CLERMONT-FERRAND (I/III): CONTOS DENDE A GALIA

O Marché du Film, o mercado de Clermont, onde boa parte das axencias nacionais de curtametraxes do mundo están representadas.

O Marché du Film, o mercado de Clermont, onde boa parte das axencias nacionais de curtametraxes do mundo están representadas.

“En Clermont-Ferrand non hai liña editorial”, dicíanos con orgullo Tim Redford, coordinador da competición internacional do festival galo, para Radio 3. A miña contestación a tremenda declaración foi unha sorte de “espera y verás”, convencido de que é imposible non contar con ela, mesmo cando non se busca. Pois ben, catro días despois, podía asegurar que Redford non esaxeraba. El é coordinador, pero non impón nada. O seu cargo non é máis importante, nin por el cobra máis, que calquera dos outros compañeiros do equipo, ao redor dunha decena, que traballan no certame todo o ano. A elección das curtas faise logo por unha lóxica “democrática” na que todo o mundo opina, e na que, confesábanos o propio Redford, cada un ten unha sorte de carta branca, un filme que pode impoñer aos outros sen que haxa quorum. “O resto da equipa detesta esta curta”, escusábase Tim ante un dos bodrios que nos tocou comer nunha sesión internacional. Pero non diremos o pecador, quedaría feo.

En efecto, hai varios filmes malos en Clermont – que festival, por bo que sexa, non os ten – pero tamén hai xoias agochadas – e moitas – nunha selección de sobre 600 curtas. Este sistema horizontal de toma de decisións, pois é como a democracia, claro; ás veces non nos gusta quen gaña, pero hai que respectar a vontade popular, e diso hai moito en Clermont. Sendo o festival internacional de curtas máis grande e importante de Europa – e é posible que do mundo – ten a difícil tarefa de ser o representante de todas as culturas, as cinematografías, os estilos, os autores… Todo debe coller en Clermont, porque se hai dúas palabras clave na súa non liña editorial son: representación, diversidade. Dito isto, hai que comentar tamén que a importancia do certame non se restrinxe ás sesións, tamén conta cunha serie de eventos paralelos – ou centrais, porque esta palabra aquí non se aplica – que son tan ou máis importantes que a propia selección. O Marché du Film é o lugar onde distribuidores, produtores, programadores en cinema e televisión, cineastas, axencias nacionais de curtametraxes…; basicamente, a industria enteira, se reúne, para comprar e vender as curtas chegadas de todos os países. Poñamos un exemplo empírico. Nunha das miñas visitas ao Marché, pasando saudar polo stand galego, vin como en escasos minutos, unha programadora italiana e outro británico preguntaban e se interesaban polo noso cinema, levaban un DVD coas curtas máis salientables do 2014 en Galicia, e un catálogo con todo o cinema do que a Agadic ten conta; que non é todo o que se fixo en Galicia, pero case. Este feito, multiplicado ao longo da semana, garantirá que unha curta como Ser e voltar, de Xacio Baño, premio Canal + en Clermont-Ferrand na competición Labo, siga a circular polo mundo. Isto é, o mercado é unha ferramenta de promoción e distribución do cinema máis poderosa, neste caso, que as propias proxeccións.

Isto, no que se refire a mover pelis. Se falamos de facelas, coma en moitos outros festivais, Clermont tamén ten as súas sesións de pitching, ás que os cineastas poden acudir para presentar o seu proxecto na procura de coprodutores. Estes son encontros profesionais, pechados á xente que pode intervir no proceso, mais o que realmente supón unha gran novidade en Clermont, a punta de lanza das actividades, é L’Atelier. Escola efémera de cinema – así a chaman – este encontro reuniu os días do festival a un total de 11 escolas, empresas ou outro tipo de colectivos que viñeron facer cinema in situ. Mostran os seus últimos avances técnicos, e como están a traballar en diversas áreas. Nunha pequena visita, eu puiden por exemplo asistir a un proceso de modelado por impresora 3D, que serve para crear efectos especiais con maior facilidade no computador, facendo máis sinxela a tarefa de animar diversa bichería fantástica; fun testemuño de como se anima de xeito tradicional en mesas de luz, vendo como se debuxa un filme fotograma a fotograma; comprobei que as rodaxes en 3D son cada vez máis asequibles; e escoitei a gravación dunha banda sonora nun estudo improvisado. A min isto só me serve como observador curioso, para incluílo despois nun parágrafo nesta crónica, pero aos estudantes alí asistentes pódelles servir para axudarlles a elixir a súa escola, ter acceso a novas técnicas, ou interesarse por procesos que doutro xeito, se cadra, non aprenderían. Se o mercado é a porta de saída de Clermont, o fin último de traer aquí as curtas; l’Atelier é a porta de entrada, onde se crea a canteira clermontina.

