HISTORIA E PANTASMAS NO CINE PORTUGUÉS CONTEMPORÁNEO


Espectres del cinema portuguès contemporani: História i fantasmas en les imatges é unha investigación sobre o cine portugués contemporáneo claramente hubermaniana nos seus fundamentos e a súa estrutura. Como tamén o era Atlas portátil de América Latina: Arte y ficciones errantes de Graciela Speranza. George Didi-Huberman é o alicerce teórico (e metodolóxico) sobre o que ambas investigadoras sustentan os seus libros. Aínda que tanto Graciela como Glória comparten metodoloxías de traballo, as súas propostas difiren. Para a arxentina, o modelo principal de referencia era a mostra Atlas ¿Cómo llevar el mundo a cuestas?, que o filósofo e historiador alemán montou no Museo Nacional Reina Sofía inspirándose no Atlas Mnemosyne de Aby Warbug; Glória Salvadó, pola contra, propón un traballo de arqueoloxía onde por medio da correlación, a montaxe e estudo de fragmentos e detalles (Imaxes) acábase revelando un inconsciente histórico e un imaxinario que subxace en gran parte do cine portugués. Por sorte, Glória Salvadó en Espectres do cinema portuguès contemporani non comente o erro de moitos outros cando traballa con certos conceptos e autores: meter o traxe teórico (neste caso hubermaniano) de xeito forzado nunhas imaxes e uns autores que nin o requiren nin o necesitan, ou o que é ata máis grave, axustar as imaxes á teoría previa. Tampouco Salvadó comete o fallo, e isto agradécese profundamente, de soltarse un “tostón hubermaniano” que ocupe medio libro antes de poñerse a estudar realmente o que importa: as imaxes. A teoría xorde a partir: “de la correlació de fragments, de l´ampliació dels detalles i del seu estudi, ja que la memoria residiex en la mirada però sobreto en els gestos, les paraules i el rostres; també en el paisatges, el escenaris i, finanalemt, en les tècnicques, les empremtes i el llinatge”. A importancia e o valor de Espectres do cinema portugués contemporani non radica exclusivamente en que sexa unha das primeiras publicacións sobre o cine luso en España senón en que, seguramente, sexa un dos estudos sobre cine portugués máis interesantes, traballados e valiosos a nivel mundial. Unha das razóns é que Glória Salvadó leva anos estudando en profundidade a cinematografía do país veciño. O libro ten a súa orixe na tese doutoral da autora, e na escritura nótase ese enorme bagaxe investigador. Pese ao que podería parecer, o libro está lonxe de aburridos academicismos, Glória demostra que o rigor investigador e o coñecemento non está a rifar coa creatividade e a innovación. Gran profusión de datos, citas… en definitiva coñecemento, non tanto ou non só sobre cine portugués senón sobre as súas pantasmas, a súa historia e as súas supervivencias nas imaxes. Espectres do cinema portuguès contemporani está chamado a non ser un libro de referencia máis, senón o libro de referencia para todos aqueles interesados no cine portugués.

A hipótese de Glória é que no cine portugués contemporáneo sobrevive, como un inconsciente freudiano, o imaxinario histórico dos navegantes e dos descubridores. Pero que este plano histórico vai acompañado a súa vez dun contraplano que se prolonga no tempo: “l´explotació colonial, l´esclavisme i´espoli dels descoberts pels descobridors”. Estas supervivencias fíltranse como espectros nas imaxes de Manoel de Oliveira, João Cesar Monteiro e Pedro Costa. Para revelar estas pantasmas e o seu inconsciente histórico, Glória Salvadó utiliza unha metodoloxía de montaxe, tanto textual como en imaxes, creando conexións visuais entre os autores que lle permite facer aflorar a memoria de pasado portugués nas imaxes do presente. “Es tracta, no tant de fer emergir un passat fixat o indiscutiblemnte històric, sinó més aviata de provocar la manifestació de la memoria d´aquest passat tal com se mostra en les imatges del present”. Glória, como Didi-Huberman, busca dar conta dunha complexa temporalidade das imaxes no cine portugués, “de sus largas duraciones, latencias y síntomas, memorias enterradas y resurgidas, anacronismos y umbrales críticos”. Para iso, Salvadó transforma o libro nunha minuciosa sala de montaxe straubiana onde o que conta é o detalle e o intervalo entre as imaxes. Como sinalaba Guilles Deleuze, o pensar faise “entre dous”, no intersticio ou a disxunción. O estudo divídese en 4 grandes capítulos, a través dos que a autora vai revelando eses tempos heteroxéneos (e anacrónicos) que resoan nas imaxes contemporáneas. Glòria Salvadó, lonxe de establecer os capítulos como compartimentos estancos pechados, busca e logra entre eles un “constant anar i vir”. O capítulo dedicado ao Mar non podería entenderse completamente sen o que se lle dedica ás viaxes e os navegantes; a urxencia do fantástico, as pantasmas e o misterio que analiza no capítulo catro xorde, dalgún xeito, do contraplano coa morte do primeiro. É así como a autora, trazando inusitados paralelismos e buscando belas resonancias entre as imaxes de tres cineastas con universos, a priori, tan diferentes como Monteiro, Oliveira e Costa, consegue aflorar as pantasmas e o inconsciente histórico portugués.

__________

Espectres del cinema portuguès contemporani: História i fantasmas en les imatges.

Autor: Glória Salvadó Correteger

Editorial: Lleonard Muntaner

Prezo: 25 euros

Comments are closed.