FRANCES HA, de Noah Baumbach

Á PROCURA DO MEU SITIO

Os catro protagonistas de Kicking and Screaming (Noah Baumbach, 1995) sufrían unha especie crise existencial xusto despois de graduarse na universidade que lles impedía cortar por completo o cordón umbilical da mocidade. A incerteza que xeraba o fin dunha etapa vital e a obrigación de comezar unha nova impulsaba os catro amigos recentemente graduados a pasarse medio ano facendo nada polo campus. Estes adolescentes salinguerianos -Grover (Josh Hamilton), Skippy (Jason Wiles), Max (Chris Eigeman), Otis (Carlos Jacott)- semellaban incapacitados para dar o seguinte paso á idade adulta. En Greenberg (Noah Baumbach, 2010), o depresivo carpinteiro Roger Greenberg (Ben Stiller) sufría algún tipo de crise nerviosa que o obrigou a pasar unha tempada internado no psiquiátrico. Greenberg di que tiña unha gran ansiedade e que se lle paralizaron as pernas. Pero a súa parálise non é tanto física como vital. Roger cambiou o ruído e a horizontalidade de Los Ángeles pola verticalidade e a tranquilidade de Nova York na casa do seu irmán para non facer nada. Algo valente á súa idade: 40 anos, dille unha vella amiga. Tanto os mozos de Kicking and Screaming como Greenberg padecen o mesmo diagnóstico: inmaturidade e malestar co propio tempo. Grover, Skippy, Max, Otis, están paralizados polo medo ao futuro próximo, polo que virá agora. Greenberg, podería cantar o himno de LCD Soundsytem e gritar “I’m losing my edge”. Incapaz de conectar co presente, quedáballe só recordar o pasado frustrado do seu antigo grupo de música co seu amigo Iván (Rhys Ifans) e escoitar Duran Duran.

A vida de Frances (Greta Gerwig), ao comezo da película, parece idílica á beira da súa inseparable mellor amiga Sophie (Mickey Summer): “Ela e eu somos a mesma persoa só que con diferente pelo”, di. Pero desde o momento no que Sophie lle comunica que se vai mudar do apartamento que ambas comparten en Brooklyn a un máis caro en Tribeca coa súa amiga Lisa, a burbulla vital de Frances desínflase. Aos seus 27 anos Frances debería ser unha persoa madura e independente, pero o seu traballo como bailarina non lle permite nin pagarse o piso. A Frances cando lle preguntan a que se dedica contesta que é difícil de explicar porque nin tan sequera ela o sabe. Como os mozos de Kicking and Screaming ou Greenberg, Frances non parece estar facendo moito coa súa vida. A inactividade e a falta de madurez dos personaxes de Baumbach non funcionan como unha resistencia contra as obrigacións sociais e a impostura ao estilo Ferdydurke, de Wiltold Gombrowicz (1937), e algunha comedia norteamericana. Todo o contrario: é a causa das súas ansiedades e neuroses. Frances debería ser adulta e facer algo porque ten 27 anos. A xente coa que se relaciona espera que se comporte como tal, por iso se produce un desaxuste. Frances está desincronizada co seu propio tempo, coa súa idade. Frances actúa como unha adolescente nun mundo de adultos. Aínda que ten a mesma idade que Sophie, ela parece máis inmatura que a súa amiga. Se a madurez ten que ver con independencia: Como ser independente dedicándose ao baile nunha cidade con alugueiros astronómicos? En Frances Ha, Baumbach realiza unha velada crítica á xentrificación urbanística ocasionada polos hipster na cidade de Nova York e que Mark Grief xa denunciara no seu artigo “Epitafio por el hipster blanco” (¿Qué fue de lo hipster?) Os seus novos compañeiros Lev (Adam Driver) e Benji (Michael Zeguen) son artistas, escultor e guionista. Por desgraza os únicos que poden ser artistas en Nova York son os nenos ricos, dille a súa amiga. É fácil ser independente cando tes respaldo económico aínda que non fagas máis que comprar lentes por ebay como Benji.

Pero Frances Ha tamén é un drama amoroso. Pero de amor na amizade e non na parella. Frances di que ela e Shopie son como unha parella lesbia que xa non se deita. Blanchot dicía que na amizade non existe o frechazo porque é un construírse día a día. Pero o certo é que a súa separación de Sophie dóelle máis que o final da súa relación co noivo Dan. Baumbach amósanos a Frances algo despechada e celosa logo de que a súa amiga lle diga que se vai co seu noivo a Xapón e que van casar. Pero como todos sabemos, o bo da amizade é que, ao contrario do amor, un pode separase. E cando ambas volvan a Nova York poderán ser “como dúas vellas divorciadas”. Frances atopa en Sophie o que busca nunha relación e na vida: un mundo secreto de complicidade que os demais non poden percibir. Ao final da súa crise, o inesquecible personaxe creado por Greta Gerwig acaba tendo algo de heroína rohmeriana en busca do raio verde logo dunha desilusión vital (amorosa) na eterna cidade de Woody Allen. Se o cine francés resoa na música da película (Theme de Camille, de Georges Deleure) e nalgún travelling urbano estilo Leos Carax con David Bowie de fondo (Mauvais sang, 1986), a figura do cineasta norteamericano -influencia confesa de Baumbach- atopariámola no uso do branco e negro e a construción dun personaxe en crise consigo mesmo e o mundo que o rodea. Como todas as obras que comentabamos de Baumbach, Frances Ha tamén é unha comedia tráxica dunha muller confundida e en modo standby, intentando facer algo coa súa vida e obrigada a madurar para axustarse co seu propio tempo vital e buscar o seu sitio na sociedade. Ao final, poderíamos ver Frances Ha como a cara oposta de Inside Llewyn Davis (Joel e Ethan Coen, 2013), o loser que, cal Sisifo, parece incapaz de cambiar a súa aciaga roda da fortuna. E é que a colleita do pasado ano estivo polarizada entre os que gañan e os que perden; os que buscan o triunfo e o acaban perdendo todo. Unha das preguntas do 2013 aparecía formulada de xeito moi gráfico en Pain & Gain (Michael Bay, 2013): “Are you doer ou don’t-er?” Es un emprendedor ou un perdedor? Un triunfador ou un fracasado? Neste sentido, Frances Ha sería un bo xute cinematográfico de optimismo.

Comments are closed.