‘CUERPO A CUERPO’, de Domènec Font

O cinema é coma o fútbol: ninguén dubida en dar a

súa opinión, é dicir que é formidable ou noxentoi”.

Jean-Luc Godard

Que se lle debe esixir a un libro sobre cinema nunha época que todo o mundo se volveu crítico e fai pública a súa opinión a través dunha miríade de revistas, blogues e redes socias? Que debe ter nuns tempos onde demasiada xente se enfunda a bata de investigador e ponse luvas de látex para realizar estudos tan voluminosos como estériles? Cando a maioría dos profesores universitarios se dedican a sacar libros e publicacións dunha mediocridade bochornosa cos que só perseguen fins burocráticos. A maioría de libros sobre cinema que se publican neste país adoecen de tal falta de criterio, de creatividade, de método e de paixón que dá vergoña allea, pero sobre todo adoecen de pensamento propio. O que queira saber de cinema máis lle vale ler doutra cousa porque coa maioría de publicacións sobre a materia, amais de aburrirse profundamente debido en parte ao academicismo e historicismo do que adoitan facer galanon aprenderá absolutamente nada. Non é de estrañar que Adrian Martin se preguntase “se hoxe en día, o estudo académico do cinema como sistema, un modo de pensar e de proceder, está realmente interesado no novo ou o desafianteii“.

Domènec Font foi catedrático en Teoría e Historia do Cinema da Universidade Pompeu Fabra e lonxe de predicar a morte do cinema foi, como mostra en Cuerpo a Cuerpo, un incansable rastrexador dos sinuosos, e ás veces difíciles, camiños do cinema contemporáneo. Un cinema que, parafraseando a John Cage, “non é o cinema do futuro, non é o cinema do pasado, senón simplemente o cine que está connosco neste momento”iii. Polo tanto, nada que ver coa consolidación do xa coñecido que tanto gusta a moitos dos apoltronados académicos universitarios. Con todo, Font mantense totalmente afastado dese incansable vórtice pola novidade no que vive inmersa parte da comunidade “cinéfaga”. Un ansia por devorar novos autores e estreas que, por desgraza, en demasiadas ocasións, vai aparellada a un déficit tremendo de reflexión. Un consumo bulímico das imaxes que apenas deixa tempo para que o pensamento aflore. Como sinala Font: “toda navegación polo océano do cinema debe mergullarse no pensamento fronte á cohorte de vividores que miminizan a súa transcendencia á sombra do sentido común”.

Con Cuerpo a Cuerpo Domènec Font realiza unha radiografía ao corpo do cinema contemporáneo pero tamén ao seu propio. Un ensaio para pór en perspectiva tanto o cinema como a si mesmo. Porque o libro, en parte, é froito desa loita corpo a corpo cunha enfermidade que provocaría o seu falecemento. “De modo que aclimato a escritura do corpo no cinema contemporáneo coas visitas hospitalarias e as quimioterapias, os medicamentos destinados a combater os efectos secundarios”, escribe nese prologo tan marabilloso e emotivo. Se, como dicía Godard, escribir sobre cinema é un xeito de facer cinema con outros medios, Domènec Font seguramente sexa un dos nosos mellores cienastas ―e seguindo coa bela analoxía― entón, quizais, Cuerpo a Cuerpo non estea tan lonxe de películas como Sacrificio (1985) de Andrei Tarkovski, Vai e Vem (2003) de Joao Cesar Monteiro ou The Long Holyday (2000) de Johan Van der Keuken; filmes testamentarios coa enfermidade dos seus cineastas polo medio. Cuerpo a cuerpo é a última mirada aos corpos do cinema contemporáneo do autor que ―paradoxos da vida― dedicou un brillante ensaio aos últimos testamentos dos cineastas.

Deleuze dicía nos anos 80 que o corpo xa non é o obstáculo que separa o pensamento de si mesmo, o que este debe superar para conseguir pensar. Pola contra, é aquilo no que o pensamento debe mergullarse para alcanzar o impensado, é dicir, a vida. E isto é en parte o que persegue Domènec Font coa súa radiografía sobre o corpo no cinema contemporáneo. Consciente de que o cinema contemporáneo quizais non sexa tanto arte como unha forma de vida. Desde ese cinema que converteu o corpo “nunha formula inestable, obxecto imperfecto disposto a ser profanado” ata o corpo fantasmático que percorren as propostas de cineastas dispares como Lisandro Alonso, Kiyoshi Kurosawa, Jacques Rivette. Pero tamén o corpo violentado e torturado de Park Chan-wook, Takeshi Kitano ou Tarantino, os corpos enfermos e mutantes de David Cronenberg. Con todo, e a pesar do que poida parecer, o libro non pretende encaixar o corpo nun discurso fragmentado con centos de subapartados que nos levan a pequenas conclusións, Font prefire seguir cada película e autor na súa individualidade, compasándoo ao fío común do corpo. Esta laxitude metodolóxica, se se quere, non mingua a capacidade analítica e argumentativa de Domènec Font.

Paréceme moi acertado Font cando introduce o seu preciso bisturí lingüístico sobre os corpos do cinema de Lars Von Trier e Michael Haneke; cineastas sempre polémicos pero interesantes que levantan coas súas películas debates tan porfiados como estériles, o que provoca que, por desgraza, certa cinefilia de ideais tan ascéticos como absurdos despache con demasiada facilidade as súas propostas. Font afástase desas polémicas e dogmatismos chic e dedica magnificas lecturas das súas imaxes. Con todo, se algo se lle pode achacar, máis aló de que un comparta ou non os seus gustos e argumentos, é o “mecano filosófico” do que se serve, tanto para a estrutura do libro como ás veces para apoiar o seu discurso. Está claro que para Domènec Font o cinema dá que falar e necesita ser falado (Lyotard) pero non creo que o libro se resentise moito prescindindo de figuras tan ilustres como Hegel, Nietzsche ou Ponty. Ás veces as citas non che deixan ver o bosque das imaxes.

O libro está dispoñible en Galaxia Gutenberg por 27’90 euros

 

__________

i Godard Jean-Luc: Pensar entre imágenes. Conversaciones, entrevistas, presentaciones y otros fragmentos. Barcelona, Intermedio, 2011 p. 403

ii Martin, Adrian/ Naremore, James: “El futuro del estudio académico del cine”, en Rosenbaum, Jonathan/ Martin, Adrian (Coord.) Mutaciones del cine contemporáneo. Errata naturae, Madrid, 2010, p. 224.

iii Cage, John: Silencio: Conferencias y escritos. Madrid, Ardora, 2005, p. 45

Comments are closed.