DETROIT, de Kathryn Bigelow

Sempre tiven unha certa admiración polos directores que, dentro da industria, conseguen recortar un espazo de autor esquivando os clixés do cinema máis comercial. Na actualidade, Kathryn Bigelow é quizais unha das mellores expoñentes dese grupo. Ademais, é unha das poucas mulleres cineastas recoñecidas dentro da industria estadounidense contemporánea. É unha No-(Wo)Man’s Land[1]. De feito, foi a primeira muller, xa no ano 2010, en recibir un premio Óscar como directora.

Da súa filmografía cabe destacar a postmoderna Strange Days (1995), a bélica The Hurt Locker (2008), o drama sobre o terrorismo Zero Dark Thirty (2012) e, por suposto, esta última Detroit (2017), a súa décima película, que nos leva atrás no tempo, ata os disturbios raciais que sacudiron a cidade en 1968.

DETROIT 2

O cinema de Bigelow acostumounos a percibir que os espazos pechados non son por definición os máis seguros. Todo o contrario. Son o rañaceos sen saída, o gueto, a prisión, o tanque… sitios claustrófobos, sufocantes, celas no medio dun deserto, edificios sobrepoboados e conflitivos no medio da gran metrópole. Tamén nas habitacións privadas ou nas comisarías pódense chegar a cometer as peores atrocidades. En Detroit esta ambivalencia entre fóra/dentro, público/privado, inseguro/seguro, faise aínda máis evidente. Cando na cidade de Detroit explotan as tensións, a rabia desborda e caen todas as fronteiras. Ata un teatro, escenario dun concerto soul, pode converterse en terra hostil. Xa dende o comezo da película, Bigelow ponnos nesa situación de precariedade coa secuencia do soldado afroamericano que volveu de Vietnam. Hai unha ilusión de ter deixado os conflitos a miles de quilómetros de distancia, agora o marine pode celebrar a volta nunha festa privada no piso dun amigo a resgardo das bombas e dos tiroteos. Lonxe das barbaridades e das inxustizas. Pero só en aparencia. En realidade a guerra segue viva. Máis oculta, subterránea e paradoxal que en Vietnam. Porque está dentro dun espazo, aparentemente, de confort: é a guerra que o teu país está facendo contra ti.

O filme xoga coa tensión, in crescendo, a medida que avanza a cinta a acción vólvese máis crúa e os fotogramas máis sucios. A cámara móvese frenética, nerviosa, entre as rúas desfeitas. Outra vez a guerra fai de tea de fondo -os lumes de Apocalypse Now (1979) chegaron ata Detroit-. Así que o filme balancéase entre o cine bélico e o docudrama pero consegue ser estético sen chegar a ser ‘estetizante’, quitando case por completo a parte lúdica dos enfrontamentos. Nesta representación eficaz do conflito non podemos esquecer o traballo do reparto técnico onde estiveron presentes Harry Yoon e William Goldenberg, montadores nalgunhas películas de Michael Mann, o colorista Stephen Nakamura e sobre todo o director de fotografía Barry Ackroid, que traballou con Ken Loach e Paul Greengrass, e anteriormente con Bigelow en The Hurt Locker.

As secuencias máis duras chegan despois dunha hora escasa de película. No Motel Algiers, nun oasis hippie e aparentemente ao resgardo do conflito, irrompe a violencia autorizada do Estado, da policía. O espazo de paz convértese así nunha prisión onde ten lugar un interrogatorio atroz, sádico. A tortura que Bigelow amosou en Siria ou na Guantánamo de Zero Dark Thirty, reaparece en Detroit. A violencia da autoridade exprésase da súa forma máis violenta. E nós, como espectadores, empezamos a vacilar na nosa butaca, a sentirnos incómodos. Vémonos obrigados a ‘unha mirada fixa, frontal, prolongada e invertida polo peso insostible -humana antes que social e política- de feitos inenarrables’[2]. Pero esta secuencia terrorífica lévanos a outra reflexión: a indiferenza, en realidade, é a forma máis grave de violencia. A nosa mesma sensación de incomodidade, que nos fixo retorcer por un momento na sala, con moita probabilidade desaparecerá ao volver ao mundo exterior.

Neste sentido Larry Reed, un dos protagonistas da película, convértese no personaxe clave para entender as intencións da directora. Reed, primeiro cantante solista de The Dramatics, un grupo soul que chegou a ser coñecido sobre todo nos primeiros anos setenta, decide deixar a música despois de ter vivido os acontecementos de Detroit. Ao contrario, os Dramatics –o nome da banda parece levar o estigma dese mesmo drama– volven de xeito paradoxal ao cotiá, aceptándoa, ata chegar ao éxito. O crítico Diego Salgado afonda con precisión neste tema: ‘Bigelow rubrica unha alegación feroz, non contra o racismo como lacra autónoma, senón contra a nosa adaptación ignominiosa ao capitalismo e, máis en xeral, ás estruturas sociais da existencia, que nos seducen a fin de que acabemos por estimar inevitable e ata correcto erixirnos en vítimas e verdugos de nós mesmos e de quen nos rodea’[3]. Larry entende que despois de ter participado no xogo da morte non pode volver á realidade con ollos inxenuos ou cínicos. Porque non se pode obviar a banalidade do mal.

Bigelow, dentro dese sistema e da industria, representa unha anomalía feliz, comprometida. A súa loita é unha guerrilla militante, sen medo, contra a pasividade e o sometemento[4]. Unha mirada que, dende dentro, desde o persoal, é dicir dende a autoralidade, diríxese ao exterior desmontando a autoridade. A directora fainos partícipes, atrápanos coas súas historias raiando as nosas conciencias. Nun panorama cinematográfico con demasiadas propostas extremadamente narcisistas ou esaxeradamente condescendentes, é un feito artístico e moral que hai que valorar.

[1] LAUZEN, Martha M. (2011): <Kathryan Bigelow: On Her Own in No-(Wo)Man’s-Land>, en Camera Obscura, Volumen 26, Número 3 78, Durham, NC: Duke University Press, páginas 146-153.

[2] PAGLIARA, Arianna (2017): <Detroit>, en CineCriticaWeb, Sindacato Nazionale Critici Cinematografici Italiani, http://www.cinecriticaweb.it/film/detroit/

[3] SALGADO, Diego (2017): <Sola contra todos>, en Dirigido Por, Número 480, página 29.

[4] ‘Sé que el miedo no es una opción. Así que me siento obligada a hacer lo que pueda en respuesta. Y mi manera de hacerlo es usando el medio que tengo disponible y que domino, el cine. El arte no está destinado a ser decorativo’. PIÑA, Begoña (2017): <Kathryn Bigelow: “Para mí, no hacer nada contra el racismo no es una opción”>. Entrevista a K. Bigelow, en Público, http://www.publico.es/culturas/detroit-kathryn-bigelow-no-racismo-no-opcion.html

Comments are closed.