HABEMUS PAPAM, de Nanni Moretti

SAÍR DE ESCENA

Todo empeza como un mero chiste. Logo da celebración dos funerais na Praza de San Pedro polo (un) papa defunto, os cardeais reúnense en conclave para elixir o sucesor. Ouvimos os seus pensamentos (“por favor, que non sexa eu, que non sexa eu”), antes de que, por fin, logo de longas votacións, o elixido sexa o cardeal Melville (Michel Piccoli), un tapado ao que a elección semella coller por sorpresa. Os demais membros da curia parecen respirar aliviados, tamén aqueles candidatos que en principio partían como favoritos. Ninguén parece querer ambicionar o oficio de Papa. A Melville non lle queda máis remedio. Recibe as felicitacións e o secretario parece disposto a anunciar o seu nome ante unha praza enfervorizada e unha expectante audiencia televisiva. Xusto nese momento ouvimos un berro, un berro que ben puidese ser (ou confundirse cun) NON. Melville necesita pensalo, non está moi seguro de poder cumprir coas responsabilidades do cargo. En realidade xa é o Papa ‘in pectore’, aínda que o anuncio non se fixera público. O portavoz do Vaticano fai o que pode para explicar ante a prensa esta circunstancia insólita. A noite cae sobre San Pedro e a xente comeza a abandonar desconcertada a praza. A espera promete ser longa: canto tarda un Papa en tomar conciencia do seu cargo e aceptar publicamente o seu nomeamento?

Dicía que Habemus Papam empeza como un chiste. Ata aquí podería ser un simple gag na liña de Rencontre Unique, o episodio de Manoel de Oliveira que formaba parte da película colectiva Chacun son cinéma, coa que o Festival de Cannes celebrou o seu 60 aniversario, e no que se narraba o encontro entre o papa Xoán XXIII e Nikita Krushev. Piccoli interpretaba entón ao mandatario soviético, pero algo debeu de ver nel Nanni Moretti para confiarlle o papel do opoñente (en fin, non exactamente, porque Melville é un Papa que non quere ser Papa, quizais no fondo non se diferencia tanto de Krushev…). Pero o chiste prolóngase aínda algúns minutos máis coa entrada en escena do propio Moretti interpretando á súa vez a un psicanalista ateo que debe atender o Papa, pero que non pode preguntarlle pola súa infancia, pola súa nai, polos seus soños, polo sexo…, un psicanalista que non pode exercer o seu traballo, pero que se verá confinado no Vaticano mentres persistan as dúbidas do seu paciente, para garantir o segredo da elección. O Vaticano é outro planeta, tamén para os propios cardeais, cos seus vicios tan carnais, pero que non poden abandonar esa prisión temporal.

A partir de aquí Habemus Papam bifúrcase e ningún dos dous camiños que toma poida que satisfagan ao que esperase un Moretti mordaz, o Moretti de Il Caimano ou Aprile, o Moretti enfadado de Palombella Rossa ou do episodio final de Caro Diario, que quere gritar ao mundo o seu descontento coa política e as institucións. Moretti métese no Vaticano pero non lle mete o dedo no ollo á Igrexa católica. É iso malo? Non o creo. Estamos ante un Moretti que non deixa de ser irónico, pero non é un Moretti grotesco como o de Il Caimano. Berlusconi xa é de seu un personaxe demasiado grotesco como para poder facer del un retrato máis grotesco aínda, e ese risco planeaba sobre a súa incursión vaticana. Se Il Caimano era a súa película menos sutil e poida que tamén unha das peores, Habemus Papam é unha das súas mellores obras. O seu esforzo por entender os seus personaxes afástao da brocha gorda e a irritación transfórmase en amabilidade. Non por iso deixa de ser sutilmente crítica co Vaticano e todo o seu aparato, pero é unha crítica que ata o Papa podería aceptar, simplemente porque é probable que se recoñeza neste Melville que nos presenta Habemus Papam.

Este é un mundo no que todos os mandatarios dimitiron das súas responsabilidades e carecen do afán competitivo que lles inculca o psicanalista, organizador improvisado duns campionatos mundiais de voleibol.

Ao cabo, pensándoo ben, dubido moito que Ratzinger se recoñecese en Melville, un Papa que escapa polas rúas de Roma, fuxindo do seu destino e buscándose a si mesmo. É un movemento de liberación, saír á rúa de paisano, quizá por última vez na súa vida, para constatar simplemente que, aínda que chegásemos ao máis alto, iso non nos garante a felicidade. O discurso de Melville e Moretti non é tan elemental. Melville, quen sabe se por culpa do déficit de atención que lle diagnostica a segunda psicanalista que o consulta, tan só pode constatar a súa amargura, unha vida que, froito do seu descoido innato, levouno por un camiño seguramente equivocado. É un actor, pero non o actor que o querería ser. Sabe moi ben do que foxe, por unha banda dunha responsabilidade para a que non se sente capacitado. Pero tamén dunha vida encerrado entre os rituais do Vaticano. Precisamente esa vida que agora teñen que vivir, moi ao seu pesar, os cardeais que o elixiron ou ese garda suízo que o substitúe coma un dobre, unha sombra que pasea polas estancias que o verdadeiro Papa tería que estar a ocupar. Alí, no Vaticano, o psicanalista organizou toda unha posta en escena deportiva que debe de facer máis levadeira a espera. Só que este é un mundo no que todos os mandatarios dimitiron das súas responsabilidades e carecen do afán competitivo que lles inculca o psicanalista, organizador improvisado duns campionatos mundiais de voleibol. Pero tampouco para estes cardeais a competición ten finalidade algunha e esgótase en si mesma, é un mero pasatempo na medida que o seu verdadeiro traballo (a elección dun novo Papa) xa culminou.

Habemus Papam é unha película expansiva, que nunca se pecha sobre si mesma. Tamén unha película que transloce unha profunda confianza no ser humano e, desde este punto de vista, unha película optimista. Próbao o seu magnífico final, a confirmación de que non hai mellor película política que esta nova obra de Nanni Moretti, na que se explica esa tan sonada falta de liderado entre os políticos contemporáneos. Mágoa que entre os nosos políticos, os estatais, pero tamén, ou sobre todo, entre os europeos, non haxa ninguén tan sincero como Melville.

Comments are closed.