L'Atelier, escuela efímera de cine.

L’Atelier, escola efémera de cinema.

A resistencia dunha aldea gala

Pero lectora, tranquila, tamén hai cinema en Clermont. En concreto, ao redor de 600 curtas repartidas en diversos programas, algúns dedicados ao país convidado – China este ano – outros centrados en temas concretos coma o ciclismo… E, dende logo, a competición, cunha sección francesa case tan ampla como a propia internacional, e cinco sesións dedicadas a Labo, que recolle as caligrafías máis transgresoras e experimentais. Que haxa 12 sesións galas fronte ás 14 internacionais evidencia a aposta de Clermont polo cinema propio, algo que se acentúa cando se comproba a nómina de galardóns, ben máis numerosa que en internacional e Labo. Os patrocinadores son fortes e, por exemplo, Canal + dá 25.000 euros ao gañador do seu premio para o seu próximo filme. Ver estes apoios tan evidentes ao cinema nacional non pode máis que darnos envexa. O feito de que poidan existir 12 sesións cun cinema decente – e o que quedou fóra! – tamén evidencia que a produción de cinema en Francia ten un volume infinitamente superior que noutros países europeos. Os xestores culturais das institucións europeas – cantas veces o dixemos xa! – deberan realmente estudar que pasa nesta aldea gala, reduto resistente ao mercado máis feroz. Pero en fin, a política para outro día.

A selección francesa en Clermont dá conta da diversidade do seu cinema. Do lado das ficcións, podemos atopar historias clásicas pero contadas con arte como Burundanga (Anaïs Reales Borja, 2014) ou Mon héros (Sylvain Desclous, 2014) ata propostas nunha liña máis autoral, véxase Cambodia 2099 (Davy Chou, 2014), Tant qu’il nous reste des fusils à pompe (Caroline Poggi, Jonathan Vinel, 2014) ou Vous voulez une histoire? (Antonin Petetjatko, 2014), a nosa preferida. A primeira delas insírese claramente nun cinema social ao uso, no que un rapaz se debate sobre se usar ou non a droga do título, para nubrar o sentido das persoas e roubarlles. Isto reportaríalle moitos cartos e así sairía da súa situación de pobreza; ou pode traballar honestamente. O mellor que se pode dicir de Burundanga é que cumpre con corrección en todos os seus aspectos, cun premio merecido á fotografía, e se a traemos aquí é como un exemplo dese cinema coproducido por Francia – ten lugar en Ecuador – feito con factura, e unha creatividade moderada. Non son filmes malos. Simplemente, xa os vimos mil veces, pero para ser xustos, cómpre dicir que Burundanga é o traballo de fin de estudos da súa directora, e que teremos que botarlle un ollo para ver que fai despois, porque algo hai aquí, agochado neste academicismo.

Neste tipo de propostas, Sylvain Desclous ten tamén o seu interese por unha cuestión sociolóxica e xeracional. A súa comedia Mon héros segue o modelo de terapia grupal para amigos de mediana idade de Daniel Sánchez Arévalo, pero á francesa. Encontros con vellos colegas, volta ás orixes, esmorga na vila que che veu nacer… A sorte de  batallitas nostálxicas que obsesionan a calquera cando se ve preto á “cuarentena” e necesita dunha pausa para poñer as cousas no seu sitio.

'Vous voulez une histoire?' de Antonin Peretjatko, gran destacada en Clermont.

‘Vous voulez une histoire?’ de Antonin Peretjatko, gran destacada en Clermont.

