DJANGO UNCHAINED, de Quentin Tarantino

Que Quentin Tarantino é un cineasta controvertido é un feito indiscutíbel. Amado e odiado a partes iguais, a súa carreira está marcada pola súa cinefilia e gusto polo cinema de culto, a súa capacidade para rescatar vellas glorias, as súas narrativas violentas e un sentido do humor vándalo, ferinte e mordaz.

Nunha filmografía tan coherente como ateigada de matices, a característica máis visíbel da obra de Tarantino é a súa habilidade para abordar un xénero e renderlle tributo a través dunha reformulación tan persoal como recoñecíbel. Se para Inglourious Basterds (2009), o cineasta bebeu dos códigos do cinema bélico, en concreto da súa variante Macaroni Combat, con Django Unchained (2012) trasládanos ás localizacións do Spaghetti Western italiano dos anos sesenta. Tarantino, porén, non permanece na superficie e fai un produto híbrido no que enmarca ao pistoleiro á procura de vinganza nun cadro revisionista da historia dos Estados Unidos. No propio título do filme xa se percibe esta dualidade cando Tarantino xungue a tipografía vermella do western clásico en ‘Django’ con outra branca, sobria e aséptica para ‘Unchained’, e contrapón ámbalas dúas cun deserto do salvaxe oeste polo que deambula un grupo de escravos negros cuxas costas están esnaquizadas polos lategazos. Con esta sutil presentación, que case pasa desapercibida, Tarantino demostra nun só plano a súa pericia como cineasta e resume a liña mestra da súa proposta: a de contar un relato sobre a escravitude en Estados Unidos, empregando as regras e maneiras do western clásico.

A táctica non é nova, xa que en Inglourious Basterds ofrecía un relato histórico alternativo que concluía co hilarante asasinato de Adolf Hitler, mais aquí lévaa un paso máis alá. Dunha banda, porque satirizar un dos episodios máis escuros da historia do seu país -sen incorrer no mal gusto- é un exercicio complexo e perigoso e, doutra banda, porque os filmes estadounidenses que narraran estes acontecementos fixérano sempre dende a perspectiva do calvario -incluída a recente 12 Years a Slave (Steve McQueen, 2013). Con isto non se quere dicir que Tarantino non recorra en Django Unchained a estes argumentos, senón que os disemina estratexicamente coa intención de dar un xiro radical a un discurso no que a vítima se desposúe das súas cadeas e se converte no executor dos seus verdugos.

Ademais de para facer ‘xustiza histórica’, a argucia sérvelle de escusa para reflexionar sobre a estupidez humana, a crueldade, a soberbia, a parálise emocional, o colaboracionismo ou o sensentido de moitas prácticas atroces. A lista de secuencias nas que Tarantino introduce estes subtextos é interminábel, mais se pode condensar en tres. A primeira delas -se cadra unha das máis absurdas e brillantes do filme- é a consagrada ao retrato ordinario dun grupo amateur do Ku Klux Klan, que se enfrasca nunha discusión pola descoidada confección das súas máscaras. A escena pode semellar trivial, mais encerra toda unha disertación sobre o xerme do maligno na súa faceta máis cotiá e vacua digna de aplauso. A segunda correspóndese coa longa secuencia da cea en Candyland, onde o escravo principal da mansión -encarnado por Samuel L. Jackson- se perfila como un personaxe máis miserábel e desapiadado que o seu amo, mentres que este -un magnífico Leonardo DiCaprio- é presentado como un pobre idiota ao que non se lle arrebatou o poder porque ninguén o tentou. Nun dos intres máis incómodos e interesantes de Django Unchained, Tarantino sérvese deste peculiar tándem servo-amo para interrogarse sobre os mecanismos que perpetúan a escravitude e a miseria en troques de provocar a insubmisión. A terceira secuencia lévanos á preparación e entrega dos papeis que liberan a Broomhilda da escravitude, onde o director fai unha maxistral combinación de música clásica, montaxe paralela e batalla verbal para culminar nese sublime “I couldn’t resist” de Christoph Waltz, no que se resume todo o trasunto da cinematografía de Quentin Tarantino e o seu posicionamento fronte á barbarie histórica.

 

Personaxes e referentes

Co paso do tempo, Quentin Tarantino amosou sobradamente que, alén da súa versatilidade para a posta en escena e os seus tributos estilizados, unha das grandes calidades do seu cinema é a construción dos seus personaxes: unha galería de marxinados, estraños e variados caracteres aos que o director norteamericano dotou de consistencia, por moi extremos que puideran ser as súas formulacións de base.

Un dos personaxes máis emblemáticos da súa traxectoria foi o que interpretou Christoph Waltz en Inglourious Basterds: o do infame e hipnótico Coronel Hans Landa, que se converteu en protagonista dunha das mellores secuencias de apertura da historia do cinema. A química entre os dous artistas quedou patente e para Django Unchained, Tarantino volveu a agasallar ao actor austríaco un personaxe revirado, provisto de conflitos éticos, reflexións filosóficas, carga ideolóxica e aseveracións contundentes. Jamie Foxx recoñecía nunha rolda de prensa que Tarantino escribe uns diálogos que só teñen cabida se os pronuncia Christoph Waltz e, quen subscribe, non pode estar máis de acordo. Non é só pola súa capacidade mimética, o seu don natural para a comedia negra e a súa versatilidade, senón tamén porque, ironicamente, o único estranxeiro será o encargado de establecer tódolos xogos lingüísticos da proposta con excelentes resultados.

Ao seu lado sitúase a Django, protagonista do filme e fonte desa homenaxe ao Spaghetti Western que mencionabamos ao comezo do texto. A primeira e máis obvia alusión a esta tradición procede do propio nome do personaxe, extraído dun dos clásicos do xénero de nome homónimo, Django (Sergio Corbucci, 1966). Este filme é un dos westerns favoritos de Tarantino e del toma prestados recursos formais -como os zooms, os reencadres ou os cortes abruptos de son- temáticos -a canción principal da banda sonora, a reunión do KKK, o castigo corporal ao personaxe feminino- e presenzas actorais -o primeiro Django de todos: Franco Nero. No entanto, Corbucci non será o único suxeito da súa reformulación, senón que Tarantino tamén lle debe a outro Sergio, o magnífico Sergio Leone, boa parte do seu estilismo visual.

Homenaxe sincera, reformulación audaz e híbrida, Django Unchained é, en definitiva, unha das propostas máis atrevidas, irreverentes, e orixinais sobre a escravitude -co perdón de Steve McQueen. Violenta, intensa, emotiva e hilarante, á longametraxe máis recente de Quentin Tarantino só se lle poden reprochar a inserción dunha serie de deficientes planos retardados e a excesiva prolongación da conclusión do relato.

Comments are closed.