CURTOCIRCUITO 2017: VER ONDE NINGUÉN VE

1506509973-750_cb849501-c38e88eb-curtocircuito-2017-banner-numax-750x414

A programación da 14 edición de Curtocircuíto prestaba especial atención a todo aquilo que xiraba arredor do son. Precisamente, con este mesmo nome, o festival agrupaba diferentes sesións e actividades que tiñan o son como eixo central. “O cine non é visible e audible, senón que algo sucede no medio de ámbolos dous sentidos. Se as imaxes se proxectan sobre a pantalla, o son é o modo que ten o cinema de proxectarse sobre nós”, di Xoán-Xil López no texto do catálogo que engloba toda esta sonora programación.

Aínda que intencionalmente a liña programática deste ano apostase polo que é, moitas veces, un grande esquecido ao falar de cinema; de forma indirecta, tamén existía no festival unha forte conciencia de expandir a mirada do espectador alén da tradicionalidade. Así, o chegada de Peter Greenaway como director convidado semella un feito que reforza esta idea, xa que este director ten expresado en diversas ocasións que o cinema é unha arte de facer imaxes, sendo o texto o menos importante desta sétima arte. Quizais o eco da voz de Greenaway impactou inconscientemente, trazando, especialmente nas seccións Radar e Explora, diferentes rutas arredor de levar a mirada alén: de ver onde ninguén ve.

Indefinite pitch (James Kienitz Wilkins)

Indefinite pitch (James Kienitz Wilkins)

Metalinguaxe

Cinema dentro do cinema. Un dos recursos máis empregados por moitos cineastas que se moven, ás veces, entre a crítica e a creación. É o caso de Mark Rappaport, director que presentou nas anteriores edicións traballos coma Becoming Anita Ekberg (2014) ou Chris Olsen: the boy who cried (2016), que empregando a metraxe de diferentes filmes arredor destas dúas figuras do cinema argallaba un discurso que, alén de ser un documental sobre estes actores, xiraba sobre o cinema en si mesmo. Michael Fleming parece querer seguir este camiño, aínda que dunha forma máis abstracta, máis próxima a filmes coma Fast film (Virgil Widrich, 2003) quizais que aos traballos de Rappaport. En Over&over, o director parte dunha grande variedade de cortes de diferentes filmes para realizar unha collage repetitiva que ratifica a hipótese do título: o cinema hollywoodiense é unha repetición tras outra dos mesmos clixés e escenarios. O ollo do espectador sometido a esta continua repetición de secuencias e imaxes idénticas acaba por ver un todo idéntico en troques de diferentes filmes, case coma cando ollamos a liña intermitente da estrada desde un vehículo a toda velocidade.

Tamén de cinema desde o cinema fala Indefinite pitch (James Kienitz Wilkins), que desenvolve o seu discurso, aquí identificable a través dunha voz off que nos acompaña durante todo o filme, sobre unha presentación ficticia (un pitch) dun filme por facer. Sobre fotografías, a voz do autor comeza por presentarnos a súa idea orixinal do filme para despois deixarse levar polas anécdotas da localización da hipotética rodaxe. A voz, que comeza a divagar sobre a quietude das imaxes, móvese coma en zigzag dentro do filme, dun tema a outro, ata chocar coa cuarta parede e quebrala en pedazos cando interpela directamente ao espectador. Agora, desde a butaca, o autor comeza a conducir a nosa mirada por alí por onde non sabiamos transitar. De súpeto, as fotografías estáticas convértense en imaxes en movemento.

Espazo

Volva (Edouard Decam)

Volva (Edouard Decam)

Urth (Ben Rivers)

Urth (Ben Rivers)

Dentro da sección Explora, o festival adoita recoller aquelas apostas que fuxen máis da narratividade para adentrarse na experimentación e na ruptura das barreiras fílmicas; a sección Radar, pola contra, recolle aquel cinema máis convencional. Porén, ás veces, dous filmes confróntanse, desde seccións contrarias, reivindicando cruzar as liñas entre as seccións: é o caso de Urth (Ben Rivers) e Volva (Edouard Decam). Dúas propostas observacionais onde o baleiro e a inexistencia de actores na imaxe destacan como os rasgos máis significativos. En Volva, o director reclúese no observatorio situado no Pic du Midi dos Pirineos para filmar o edificio. Coma se tivese vida propia, o edificio comeza a comunicarse a través dos movementos das diferentes partes dos diversos mecanismos que a conforman. De fondo, resoando como ecos lonxanos doutro tempo, as antenas de radio captan as gravacións dun mundo que desaparece alén. Pola contra, en Urth, a Biosfera 2 situada en Arizona garda a testemuña da última muller viva na Terra. O espazo, de novo baleiro, é o protagonista dunha acción que é conducida pola voz desta muller, única testemuña dun mundo que constata o seu declive. O nivel de osíxeno redúcese mentres que os días se acumulan, asinando o futuro inevitable da muller que ve como, impasible, a natureza segue a avanzar. Dous filmes que discurren sobre os mesmos escenarios pero, como diciamos, confrontándose: un semella a conversión en deidade dun edificio capaz de ver alén das estrelas; o outro, parece certificar o caracter humano das persoas, ás veces, bébedas de soños divinos.

