Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel M. Delgado

Nos anteriores traballos de Helena Girón e Samuel Delgado —curtametraxes como Sin Dios ni santa María (2015) ou Plus Ultra (2017)— xa se observaban certos trazos e inquedanzas que agora podemos ver desenvolvidos na súa valente e rebelde ópera prima, que lles permitiu percorrer festivais de todo o mundo recollendo premios como os conseguidos en Venecia e Novos Cinemas (ler a nosa crónica). E así, co recoñecemento da crítica debaixo do brazo, estréase agora en máis de 20 salas Eles transportan a morte, película que fala do pasado para tentar establecer un diálogo co noso presente. A cinta pon o foco na historia, pero non narra feitos históricos, senón que prefire deslizarse por outras zonas, sempre condenadas á escuridade e ao ostracismo, pero cheas de riqueza, dramatismo e sororidade.

A obra álzase como un poderoso berro anticolonialista, pero, e quizais isto sexa un dos seus maiores logros, trátase dunha cinta aberta, sensorial e máxica, que vai moito máis alá da súa liña máis superficial para ofrecer múltiples lecturas. Cada espectador pode deixarse atrapar por ela e encher co seu imaxinario todos os ocos que propón, ao non presentar ningunha conclusión e deixar a narración suspendida nunha atmosfera etérea e fantasmal. É pausada, pero non confusa. E abraza, sen medo, a mestura de formatos, creando contrastes moi interesantes entre as súas partes máis narrativas e outras máis experimentais, que acaban por fundirse en situacións onde a película estoupa (nunca mellor dito) e adquire outros niveis interpretativos, onde as capas xa presentes empezan a superpoñerse con outras novas.

Todo transmite a sensación de estar traballado e atado no teórico, e resulta eficaz á hora de rebelarse formalmente, buscando algo único para contar a súa propia historia con esa sucidade, texturas e ambientes que incendian o conxunto dunha aspereza inequívoca e audaz: esa rocha volcánica das illas mestúrase sen producir disonancias co verdor duns bosques galegos cheos de maleza e vida. Eles transportan a morte ensínanos dúas historias que transcorren en paralelo e que nunca chegan a tocarse, pero están unidas e son eco unha da outra: por unha banda, un grupo de mariñeiros fuxidos nas illas Canarias; por outra, unha muller que intenta salvar á súa irmá na Galicia rural. A súa aparente sinxeleza é unha trampa, e está chea de detalles case milagrosos, como ese momento no que unha das mulleres parece ver a un dos mariñeiros. Son dúas fuxidas que tentan burlar á morte no medio de paisaxes agrestes que parecen devorar aos personaxes e sometelos como seres minúsculos que son. Todo o que rodea a película, mesmo as súas propias historias, é un acto de fe. De fe no cine como lugar de encontro e ponte entre épocas. 

Eles transportan a morte é unha película valente porque se dirixe á raíz do mito para enfrontarse a el e cuestionalo. É valente porque a súa proposta é, en si mesma, un acto de resistencia. Porque se afasta do carácter épico e fala da xente común, conta as súas historias e dálles voz aos desherdados, aos que foron borrados da existencia ou terxiversados polos libros de historia. É valente porque imaxina a historia e non a reproduce. En definitiva, unha proposta coherente, aínda que algo irregular, destinada a perdurar. E iso é, sen dúbida, o seu gran milagre.

Comments are closed.