Despois hai outros modelos que teñen os seus referentes en cineastas máis arriscados. Chou en Apichatpong Weerasethakul, Poggi e Vinel en Kubrick, por citar as conexións máis evidentes (para un comentario máis extenso sobre estes filmes, revísese a crónica de Vila do Conde). Pero o noso preferido aquí foi Antonin Peretjatko e a súa Vous voulez une histoire?, case que unha burla en clave humorística e, no fondo, homenaxe, á figura narrativa godardiana da muller. Cunha voz en off que remite á de Histoire(s) du cinéma(s) (Jean-Luc Godard, 1988-1998), xa dende o inicio, Peretjatko deixa claras as súas intencións, parafraseando ao propio Godard: “Queren unha historia? Poñan unha teixa e unha loira nun tren”. E máis tarde responde á pregunta deste outro xeito: “Marche de viaxe”. En efecto, o filme é un caderno de viaxes, unha colección de paisaxes, con cachas godardianas incluídas, no que Petetjatko xoga en clave cómica e lúdica co xénero do ensaio, nunha fina liña entre o elevado e o grotesco. Ao rachar esta convención; é dicir, ao introducir o popular nunha tradición narrativa propia da alta cultura, acaba por crear humor como xa o facía, con referentes cinematográficos similares, en La fille du 14 juillet (2013). É curioso como xeracións anteriores francesas, as de Leos Carax ou Abdellatif Kechiche, contestaron á Nouvelle Vague case por anulación ou, canda menos, indiferencia. A nova xeración de autores franceses – xa están aquí, por pouco que se fale deles en España: Guillaume Brac, Justine Triet, Vincent Macaigne, Sébastien Betbeder… – contesta porén á Nouvelle Vague pola vía do choque coa cultura popular – en moitos casos, influenciada non só polo cinema norteamericano, senón tamén polas súas series – nunha sorte de reciclaxe e apropiación fronte á tradición nacional que moito ten que ver co espírito común de Godard, Truffaut ou Malle. Está por comprobar por onde van tirar estes creadores, pero é evidente que estamos ante unha xeración con intereses comúns, e cada paso que dan semella confirmar esta tese.

Na animación e no documental, tamén hai talento, se ben non se advirte esta cohesión que si existe na ficción gala máis fresca, nova e orixinal. De Hillbrow (Nicolas Boone, 2014) e Renée R. Lettres retrouvées (Lisa Reboulleau, 2014) xa falamos na crónica do FID Marseille, pero está ben citalas aquí como destacados. Fóra dos documentais de carácter máis reportaxeado, outro máis chamou a nosa atención: Printemps (Jérôme Clément-Wilz, 2014). Trátase dun simple conxunto de rexistros dun amante do director cando o visita na súa casa. A película mostra toda a súa relación, dende que se coñecen, ata a separación, por motivos de diferenza social. Clément-Wilz forza un dobre conflito, un netamente cinematográfico, o das fronteiras da representación, que ten que ver cos límites da súa intimidade; outro de carácter social, saír ou non saír do armario, no contexto dunha familia profundamente tradicional. A ollada do director segue os principios da caméra-stylo na súa vertente máis persoal do vídeo-diario, resultando Printemps o retrato honesto dun home xovial ao que se lle endurece o rostro cando se lle menciona a súa homosexualidade. A cámara desvela a verdade innegable; a palabra, como dispositivo incluído na obra mesma, provoca unha perda da comunicación. Filme realmente interesante, que convida á reflexión fílmica e das políticas de xénero.

Por último, a animación pode servir como ferramenta do eu, tamén dende diversas técnicas. 8 balles (Frank Ternier, 2014) ou Une chambre bleue (Tomasz Siwinski, 2014) fano dende a animación tradicional, con estilos claramente pictóricos e persoais trasladados á pantalla, que inclúen procesos como a serigrafía ou a acuarela. A animación de gags tamén está moi presente en Clermont, tendo un dos seus máximos expoñentes galos en La nuit des jours (Emma Bakarelova, 2014). E despois temos propostas tan estimulantes como Daphné ou la belle plante (Sébastien Laudenbach, Sylvain Derosne, 2014), onde as plantas animadas en stop-motion e por ordenador serven como metáfora, por momentos moi explícita, do relato real dunha prostituta, que conta a súa historia en off. Un exemplo de como se pode chegar ao documental tamén dende a abstración e as ferramentas informáticas, sen cámara mediante.

__________

Esta crónica ten a súa continuación aquí.

Comments are closed.