FORCE MAJEURE, de Ruben Östlund

24 Focer Majeure 2

-It just sounds very strange, when we say it in English, an ‘avalanche’

[“Soa raro cando o dicimos en inglés, unha avalancha”]

¡Papá, papá!

Ebba (Lisa Loven Kongsli) e Tomas (Johannes Bah Kuhnke) son un matrimonio sueco de vacacións que quedaron para cear cunha compatriota e co seu novo amigo norteamericano. Co anterior diálogo, Ebba interrompe o relato parcial que seu home está a facer do que lles ocorreu esa mesma mañá. O acontecemento foi brutal: mentres Ebba e Tomas xantaban nun restaurante dos Alpes, produciuse unha avalancha de neve. Cos clientes do restaurante asustados e todo sumido no caos, Ebba pediulle a Tomas que a axudara a salvar a seus fillos, mais Tomas fuxiu para pórse a salvo a si mesmo. O alude detívose antes de chegar ao restaurante e a situación resolveuse sen feridos. Tomas volve coa súa familia malia ser consciente de que ignorou os berros de auxilio da súa muller e dos seus dous nenos.

Posibelmente, Ebba sinta estraña esa palabra que non pertence á súa lingua materna, avalanche. E, case que con toda seguridade, podamos entender que o filme lanza unha pequena crítica á Europa políglota que non sabe, malia o seu amplo repertorio de idiomas, atopar as palabras axeitadas para explicar como se sente. Porén, hai algo máis detrás dese comentario. Como o espectador irá comprobando a medida que avance a historia, o malestar de Ebba (e de Tomas, e doutros personaxes aos que a parella remata por contaxiar as súas desavinzas) ten moito que ver con non poder encaixar na súa comprensión do matrimonio e da familia o que supuxo a reacción do seu marido. E iso, á súa vez, ten moito que ver con non conseguir atopar o momento e as palabras axeitadas para comunicalo. Con non ser quen de verbalizar toda a ira e a incredulidade que aniña no seu interior. Con atopar difícil achar o seu propio discurso. Porque na súa comprensión da vida, non había espazo para esa traizón.

A partir desa escena (molesta e humorística a partes iguais), Force Majeure (2014), cuarta longametraxe de ficción do director sueco Ruben Östlund, o filme desmenuza de xeito brillante a identidade interna (os seus medos, a fartura dun mesmo) e a imaxe social (as súas infidelidades, as súas trampas xogando cos fillos, o patriarca infalible que se lle esixe ser) dun home que puxo por diante o instinto de supervivencia á protección dos seus. Tomas ve como a figura paterna (el mesmo) se desvanece irremediabelmente dentro da súa familia. Incapaz de asumir nun primeiro momento o que fixo e, posteriormente, emendalo, debe lidar cunha esposa confusa e uns fillos aterrados ante a idea de que seus pais se poidan divorciar. E será incapaz de gañar esa loita porque, malia que el non o acepte, ninguén lle ensinou a curar ese tipo de feridas.

24 Focer Majeure 3

Non semella casual que Östlund se decantase por esta historia de desmitificación da masculinidade. Semella mesmo unha evolución natural na súa intención de deconstruir certas convencións contemporáneas logo de Play (2011), filme no que se trataba o racismo e o acoso escolar dende un punto de vista tamén algo perverso e cruel. Como ocorría en Play, hai moito de universal no que nos conta o filme: neste caso, un cuestionamento permanente dos papeis individuais nas familias occidentais con especial afán na figura paterna. O suposto heroe que non o é ou, cando menos, o suposto heroe que imaxinabamos que debía ser. Por que debía de selo? Polos valores culturais herdados? Por instinto? A dualidade entre ámbalas dúas opcións remata mirrando e confundindo a autoestima de Tomas. Hai algo tamén de particular na historia, relacionado coas sociedades escandinavas, concretamente coa sueca: as primeiras reaccións de Ebba e de Tomas tentan evitar o conflito, non enfrontarse a el. Ámbolos dous tentan acordar versións, forzar unha inequívoca historia sen diferenzas sobre o ocorrido. Afástanse o un do outro e só nos momentos catárticos poden, se cadra porque xa non teñen máis remedio, encarar e expulsar ao exterior o que están a sentir.

No seu aspecto formal, o filme se achega de xeito desacomplexado á estética de certo cinema europeo. Force Majeure está especialmente próximo ao xeito de rodar de Michael Haneke na súa triloxía da glaciación emocional – Der siebente Kontinent (1989), Benny’s Video (1992) e 71 Fragmente einer Chronologie des Zufalls (1994): unha cámara predominantemente estática que, en ocasións, abandona os seus personaxes e os seus rostros para enfocarse máis no que fan e no que din que neles mesmos. As localizacións nos Alpes e as súas luxosas estacións para a práctica do esquí ponse ao servizo dese sentimento de fría distancia que se vai creando entre os protagonistas da historia. Un afastamento que está minuciosamente planeado nun guión do propio Östlund no que a separación da acción por días beneficia a sensación de crescendo imparable. Nesa construción dos acontecementos xoga tamén un papel importante o fragmento do Verán das Catros estacións de Antonio Vivaldi. Un leitmotiv musical que guía aos personaxes polo seu descenso a ese inferno branco.

Malia que se hai un aspecto no que o filme se revela como, practicamente, unha maxistral tese sobre psicoloxía, é na aproximación que fai Östlund ao comportamento dos personaxes. O director sabe moi ben a que enfrontalos para logo amosarnos as súas reaccións máis íntimas e descoñecidas. E, malia que estes personaxes se crean modernos, tolerantes e abertos de mente, do que non rematan de darse conta é que todos eles son patéticos. Atención a dúas escenas: Ebba cuestionando a aberta vida sexual da súa amiga e Tomas refuxiándose na compaña do seu fillo pequeno con tal de non enfrontarse a unha conversación entre amigos sobre as consecuencias do seu acto. Por iso, se cadra o espectador non poida deixar de rir en certas pasaxes, aínda que iso si, será unha risa nerviosa, silenciosa e disimulada. Non vaiamos ficar en evidencia e amosar que, no fondo, recoñecemos ese patetismo en nós mesmos.

Comments are closed.