DOC LISBOA 2013 (2/2): UN DIARIO TÁCTIL

A segunda grande tendencia do Doc Lisboa 2013 (primeira crónica aquí) foi o diario filmado. O vencedor desta edición, Joaquim Pinto e a súa E Agora? Lembra-me (2013) estaba na boca de todos, para ben ou para mal, pois esta longa do mítico deseñador de son, ante todo, non deixa indiferente. Ao longo de algo máis de dúas horas e media, Pinto analiza todos os costados da súa experiencia co sida, e como iso impacta na súa vida persoal, especialmente na relación de parella. Os recursos dos que bota man son moi diversos, dende unha coidada selección musical para remarcar certos sentimentos, ata as abundantes sobreimpresións, mutacións das cores orixinais do que rexistra, abafadores primeiros planos subxectivos… Tanto na temática – social, metafísica, persoal… – coma no formal, o documental intenta ser un filme total, unha sorte de testamento vital no que Pinto non quere deixar nada fóra. Se cadra é esa necesidade de abarcalo todo a que a algúns nos remata por cansar, nunha estrutura irregular, na que o espectador ten a sensación de que debe estar concentrado a cada momento para non perderse algunha das transcendentais mensaxes que lanza o realizador. É un filme que debera terse distanciado un pouco de si mesmo para non caer en excesos ou teimas reiteradas, que realmente anulan a frescura de moitos dos momentos rexistrados. É unha película que non respira nin deixa respirar.

Se cadra as intencións cinematográficas de First Cousin Once Removed (Alan Berliner, 2013) son máis austeras e mundanas, pero tamén máis honestas e centradas, diría eu. Berliner rexistra o proceso de perda de memoria polo Alzheimer do seu primo segundo, Edwin Honig, eminente poeta e tradutor de Cervantes ou Pessoa ao inglés. Precisamente pola profesión do retratado, a montaxe opta en varios momentos por saltar de planos rapidamente, como se cada un destes fose unha tecla premida nunha máquina de escribir – o uso reiterado do son das teclas pode cansar a moitos – na que xa non se sabe ben onde están as letras. A perda da memoria vai ligada á perda da linguaxe. O director realiza logo un exercicio metacinematográfico entre linguaxe escrita e fílmica, saltando nas secuencias dun evento a outro, aparentemente inconexo, para representar esa confusión que deben sentir as persoas que sofren de Alzheimer. Neste sentido, é un dos mellores exemplos que coñezo da exploración da enfermidade coas ferramentas do cinema. E tendo en conta que a imaxe é memoria, non é moco de pavo. A proposta é moi austera realmente para establecer unha reflexión profunda e esixente sobre o tema, pero polo menos apunta a importancia de traballar nesta dirección e enuncia unha posible maneira de facelo. É ademais un filme moi humano e tenro – algúns din que “ñoño” – que fala tamén sobre a necesidade de esquecer para perdoar, para poder seguir adiante coas relacións dos máis próximos cando nos firen.

Na mesma dirección vai Sangue (Pippo Delbono, 2013). Neste caso, o filme céntrase na relación do cómico italiano coa súa nai moribunda e con Giovanni Senzani, antigo membro das Brigadas Vermellas, con delitos de sangue. Os dous son personaxes fortes e atractivos, mais o vínculo que os une – de novo, unha sorte de enfoque transcendental cara a morte – lastra tamén unha proposta que podía ter sido máis potente de dividirse en dúas mediometraxes. A cámara de Delbono, coma sempre, pequena, dubitativa, fráxil, móbil e táctil; acada un grado de intimidade coa figura materna realmente a destacar. Tamén consegue declaracións interesantes sobre o deber de matar a certos obxectivos por parte de Senzani, a pesares de ser consciente das implicacións morais que iso entraña. “É unha decisión política”, repite varias veces ao longo do filme. Son dúas persoas que estiveron preto da morte, que a senten no seu día a día, aproximándose. Si, de acordo. Pero coido qe aquí hai dous filmes. Non podía ter indagado máis o director nas explicacións do seu colega? Non todos os dias se ten a oportunidade de falar de ti a ti cun combatente convencido. Nesa conversa – a mellor do filme – agóchase unha película relevante e necesaria, pero Delbono négase a facela, non sabemos se por covardía ou incapacidade.

O diario construído en familia

De toda esta vertente de diario filmado houbo unha sesión, curiosamente de filmes vellos rescatados para a ocasión, que foi con diferencia a máis gozosa de todas. Federico Rossin programou un extenso ciclo baixo o título de “Moving Stills – Fotografía, fotógrafos e documental”. A idea era rescatar filmes de artistas principalmente vinculados á fotografía, e houbo unha sesión dedicada ao auto-retrato. Composta por Self-Portrait (Man Ray, 1936), Conversations in Vermont (Robert Frank, 1969), Born to Film (Danny Lyon, 1983) e De Verliefde Camera (Ed van der Elsken, 1971); todos estes filmes tiñan en común que son construídos en familia. Son particularmente relevantes as apostas de Frank e Lyon. O primeiro, partindo de como documentou “Os americanos”, vai do rexistro da sociedade ao familiar, pensando que se cadra estivo máis centrado noutros momentos da súa vida no seu entorno social e non na casa. Os fillos repróchanlle esta conduta, ao tempo que ao falar do seu traballo e integrarse no filme, constrúeno con el e axudan a entender o proceso creativo do fotógrafo. Pola súa banda, Lyon deixa que o seu fillo pequeno descubra o cinema na casa. De situarse diante da cámara, o cativo pasa a poñer en escena situacións que quere que sexan rexistradas, a mover el a cámara, ou a interesarse pola gravación do son. Todos estes son, cada un ao seu xeito, retratos familiares, mais tamén exercicios metalingüísticos que falan da obra fotográfica dos seus autores.

