FICX 2014 (I/III): SECCIÓNS ROUBADAS

thy womb

A 52ª edición do Festival Internacional de Cinema de Xixón deunos a oportunidade de gozar durante nove días intensos, do 21 ao 29 de novembro, de bo cinema, presentacións emocionantes, sidra natural e moi boa mesa.

Para min foi a primeira vez na cidade e a primeira vez no FICX, así que sorprendido e resaltado pola cantidade de salas, seccións e actividades paralelas. Por forza houbo que elixir, descartar algunhas seccións para decantarse por outras, e con sorte, entre tanto ir e vir poder asomarse ao resto do festival. O que segue é un racconto incompleto, pero que dá idea da oferta do FICX52.

Catro seccións ás que só puiden asomarme foron as dedicadas ao filipino Brillante Mendoza, a dedicada ao norteamericano Bill Plympton, a Sección Oficial de curtametraxes e a de Géneros Mutantes.

Thy Womb (2012) deMendoza sorprendeume moito, é unha combinación singular entre cinema realidade, documental ficcionado e melodrama oriental con certos elementos deliberadamente naif e outros de vídeo turístico.A película combina de forma efectiva o retrato humano da parella protagonista, que busca unha esposa nova para que el poida ter fillos, co retrato social da vida na comunidade da lagoa. De fondo unha mostra de costumes: matrimonios concertados coa axuda de veciños e familia, vodas multitudinarias, bailes e festas tradicionais, traballos de artesanía, regateos no mercado. Como vehículo do drama o problema da dote, e de aderezo a presenza dos piratas que rouban a pesca aos habitantes da lagoa e son sempre unha ameaza.

Mendoza narra cunha hábil conxunción de planos amplos e planos próximos. Os primeiros para abarcar a natureza circundante e compor estampas grupais. Os segundos para achegarnos á realidade máis íntima dos personaxes ou das cousas, rozando en ocasións o hiperrealismo grotesco (especialmente chocantes as escenas do parto ou os sacrificios de animais). Tampouco renuncia Mendoza ao uso da imaxe ralentizada, á cámara subacuática, aos efectos especiais, á fotografía de postal, ao zoom efectista, ao xogo de olladas con primeiros planos e á sempre imaxe evocadora da lúa, pero dalgunha maneira todo encaixa na proposta.

Thy womb retrata un país e unha sociedade, a filipina, amplamente descoñecida, e pode ser que precisamente por iso, Brillante recalque cada un dos xéneros que usa. O resultado pode resultar ás veces estraño pero é sempre unha visión estimulante que vale a pena descubrir.

Do animador Bill Plympton coñecía algún traballo curto, e teño que recoñecer que non me seducía, parecíanme exercicios de estilo efectista. Logo de ver Cheatin´(2013) a miña opinión é outra. Porque aínda que en momentos se recrea nas metamorfoses do debuxo, no caso da longa a narración da historia sae gañando.

Cheatin´ conta a historia de amor da parella ideal americana. Unha historia perfecta que por unha confusión ou a falta de comunicación da mocidade, tórcese. El encontra unha fotografía, ela unha axenda chea de nomes…, e a historia feliz devén nun drama da América profunda ao estilo de The Last Picture Show (Peter Bogdanovich, 1971) ou Splendor in the Grass (Elia Kazan, 1961). Despois, o dramatransfórmase ao coñecer ela un personaxe dos espectáculos de variedades: primeiro nun romance do XIX con fondo científico-esotérico e para terminar nunha historia de aventuras cun climax e duelo final eléctricos. Unha película especial non só por esta exuberante transformación de xéneros, amais foi debuxada a man, está chea de espidos (sempre delicados para a industria norteamericana) e non ten diálogos, non é difícil de entender por que tivo problemas de financiamento e distribución.

Así que xa saben, se vostedes se atopan nalgún outro festival cun tipo alto, loiro e aspecto de guiri, que venda láminas e debuxos orixinais a bo prezo, compre algún, seguramente estea colaborando a financiar a próxima película del Bill Plympton. E se non teñen oportunidade de falar con el e gozalo asinando os seus debuxos, búsqueno en Kickstarter.

cheatinDentro da sección Géneros Mutantes, pero con intencións e marchamo diferente sitúase La noche innombrablede Jesús Palacios, unha (sub)sección dunha soa película que nos propón “acceder aos cantos escuros e segredos da experiencia humana”.

