CINEMA PORTUGUÉS EN 19º CURTAS VILA DO CONDE, COLLEITA 2011

Pedro Costa, coa curta O Nosso Homem, foi o vencedor da competición portuguesa e o grande destaque da 19ª edición do Curtas Vila do Conde. Tal como se prevía, o consagrado cineasta portugués venceu de forma natural o concurso nacional e até ofuscou os vencedores da competición internacional, tradicionalmente máis mediática. Volvendo ao territorio de Costa, a curta premiada recupera materiais de Tarrafal (2007) e A caça ao coelho com pau (2007), dúas curtas que se relacionaban directamente con dúas longas importantes na carreira do realizador, A Casa da Lava (1995) e Juventude em Marcha (2006), respectivamente.

Considero que foi unha conquista prevista, non só polo mérito do filme de Costa O Nosso Homem era claramente o mellor filme a concurso mais tamén pola falta de competencia dunha das menos interesantes competicións nacionais dos últimos anos. A ausencia de varios autores xa premiados en edicións anteriores en Vila do Conde Miguel Gomes, João Nicolau, Sandro Aguilar, Rodrigo Areias, só por citar algúns nomes e a estrea dalgúns filmes no Indie Lisboa, que tivo lugar en maio Alvorada Vermelha, de João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata; ou Insert, de Marco Martins e Filipa César empobreceu a competición nacional e facilitou o traballo do xurado. Aínda así, alén do filme de Pedro Costa, merecen destaque as curtas Fratelli, de Gabriel Abrantes e Alexandre Melo; Peixe Azul, de Tiago Rosa-Rosso (ambos distinguidos cunha mención especial do xurado) e Nuvem, do luso-suízo Basil da Cunha, vencedor da competición nacional da edición de 2010.

Adaptado do prólogo d’A Fera Amansada de Shakespeare, dobrado en portugués cun acento brasileiro da Bahia e rodado en Italia, Fratelli é un filme-encomenda que prosegue unha idea do cinema que o realizador vén tentando explotar de forma sistemática, insistindo na estrañeza como forma de falar de conflitos de sentimentos intensos e inconciliábeis. Con esta obra, Gabriel Abrantes, que aquí co-asina a realización e o argumento con Alexandre Melo, mais é responsábel único da fotografía e da montaxe de son e imaxe, prosegue unha carreira cinematográfica bastante prolífica (este ano xa estreou Liberdade no Indie Lisboa e vai estrear Palácios da Pena en Venecia) e consistente. Se ao primeiro contacto cun filme seu pode estrañar o aparato artificial e pretendidamente inverosímil, nos contactos seguintes “entráñanse” e compréndense as continuidades visuais, procesuais e emocionais. Paréceme claramente ser esa consistencia a que torna a súa obra singular no contexto portugués e rara no internacional.

'Artur', de Flávio Pires, é un falso documental moi creativo

Os filmes de Tiago Rosa-Rosso e Basil da Cunha teñen algo en común: están ambientados en barrios lisboetas con marcas identitarias fortes (Alfama e Reboleira, respectivamente), parten de rutinas do cotián e traballan (de forma antagónica) conceptos como o espontáneo, a improvisación e a verdade. A pesar de mudar de xeografía, Basil da Cunha prosegue nesta curta coa idea que xa estaba presente en À Côté: un protagonista que constrúe subxectivamente un mundo de alteridade que lle permite combater as contrariedades da vida. Dende o punto de vista da produción, o luso-suízo tamén reclama a diferenza en relación ao convencional, apostando por un proceso de creación colectivo e pola improvisación de actores non-profesionais. Canto a Tiago Rosa-Rosso, a pesar dalgúns apuntamentos interesantes, teremos que esperar por máis para confirmar ou defraudar as expectativas.

