GUÍA DE COMPLEJOS, de José Luis Molinuevo

As series de televisión son un útil comodín nas conversas diarias. Algo así coma o tempo meteorolóxico. A ficción televisiva converteuse nun tema recorrente que nos permite establecer contacto seguro e fiable, xa que todo o mundo parece enganchado a unha. É máis, coa xente que habitualmente nunca tivemos nada de que falar, de súpeto, atopamos unha base común nos nosos gustos para manter unha conversa. As series permiten o achegamento e a conexión entre as persoas como poucas experiencias culturais o fixeran ata agora.

Pero un fenómeno que estaba en boca de todo o mundo, non acababa de atopar a súa materialización en obras que tratasen o tema. Só Concepción Cascajosa, con Prime time: Las mejores series de TV americanas desde CSI a Los Soprano ou coordinando o libro colectivo La caja lista: la televisión norteamericana de culto, viña encher un oco que parecía incompresible. A editorial Errata Naturae foi a primeira en decatarse dunha demanda e unha necesidade entre os adictos ás series: publicacións e estudos sobre elas. Los Soprano e The Wire foron as primeiras en ter un libro dedicado de forma exclusiva. Este ano Jorge Carrión, da man de Errata Naturae, publicou Teleshakespeare, que xa desde o título evocaba a intelixencia e a complexidade que mostraban as series de televisión norteamericanas e dicía: “En certas ocasións, a arte popular coincidiu coa mellor arte da súa época”. Por iso non é de estrañar que revistas como Cahiers du Cinéma ou Quimera dedicasen os seus números de verán á serialidade televisiva.

Outro que se suma ao estudo das series é José Luís Molinuevo con Guía de complejos: Estética de teleserie, que podería verse como unha continuación da súa anterior obra, El retorno a la imagen: Estética del cine en la modernidad melancólica, onde volvía ás imaxes dun cinema que fora “visto a destempo”: o de Wim Wenders, Jean-Luc Godard ou Andrei Tarkovski, evitando que estas se convertesen nunha mera nota ao pé, para propor un tipo de coñecemento que partise das súas imaxes, e non do que se dixo sobre elas.

Ese cinema que explora as posibilidades da imaxe non narrativa, dos tempos lentos, ás veces mortos, as elipses, que pon entre paréntese os suxeitos porque só quere estar fóra, cos obxectos”, ten relación coa sabia administración da ambigüidade e complexidade cotiá que fan as imaxes das teleseries. Para Molinuevo, as estéticas das teleseries, lonxe de aspirar a unha educación idealista e a un modo de coñecemento cartesiano, propoñen “posibilidades vitais de coñecemento nun mundo complexo e para xente complexa” e aspiran a facer visible o cotián. Obxectivo primordial, segundo Molinuevo, das novas series de ficción. Non tanto mostrar o extraordinario, senón describir a ambigüidade do cotián. A procedencia de José Luís Molinuevo do campo da estética e a filosofía permite que o libro se afaste de cuestións puramente narrativas e abre novos camiños ao estudo da serialidade televisiva. Un fenómeno que, como todos sabemos, esnaquiza as trilladas e maniqueas distincións entre baixa e alta cultura.

Desde a caída ao baleiro dunha silueta negra ao comezo de Mad Men, representación dese home escindido e ao bordo do colapso que é Don Draper, até as series que nos mostran a nosa historia máis recente: Generation Kill e a guerra Iraq; ou Treme e a musical Nova Orleans despois do Katrina, pasando pola sabia administración da intranscendencia que fai The Wire ou ese “Quixote de Alburquerque” que aparece en Breaking Bad (que Jorge Carrión vía como unha reescritura manierista de The Wire) Molinuevo, aínda que conciso (80 páxinas), realiza unha valiosa análise sobre as estéticas das teleseries actuais, “que lonxe de ser enterradoras do cinema de calidade, recolleron moitas das súas propostas icónicas”. O libro pode descargarse de forma gratuíta desde o seu blogue, onde continúa pensando en imaxes.

Comments are closed.