Un que fala de si mesmo, e moito, no seu último filme, é Marcel Ophüls. O fillo de Max defínese coma Un voyageur (2013), “un viaxeiro”, que tivo que fuxir na súa infancia da Francia ocupada polos nazis, para emigrar aos EUA, e despois volver a Europa. O director de Le chagrin et la pitié (1969) explica como foi a súa relación co cinema dende neno, cando ía ás rodaxes do pai, ata que decide probar coa ficción – recordemos que filma un dos treitos de L’amour à vingt ans (1962) xunto a François Truffaut, Andrej Wajda, Shintarô Ishihara e Renzo Rossellini – para facerse máis tarde xornalista e acadar sona cos seus documentais. Un voyageur é realmente un filme moi sinxelo, dirixido pola narración oral do director, imaxes de arquivo e encontros con antigos colegas. Este testamento vital e fílmico non pasará á historia polas súas contribucións cinematográficas, mais sen dúbida supón un pracer deixarse levar polas palabras dun magnético Ophüls – a saber se a metade do que conta é verdade, como cando afirma que Marlene Dietrich quixo deitarse con el – e polos encontros que mantén coa viúva de Truffaut, Frederick Wiseman, Jeanne Moreau e tantos outros, que son historia viva do cinema.

Contemplación e terra

Nas Antípodas deste cinema áxil, atópase outro que aposta pola contemplación. Especialmente relevante é Manakamana (Stephanie Spray, Pacho Velez, 2013). A última sensación do Harvard Sensory Ethnography Lab documenta en planos fixos 11 viaxes de ida e volta nun teleférico dunha montaña nepalí, onde se atopa o templo do título. A xente sobe e baixa para rezar nel e levar a cabo os seus rituais relixiosos. Amais do evidente interese etnográfico da proposta, cómpre salientar a estrutura musical do filme, cun medido ritmo, e o pracer estético que supón a contemplación da montaña.

Nicolas Philibert tamén contempla o día a día dos traballadores de La maison de la radio (2013). Isto é, o edificio da radio nacional francesa. É un filme de institucións, coma o de Wiseman, pero que non deixa ningunha pegada. En troques de aproveitar a situación para facer un retrato da sociedade francesa dende os medios, Philibert toma os momentos máis divertidos ou interesantes do que alí rexistrou no momento da rodaxe, e intenta construír con eles unha narración áxil e entretida. Sen dúbida, consegue os seus obxectivos, ao tempo que logra un filme sen pouso algún. O mesmo que lle ocorre a Marco Martins en Twenty-One Twelve The Day The World Didn’t End (2013) xusto coa estratexia contraria: a necesidade de peso. E, no fondo, que nos conta Martins fóra de rexistrar unha xornada calquera nas vidas de varias persoas, xusto no día que segundo os maias a Terra se ía rematar? Doce retratos rutineiros, que semellan escollidos ao azar, e nos que non hai ningunha consistencia de conxunto.

Pero para salvar a festa portuguesa, xa achega o Doc Lisboa os filmes duns cantos compatriotas que, desta volta, resultaron máis atinados. Logo da contención de Salomé Lamas en Terra de Ninguém (2012), Theatrus Orbis Terrarum (2013) impactounos a moitos, descoñecedores da súa faceta máis achegada ás belas artes. O filme trata a relación do home coa terra a través da recuperación de vestixios arqueolóxicos. A película é unha delicia estética, en especial a mística secuencia da exploración subacuática. Unha cinta poética, bela e desenfadada sobre a morte, moito máis atinada que as plúmbeas achegas con votade transcendental xa comentadas. Pedro Neves Marques semella estar interesado tamén na relación do home coa terra, mais en Where to Sit at the Dinner Table (2013) opta por unha aproximación moi distinta á de Lamas, a do filme-ensaio. Hai un bo traballo de arquivo e de procura de textos, con gravados da época colonial, croquis e deseños de culturas caníbales… Todo está moi ben engrenado, e como última pega podemos poñer o exceso de información.

Houbo aínda un terceiro filme luso – e seguro que algún máis se nos escapou – que tratou este tema, a través do diario dunha exploración científica ás Illas Salvaxes. En A Campanha do Creoula (2013) André Valentín Almeida opta por converter o relato nun filme de aventuras con pretensións metafísicas e políticas, que se ve callou ben no xurado mozo, que lle concedeu o seu premio. Lóxico, é un filme áxil e con moita enerxía, que claramente pode conectar cun público mozo, tamén pola crítica – non moi velada – ao réxime de Salazar e a grandiosidade coa que está filmado o mar.

Cómpre rematar a crónica facendo polo menos mención a Heart Beats, a sección musical do Doc Lisboa. Como é habitual nestas seccións, os filmes están ao servizo dos artistas, e non adoitan ter máis interese que o informativo. Mais houbo unha que chamou a nosa atención: Just Ancient Loops (Bill Morrison, 2013). É unha sinfonía en tres movementos sobre a orixe do mundo, construída, como non, con metraxe atopada. Mentres que a primeira e terceira parte toman descartes de filmes de ficción silentes, a segunda céntrase nunhas infografías de astros que realmente desmerecen o conxunto. Con todo, é Morrison, e tanto a nivel conceptual como estético, é un filme interesante.

Comments are closed.