O ‘revival’ do súper8

Noutras andainas, merece destaque a sesión dedicada ao formato súper8. Composta por nove curtas filmadas en súper8, a sesión organizada por Rodrigo Areais incluíu filmes, algúns inéditos, de Edgar Pêra, Paulo Furtado, Jorge Quintela, Paulo Abreu, André Cepeda, Pedro Maia e do propio Rodrigo Areias. Aproveitando un recente interese e revivalismo en torno ao formato, a organización convidou o mozo produtor/realizador a organizar unha sesión panorámica con traballos recentes e orixinais de novos creadores portugueses. Son, polo xeral, micro-narrativas, unhas máis musicais, outras máis experimentais, intrinsecamente intimistas, que sorprenden e que impoñen ao espectador unha reflexión sobre o propio proceso creativo, como no caso dos dous meta-filmes asinados por Edgar Pêra ou no exercicio asinado por Pedro Maia. Foi unha sesión interesante que despertou a curiosidade dos presentes e as ganas de seguir a produción de filmes neste formato.

Unhas palabras aínda sobre a curta vencedora da competición Take One!, dedicada a curtas producidas no contexto escolar. Artur, de Flávio Pires, é un interesante documental que revela un realizador escuro e ignorado da década dos 60 e 70. Se esta descrición xa é suficientemente prometedora, o caso tórnase aínda máis interesante ao sabermos que se trata dun documental ‘fake’, completamente inventado, mais bastante creativo.

A fotografía de Jorge Quintela presta un ton épico e nostálxico ao western 'Estrada de Palha'

Finalmente, outros motivos de interese durante o festival puideron ser visionados no Centro de Memória de Vila do Conde e na Solar Galeria de Arte Cinemática. Refírome á exposición Stereo, que xuntou, en seis filmes, a creatividade de seis realizadores e de seis músicos: Domesticada, de The Legendary Tiger Man e Rodrigo Areias; Royal Cabaret, de Manuel João Vieira e Bruno de Almeida; And they went, de Black Bombain e Sandro Aguilar; Sem título, de Adolfo Luxúria Canibal e João Onofre; Baby Back Costa Rica, de Pedro Gomes e Gabriel Abrantes; e Strokkur, de Norberto Lobo e João Salaviza. Integrada na programación do proxecto Estaleiro (desenvolvido polo equipo da Curtas Metragens CRL), esta exposición presenta traballos inéditos que funden os universos da música e do cinema a partir de obras conxuntas, con resultados moi diversos e igualmente desiguais en termos cualitativos.

Alén de Portugal

Mais non só de cinema portugués se compuxo o 19º Curtas Vila do Conde. Obras de nomes maiores ou promesas do cinema mundial, como Thom Andersen, Ken Jacobs, Spike Jonze, Louis Garrel, Hermony Korine, Terry Gilliam, Peter Tscherkassky ou Corneliu Porumboiu, tornaron diversas, estimulantes e bastante concorridas as sesións deste ano do certame. A música foi tamén un motivo importante para esta edición: os filmes-concerto de músicos como Arto Lidsay/Jun Miyake e The Legendary Tiger Man/Rita Redshoes ou o concerto-performance de João Nicolau/Mariana Ricardo contribuíron á singularidade desta edición e a fomentar o diálogo entre cinema e música.

E para a fin, o principio. Foi precisamente coa estrea de Estrada de Palha, a última longametraxe de Rodrigo Areias, que abriu oficialmente o Curtas deste ano. Acompañado ao vivo pola interpretación de The Legendary Tiger Man/Rita Redshoes, o western de Rodrigo Areias é un retrato dun enigmático pastor que se ve envolvido nunha vinganza familiar. Inspirado en Desobediencia Civil, de Henry David Thoreau, propón un ollar retrospectivo sobre unha época da historia portuguesa recente (inicio do século XX) que, segundo o realizador, é máis actual do que aparentemente se pensa e demostra así que o país non mudou tanto no último século. Os códigos do western están alí, a música remite a un universo único no cinema portugués, a fotografía presta un ton épico e nostálxico (Jorge Quintela, o novo director de fotografía, ten mérito niso), os intertítulos cos escritos de Thoreau reforzan a mensaxe política do filme. É unha interesante e pertinente obra cuxo principal desafío será fuxir do sino da anterior longa do mesmo realizador (Tebas, 2007) e tentar romper o bloqueo no mercado portugués, que insiste en marxinalizar un correcto cinema luso.


Fai click aquí para ler o artigo na súa versión orixinal en portugués

Comments are closed.