É O AMOR, de João Canijo

Da experiencia do amor: un filme-proceso

No 2012, o festival de cinema Curtas Vila do Conde organizou o Campus/Estaleiro, un programa intensivo con estudantes de cinema da rexión do Porto que, como corolario, produciu diversas curtametraxes, poñendo en contacto a eses estudantes con realizadores profesionais. Nese contexto, xurdiu unha proposta directa para o cineasta João Canijo: abordar o microcosmos social das Caxinas, un barrio pesqueiro histórico da zona norte de Vila do Conde. O barrio ten un alto potencial sociolóxico, xa que se foi adaptando ás condicións económicas, sociais e productivas das últimas dúas décadas do Portugal contemporáneo. O cineasta, logo dun conxunto de investigacións no lugar, decidiu retratar ese espazo a partir das mulleres dos pescadores, que considerou seren parte importante da actividade económica e emocional das vidas familiares das Caxinas: “a muller confía e depende do pescador para gañar a vida, e o pescador confía e depende da muller para gobernar a vida”. O filme abrangue así tres preocupacións recorrentes na obra de João Canijo: o método de aproximación, o documento sociolóxico, e a análise do mundo como representación.

Un filme do método

Deixemos para máis adiante a faceta sociolóxica de É o Amor -que podemos relacionar coa dimensión puramente documental da súa narrativa- e consideremos outra capa, eminentemente experimental, que radica na presenza da actriz Anabela Moreira no interior deste contexto.

O traballo interpretativo na obra de João Canijo parte dun método particular de aproximación a lugares e experiencias, denominado xustamente ‘aproximación por contaxio’. Neste método, asúmese que os actores serán máis auténticos se se deixan contaminar pola idiosincrasia performativa da vida sociolóxica que pretenden representar. Con Anabela, Canijo foi mellorando paseniñamente o seu método: en Noite Escura (João Canijo, 2004), a actriz era unha moza anónima de alterne que nin sequera formaba parte do núcleo central da narrativa; en Mal Nascida (João Canijo, 2007) interpretaba a unha muller sedenta de vinganza dunha aldea de Trás-os-Montes (neste papel, o contaxio significou tamén a transformación física da actriz, que chegou a engordar 25 quilos); e en Sangue do meu Sangue (João Canijo, 2011) encarnaba a unha habitante do Bairro Padre Cruz nos suburbios de Lisboa. En todos estes casos, Anabela Moreira pasou un longo período neses lugares, vivindo e convivindo coas persoas que pretendía ‘retratar’.

É o Amor xorde así dun paradoxo: elimina a compoñente ficcional dominante de tódolos filmes anteriores do cineasta (descontando os casos específicos e tanxenciais de Fantasia Lusitana -João Canijo, 2010- ou Raul Brandão Era Um Grande Escritor… -João Canijo, 2012-), mais mantén a presenza de Anabela Moreira. Dunha banda, esta estratexia foi importante tendo en conta o escaso tempo de produción do filme (entre dous e tres meses); mentres que doutra tamén servía para experimentar co compoñente dominante documental. O resultado é un híbrido, e mesmo pode ser considerado coma un ensaio para camiños futuros, sobre todo ao afondar nesa dimensión documental que nos seus traballos anteriores fora un elemento minoritario até agora. Nese sentido, non é doado analizar É o Amor no contexto da obra do cineasta, alén destas cuestións ‘productivas’ que si encaixan nas preocupacións habituais de Canijo dende 1998.

A presenza de Anabela Moreira axuda, en concreto, a desbloquear os diálogos e maila presenza das cámaras, de xeito que o filme procura unha maior autenticidade nos personaxes documentais, ao tempo que Anabela procura mergullarse no mundo ‘real’ até o punto de minar as concepcións normalizadas de documentário e ficción, un tema ao que volveremos máis adiante.

Un documental sociolóxico

Que é o que máis salienta entón neste filme? Nun primeiro momento, como xa referimos, a súa dimensión sociolóxica, sen dúbida. Niso, é un documentário case convencional, ao acompañar aos seus personaxes no traxín das súas vidas arredor da pesca: o traballo na lonxa, a viaxe entre o porto (en Aveiro) e as súas casas (en Vila do Conde), algúns momentos íntimos en familia, o pagamento aos pescadores, até un casamento. Canijo escolle a Sónia Nunes como personaxe principal, e concéntrase nela para desenvolver estas cuestións íntimas. Do seu retrato poden tirarse varias interpretacións sociolóxicas: a primeira sinala que a vida do pescador é distinta da imaxe á que historicamente está vencellada, porque no caso da familia protagonista vese que hai un excelente nivel de vida, até o punto de que estes personaxes representan unha nova clase media-alta nos seus excesos visuais e materiais. Así, un estereotipo -o pescador pobre- é posto en dúbida pola realidade exposta no documentário, que ensaia á súa vez un novo estereotipo, moldeando aos habitantes das Caxinas segundo o modelo dominante do portugués do século XXI.

