gyeongju, un dos sitios que máis monumentos e tumbas ten en Corea. Facendo desta omnipresencia da Historia o escenario deste drama persoal, a cidade e estes personaxes atópanse nun punto intermedio entre o pasado e o presente, a vida e a morte, entre os vivos e os mortos: os visibles e os outros, cuxa presenza é invisible pero palpable. O personaxe principal é un profesor universitario radicado en China e casado cunha muller chinesa que volve a Corea polo funeral dun amigo. Na cidade de Gyeongju, onde deixou os últimos recordos da súa vida en Corea, coñece a dona dunha casa tradicional de té. A relación entre estes dous personaxes toma moitas formas e dimensións nas case tres horas que dura a película. Interesantísima obra que recorda por momentos as atmosferas das historias contadas polo director tailandés Apichatpong Weerasethakul.

소셜포비아 (Socialphobia, 2014), ópera prima do aínda estudante na Academia Coreana de Cinematografía (KAFA) Hong Seok-jae, gañou o premio NETPAC. Unha intelixente película que combina temas sociais con cinema de xénero. Un thriller sobre o lado escuro das comunicacións modernas hiperdixitalizadas e o seu papel nas relacións interpersoais e como aínda hoxe, o máis antigo dos males da comunicación, cambiando de vehículo pero non de forma, segue máis vivo que nunca: o rumor.

Logo de que un mozo que está facendo o servizo militar se suicide, unha usuaria de internet anónima expón a súa morte en modo de burla. Un grupo de estudantes universitario deciden confrontala e vingar a deshonra, indo á súa casa, mentres os feitos son filmados e transmitidos en vivo por internet.

Na trama da historia hai algunhas cuestións que teñen particular sentido na sociedade coreana. Os cibercafés son sitios online onde se comentan absolutamente todos os temas de actualidade e do que a maioría dos usuarios de internet participa ou, polo menos, le. Así mesmo, Corea do Sur, ao estar en guerra co Norte, obriga a realizar o servizo militar durante 18 meses a todos os homes con nacionalidade coreana entre os 18 e os 27 anos. Este proceso implica un grande sentido de nacionalismo, honor e orgullo e funciona como ritual de comezo da idade adulta e reafirmación da masculinidade.

Actuada por un consistente e impresionante grupo de novos actores, Socialphobia é unha das poucas películas que lidia cun tema tan omnipresente nas sociedades modernas como é a hiperdixitalización e o seu rol nas relacións interpersoais.

Lee Kwang-kukPor último, centrarémonos en Lee Kwang-guk, quen traballou moitos anos como asistente do Mestre Hong Sang-soo. O seu primeiro filme 로맨스 조 (Romance Joe, 2011) gañou o premio do público no Festival de Busán. Esta edición, volveu con 꿈보다 해몽 (A Matter of Interpretation, 2014), un guión sen respiro con estrutura onírica que ao igual que a súa obra anterior, ten moitas lecturas posibles. Alegre e lúdica, é a historia dunha actriz de teatro cansada da decadencia da súa carreira e, por extensión, da súa vida. Tras abandonar abruptamente o teatro logo de que ningún espectador acuda á estrea da obra que protagoniza, senta nunha praza beber soju (licor coreano) vestindo a roupa do personaxe. As escenas sucédense sen orde cronolóxica e a distinción entre os personaxes da obra de teatro e a vida da protagonista non está clara. Así mesmo, unha serie de obxectos vintage (un reloxo despertador, un coche antigo ou mistos) disparan unha sensación nostálxica que permanece unha vez finalizado o filme e que quitan a liviandade que faría desta unha película esquecible. Facer comedias non é doado pero facer comedias que permanezan na memoria é un desafío aínda moito maior.

Lee Kwang-kuk obtivo o Premio Cinéfilo, outorgado por un xurado conformado por 70 estudantes de cinema de sete universidades coreanas. Decidimos saír ao seu encontro, por ser esta unha das cintas capitais do festival.

Asistiches ao mestre Hong Sang-soo en catro películas, influencia que se nota pero que non opaca en absoluto o teu auténtico talento.

