A COMUNIDADE, de Salomé Lamas

A Comunidade, de Salomé Lamas foi seguramente a curta que máis divertiu o público da competición nacional da 20.ª edición do Curtas Vila do Conde e en todo o festival só foi suplantada pola curta de animación Flamingo Pride, de Tomer Eshed. Malia as ruidosas gargalladas, a moza realizadora portuguesa Salomé Lamas tivo a sensibilidade para alertar, por cuestións éticas, que o obxectivo do filme non sería nunca ridicularizar os participantes deste filme ou o obxecto fílmico en xeral.

Salomé Lamas (N. 1985), cineasta formada na Escola Superior de Teatro e Cinema que vive actualmente entre Lisboa e Amesterdão, ten probado formas e contidos diversos ao longo dos seus filmes, aínda que persistan elementos comúns en varios deles, procurando traballar sobre todo a un nivel conceptual, de experimentación e de procura de novas formas de expresión, que parten de ideas moi concretas que despois son traballadas durante a rodaxe e a montaxe.

N’A Comunidade, o proceso creativo semella non diferir moito deste esquema creativo e produtivo: partindo dos seus recordos persoais, a idea orixinal do proxecto era filmar algunhas piscinas municipais urbanas durante a época estival, xeralmente á altura do ano na que as frecuentan o maior número de persoas, procurando observar as súas rotinas e singularidades; no entanto, insatisfeita coa desertización acentuada desas estruturas, Salomé Lamas resolveu partir en busca de espazos comunitarios semellantes e lembrouse dos parques de campismo que coñeceren o seu auxe de popularidade entre os anos 60 e 70.

En rexistro documental, Salomé Lamas falou con diversos campistas do CCL na Costa Vella (Caparica), o máis antigo parque de campismo do país e, en poucos días (catro, se non me engano) filmou decenas de horas de declaracións de campistas de diversas orixes e consciencias. O pasado, presente e futuro do campismo e dos seus practicantes, e daquel parque e daqueles campistas en concreto, enchen o documental con diversos xogos de cruzamentos, desde pronto coas narrativas individuais, máis ou menos dramáticas, que constrúen unha narrativa fílmica que tamén asenta visualmente nas opcións de viaxe da cineasta polos distintos cantos daquel espazo.

Traballo moi interesante, que mereceu mesmo un merecido premio para o mellor documental atribuído polo xurado internacional. A Comunidade vive moito do traballo de montaxe, da responsabilidade compartida da realizadora e de Francisco Moreira, mais esencialmente da paciencia e observación da moza Salomé Lamas, que mostrou unha visión conceptual bastante prometedora e posibilidades de facer un traballo de maior forza nun futuro moi próximo.

Accede ao artigo na súa versión orixinal en portugués

Comments are closed.