O espazo, mais o do corpo humano, tamén é o campo do análise no filme de Jessica Sarah Rinland Expression of the sightless. Tomando por protagonista a un cego, a directora dispón unha escultura ante el para que, só co tacto, poida ver a figura. A voz do protagonista, que puntualmente describe o que os seus dedos tocan van modificando a imaxe mediante a escolla de palabras coas que expresa o que sinte/ve. Non é casualidade que a escultura que se amosa frente ao protagonista captura o momento do rapto de Hylas, o servente de Hércules, cando as ninfas, presas da súa beleza, o raptan e afogan.

Find, fix, finish (Mlla Zhulutenko e Sylvain Cruiziat)

Find, fix, finish (Mlla Zhulutenko e Sylvain Cruiziat)

Historia

Volver a ollar a historia é algo ao que estamos acostumados, especialmente se temos en conta que grande parte dos traballos documentais son, precisamente, arredor de feitos pasados (sexan colectivos ou íntimos). Porén, nesta edición de Curtocircuito deuse a sorte de que cadraran dúas apostas singulares de mirar a historia pasada e recente. A primeira é Find, fix, finish (Mlla Zhulutenko e Sylvain Cruiziat), que basea o seu discurso visual nunha verticalidade extrema, reforzando así as diferentes voces off das testemuñas dos pilotos de drons militares. As voces, que se moven entre a frialdade militar e a conversa informal, acompañan ás imaxes creando unha tensión que vai en aumento a medida que o filme avanza. No aspecto visual, esta cenitalidade forza novas perspectivas e, polo tanto, novas realidades. O éxtase visual chega na secuencia na que a cámara filma unha praza forzando a nosa visión a identificar ás sombras como suxeitos e aos suxeitos como sombras. Aquí o filme consegue a, posiblemente, máis fermosa imaxe deste festival (cinematograficamente falando) e convirte á vez ao filme nunha sorte de distopía propia da ciencia ficción.

O segundo filme que visualiza de forma diferente a historia é The space shuttle Challenger (Cecilia Araneda). Collendo como comezo o estourido do Challenger o 28 de xaneiro do 1986, a directora lévanos, de novo co uso da voz en off, por diferentes feitos históricos íntimos e colectivos que repasan tres fitos cruciais para a súa traxectoria vital: o golpe de estado de Pinochet, o accidente do Challenger, e a prisión de Omar Khadr en Guantánamo. Mediante a repetición de diferentes momentos, ou ángulos, dos mesmos acontecementos, Cecilia consegue transformar o persoal en político, logrando que, con cada vez que volvemos a un destes tres escenarios, a nosa visión sexa máis rica e máis crítica. Un exercicio de responsabilidade e memoria que destaca pola súa honestidade no relato.

Fuddy Duddy (Siegfried A. Fruhauf)

Fuddy Duddy (Siegfried A. Fruhauf)

Abstracción

Coma todos os anos, na sección Explora reúnense diferentes filmes que afondan na abstracción coma virtude visual. As retinas, sometidas a un bombardeo constante de estimulos visuais de todo tipo, comezan a confundirse e a construír imaxes onde tan só hai impulsos. Ou, quizais, o ollo aprende durante a propia proxección a ver onde ninguén ve, a diferenciar aquelo que xace agochado tras eses bombardeos. Ao igual que en Indefinite pitch, onde a quietude comezaba a cobrar movemento a medida que o discurso do director calaba na nosa mente, aquí as imaxes aparecen de forma case fantasmagórica en segundos. Este é o caso de Fuddy Duddy (Siegfried A. Fruhauf), Keep that dream burning (Rainer Kohlberger) e On generation and corruption (Takashi Makino).

Tres apostas apoiadas tan só na imaxe que crean diversos motivos visuais e que requiren, tamén, diferentes xeitos de ver. Fuddy Duddy, por exemplo, semella estar a visualizar o interior da electricidade mesma. Os patróns visuais, que se fan e desfan en segundos, amosan un comportamento cuadriculado que inherentemente lévanos a pensar en tecnoloxía, electrónica ou na electricidade, especialmente se temos en conta esa intermitencia imparable que o filme desprega. Por outra banda, Keep that dream burning lembra ao ruído branco dos televisores antigos: un mar de puntos en branco e espazos en negro que, ao observalos de forma continuada, comezan a formar diferentes imaxes que remiten a explosións. Finalmente, On generation and corruption, aposta por unha abstracción menos complexa ao manipular imaxes reais mediante diferentes procesos, ocultando, aínda que non na súa totalidade, a verdadeira orixe das mesmas. Un filme que, como remite o título, centra a súa tese na imposibilidade de deter o cinema, que se desenvolve, constantemente, nun vaivén de xeración e corrupción.

Comments are closed.