Hong sang-soo é un excepcional director e traballar con el expúxome a múltiples posibilidades de aprender e considero que fun positivamente influenciado por el. Quizais é natural que se transparente esa influencia nas miñas películas. Logo de traballar con el aprendín como escribir un guión e como ser espontáneo no proceso de filmación e tamén como interactuar cos actores. A partir de agora quero desenvolver o que aprendín nesa experiencia. Á súa vez, aprendín a sempre estar en contacto co amor por facer cinema, sen importar o éxito futuro, que non depende en absoluto de nós.

Que tipo de películas che gustan?

Woody Allen e os irmáns Coen son os meus favoritos. O que máis me gusta das súas películas é o seu movemento e ritmo, e as actuacións dos actores. Á súa vez as tomas longas é o que máis chama a miña atención. Ademais Woody Allen trata temas moi profundos pero sen poñerse pesado. E esa liviandade atraeme moito, así coma o humor negro dos Coen.

Ti tamén estás tocando os grandes temas nos teus filmes. Falas moito sobre o tempo a través de elementos vintage que emanan un sentido de nostalxia, de tempo perdido. Tamén es moi crítico cos personaxes masculinos adultos na túa película, case todos adolescentes moi tardíos. E tamén o contrapunto con este neno agobiado, estresado e serio. Unha inversión que funciona dunha maneira moi tenra e divertida pero que ao pensala é angustiante.

Basicamente non houbo unha intención detrás de producir nostalxia pero si me gustan moito os obxectos que teñen unha historia, é por iso que elixín eses obxectos (un coche antigo, mistos e un reloxo alarma). Esta idea tomeina de Alicia en el espejo (Alice in Wonderland, Harry Harris, 1985) que leva consigo sempre un reloxo e a actriz principal (que á súa vez interpreta a unha actriz de teatro) cando sae enfadada da sala de teatro leva un vestido tamén inspirado en Alicia. De feito, algúns dos protagonistas son actores de teatro pero na película non os vemos actuar. Pero esta barreira entre unha performance e a vida cotiá quixen tamén mantela borrosa.

¿Cal é o teu método de traballo? Dende o momento no que comezas a pensar no guión ata o último paso de facer unha película.

Cando estou escribindo o guión quero incluír a maior cantidade de detalles posibles e facelo o máis minucioso que podo. Unha vez que a filmación comeza quero improvisar e atopar particularidades presentes na escena e integralas á película. Detalles imposibles de concibir previamente. Así que en resumo unha vez que comezo a película despégome do guión.

Na película utilizas moitas escenas longas. O traballo dos actores és remarcable e dilucídase unha fluída comunicación con eles. O éxito desas escenas é o resultado de moitos ensaios ou da improvisación?

Cando comezamos o proceso de facer esta película ensaiamos moito. Despois de cada ensaio tomei e modifiquei varias escenas e moitas das escenas que están na película son de feito algunhas das sesións dos ensaios. Gustábame a naturalidade dos ensaios e o ritmo descontracturado. Así que ao finalizar tiña varias versións de cada escena. Aínda que a repetición da mesma escena pode ser frustrante para os actores, viamos xuntos o monitor e intentabamos atopar a ledicia e o punto perfecto en cada unha delas, indagando nos detalles. Así que foi un traballo colectivo e moi entretido. Así foi como este proceso se foi distanciando da frustración para achegarse á diversión.

Supoño que o proceso de edición foi longo e de moito traballo, tendo en conta a natureza non cronolóxica da historia. Tiñas varias versións da película?

De feito no proceso de escribir o guión tamén pensei na edición. Se tiña varias versións do guión pero aproximadamente o 80% da edición final foi feita durante a escritura do guión. Foi nese momento no que considerei as variacións da historia e tomei as decisións finais. E a porcentaxe restante foi feita durante o proceso de filmación.

Como foi a concepción da banda sonora orixinal deste filme?

O Director Musical quería ter un concepto amplo para comezar. Así que este proceso tamén implicou unha constante comunicación con el para compartir ideas. E durante a edición final da película fomos escoitando a música cada momento para atopar o lugar perfecto e as variacións ou cambios necesarios.

busan 2014Este ano o festival cumpre 20 anos. Xa nos advertiron de que non haberá grandes eventos, porén, tendo na memoria a edición de 2014, as expectativas son altas. E é un alivio comprobar que o cinema coreano non foi de todo absorbido polos valores hipercapitalistas e materialistas da sociedade que os produce e que, de forma misteriosa segue combinando os dous elementos que nos atraeron dende o primeiro momento ao miralo: o exótico e o familiar.

Comments are closed.