Como documentário sociolóxico, o filme pode caer nalgunhas trampas. Algúns críticos acusan sistematicamente a Canijo -tanto neste título como nos anteriores- de facer unha explotación exótica do outro: acúsano de aproveitarse do carácter eminentemente popular e de gostos sinxelos dos seus personaxes, mentres que o seu ollar agacha un profundo paternalismo de clase. Dende o noso punto de vista, esa crítica é inxusta, malia que por veces o filme se expoña case até ao límite, como na secuencia filmada de xeito amateur por Anabela Moreira nun casamento nas Caxinas. Ese intre pode reforzar a potencialidade manipuladora do método, tendo en conta a forma na que a actriz conduce o filme cara determinadas direccións (no tocante a este tema, é moi ilustrativo ler as entrevistas con Anabela Moreira), mais en calquera caso, esa sería a principal liña de choque co concepto mesmo de documentário e da manipulación ontolóxica do propio xénero.

Sen querer entrar aquí nunha discusión máis fonda sobre a ética do documentário, parécenos que É o Amor supera algunhas destas limitacións -e de aí as críticas das que foi obxecto- grazas ao seu ollar sincero cara os suxeitos filmados, no que non hai un xuízo de valor sobre eles. A súa espontaneidade ante as cámaras débese en boa parte á honestidade da propia actriz, que neste contexto funciona como punta de lanza do cineasta. Por iso, tamén nos parece que esa esguía fronteira entre documentário e dispositivo está a piques de derramarse durante o casamento, cando se nos presentan diversos personaxes sen contexto, potenciando unha comicidade non pretendida polos retratados. No entanto, por sorte, o distanciamento contemplativo de boa parte do filme salvagarda aos seus suxeitos. Tamén por iso é interesante ver o xeito no que o realizador prolonga a duración das escenas, deixándoas revelar un mundo, ese mundo, nunha decisión de posta en escena próxima a Sangue do meu Sangue.

O mundo como representación

É o Amor é un filme que se constrúe como unha representación do mundo: a súa narrativa expón a forma na que as persoas organizan as súas propias lembranzas persoais. Tódalas subxectividades desenvólvense como representación e, deste xeito, proxéctanse nunha identidade. Neste sentido, o filme explota a representación de mundo de Sónia, a muller que comanda a vida da familia protagonista e controla o negocio do barco Marta Sofia. A potencialidade do filme depende así, en boa parte, da forza do seu mundo.

O dispositivo da construcción da memoria revélasenos mediante aqueles momentos que sinalan a vida dos suxeitos filmados: bautizos, primeiras comunións, peticións de casamento, vodas embalsamadas para a posteridade en DVDs musicais, etc. Eses momentos da vida de Sónia axudan a crear unha representación ateigada de lembranzas felices, de xeito que o seu retrato se caracteriza principalmente pola idealización da súa vida, á que tamén contribúe a música do filme: os sons elixidos enfatizan os lugares chave da memoria selectiva. Son, dalgunha maneira, unha máscara, unha ilusión, unha representación.

Outra das características desta representación é o exceso, tanto na linguaxe como na dimensión visual. Todo canto Sónia relata (a súa vida, o seu pasado, a súa forma de vestir, os seus consellos) están marcados polo exceso. “É tan lindo”, esa é a expresión máxica do seu mundo. A revelación.

Dentro deste contexto, a narrativa protagonizada por Anabela Moreira resulta especialmente interesante porque supón a construción ficcional dunha actriz á procura dun personaxe: nunha primeira capa, a actriz procura ao seu personaxe a través das escenas confesionais; e despois, nunha segunda capa, constrúe ese personaxe ficcional dentro do documentário a partir da súa relación coas mulleres. Neste punto, Anabela Moreira sinala unha barreira -e por iso o filme semella tantas veces un experimento, un proxecto en curso- porque ela interpreta, contáxiase e déixase levar polo medio retratado, aínda que racionalmente sexa posíbel replantearnos a súa construción ficcional. Xorde, así, unha dúbida inevitábel: Onde está o documentário e onde está a ficción? Até onde chega cada un destes rexistros?

Un filme-proceso

Por veces, É o Amor non semella un filme sobre as Caxinas, nin sobre as mulleres das Caxinas. Tampouco semella un filme sobre o amor. Esta obra constrúese a partir da interacción entre o cineasta, a actriz e a realidade social. Precisamente por iso, o que de verdade semella é un filme-proceso, ou máis exactamente ese filme invisíbel até o agora que João Canijo sempre facía antes de cada unha das súas longametraxes. Se cadra É o Amor semente o caos, e se cadra por iso semella moitas veces pouco máis ca un esquelete: fáltalle forma final, contrapeso. Fáltalle traxedia e violencia, por contraste coas obras anteriores de Canijo, cousa que non é nin boa, nin mala. É unha estratexia que sitúa ao filme nun chanzo intermedio en dirección ao próximo proxecto do realizador. É, sobor de todo, un filme-experiencia.

Le este artigo na súa versión orixinal en portugués.

Comments are closed.