What we do in the Shadows (Taika Cohen, Jemaine Clement, 2014), unha proposta hilarante non só pola súa idea, que leva un paso alén o concepto do Mockumentary, senón por como se leva a cabo. Sen quedar na anécdota de partida, desenvolvendo a historia de cada un dos personaxes e propoñéndonos un final sorprendente para cada un deles.

Unha cinta que nos achega ao mundo dos vampiros dende o Reality Show, así, descubrimos grazas a unha equipa de rodaxe que os segue cada noite como Viago, Deacon, Vladislav e Petyr se converteron en vampiros, como se relacionan cos mortais, como conviven na mesma casa (logo de tantos anos) e como viven as súas noites.

Explota con humor todos os tópicos das películas do xénero de vampiros, con referencias entre outras a Nosferatu (F.W. Murnau, 1922),The Lost Boys (Joel Schumacher, 1987),Twilight (Catherine Hardwick, 2008),True Blood (Alan Ball, 2008-2014) e os recursos do reality e do falso documental: escoitamos a estática do micro, vemos os vampiros ameazar os membros da equipa, os protagonistas peléxanse enfronte da cámara para despois reconciliarse, recórrese á “reconstrución” documental para contar cousas do pasado, etc, etc. A listaxe é longa e ensancha o sorriso.

What we do in the Shadows xoga continuamente coa complicidade do público: a través dos propios protagonistas que se dirixen á cámara, e por medio dun contraste sempre cómico entre as referencias clásicas e o mundo moderno. Así por exemplo, exponse a regra do convite aos vampiros ante un porteiro de discoteca, ou ponse en evidencia a ausencia de reflexo nos espellos cun gusto estrafalario no vestir (vampire style) e o recurso ao selfie para poder verse. E recorren a Internet para comunicarse con compañeiros de lonxe ou para ver fotos do amencer (e de virxes): xenuínos vampiros 2.0.

Aínda que redonda en canto ao desenvolvemento da ideaen torno ao concepto, se cadra lle falte algo de transfundo, toca temas como a fama, a identidade sexual ou os prexuízos cara o outro (cando un dos vampiros di dos lobishomes: “pensamos que ían mexar por todas partes pero demostraron ser moi educados”), pero de forma algo máis lixeira que Vampires (Vincent Lanno, 2010) que puido verse na edición 47 do FICX. Moi recomendable, aínda para aqueles que non gusten da tele-realidade.

A presenza da curtametraxe no FICX é amplísima, en seccións propias como a Sección oficial de cortometrajes, Noches del corto español, Día d’Asturies ou como parte doutras seccións como Géneros Mutantes, Gran Angular, La noche con, FicxLab, Animaficx, Bill Plympton… E por se non fose suficiente, FICX conta con iniciativas tan encomiables como valetudodvd short film tour, maratón no que mozos debutantes poden estrear os seus traballos no marco do festival, e o filMO, un Pocket film festival xa na súa 6ª edición, con dobre sección, convidados e amateur, esta aberta ao público. Se teñen curiosidade: https://vimeo.com/user7631232.

Das curtametraxes que puiden ver destacaría tres, todas elas da sección oficial: Starman (Josema Roig, 2014), Toutes des connes/Life is a Bitch, (François Jaros, 2014) e Breakfast Wine (Ian FitzGibbon, 2013).

A primeira, moi americano – coma o propio director a definiu –, polo tema, polos personaxes e pola factura, moi cuidada e con precisos puntos de xiro. Dende o principio coa presentación premonitoria do protagonista a cámara – nun vídeo caseiro – ata la traca final, convence todo.

Toutes des connes/Life is a Bitch é unha película simpática sobre as relacións de parella, sustentada polas dotes actorais do protagonista e por un dinámico ritmo de montaxe.

Breakfast Wine é a historia dunha presenza: unha muller descoñecida dá unha lección de clase nun Irish Pub a un par de borrachíns habituais. Unha desas presenzas que se poden daren calquera sitio e mesmo poderían ser imaxinadas, se non deixaran coa boca aberta. Respectando a unidade de tempo, espazo e acción do teatro clásico e filmada cun tempo preciso non é de estrañar que gañara o premio ao mellor guión de curtometraxe (ex aequo Kevin Barry, guionista de Breakfast Wine e Jens Dahl, guionista de 2 Girls 1 Cake) e o Premio Especial do Xurado.

_ _ _

Sigue a crónica noutras dúas entregas, unha centrada na sección oficial, outra en Convergencias, a nova sección da crítica.

Comments are closed.