LES SALAUDS, de Claire Denis

lessalauds1

Se algo caracteriza os filmes de Claire Denis é a edición elíptica mailas verbas non ditas, esixindo así un espectador activo e permisivo. Formada xunto a directores do talle de Wim Wenders, a autora francesa constrúe ocos narrativos de xeito voluntario gracias a un escaso diálogo e a imaxes paralelas que bosquexan pouco a pouco a trama. Os saltos temporais fan deste un cine no que costa entrar e no que se require unha actitude atenta e disposta.

Les salauds comeza cun suicidio. Unha secuencia de inicio inquietante cunha chuvia torrencial de fondo. Unha ambulancia recolle un corpo, unha adolescente camiña espida polas rúas no medio da noite. Esas imaxes son pezas dun crebacabezas que Denis non ten présa algunha para encaixar. Marco (Vincent Lindon) é capitán dun barco e decide acudir ao carón da súa irmá viúva Sandra (Julie Bataille). Este personaxe regresa para encargarse do suicidio do seu cuñado e da quebra da empresa familiar. Tras toparse coa súa sobriña interna nun psiquiatra, comeza unha investigación cuxo único propósito é a vinganza por tódolos males que sofre a familia, dos cales o único responsable aparente é un famoso empresario alcumado Laporte (Michel Subor). Unha vez máis Denis presenta ó ser humano solitario nun ambiente incómodo e no que se reflicten fortes antagonismos culturais. Xa en White Material (2009) viramos personaxes amedrentados fronte a unha situación estreitamente dificultosa, mais despois dunha viaxe por África, paisaxe da súa adolescencia, a directora volve á metrópole francesa.

Este é un filme frío e sombrío no que, a pesar da dor que padecen os seus personaxes, nós como espectadores non acadamos unha completa identificación con eles. Pode que Marco sexa o único que, contrariamente á súa firmeza durante toda a cinta, acada a nosa compaixón e devoción. É por iso que a película se centra nel e non na pequena Justine (Lola Creton). Marco é a cabeza pensante, a razón, a humildade. Chegado un punto precisa asumir o mando, todo recae sobre as súas costas e vese obrigado a tomar partido dada a pasividade e indiferenza de súa irmán.

Se cadra o xenial deste personaxe é que en ningún momento vemos reproche algún polo feito de ter que ser el quen leve as rendas. Abandona o traballo, obsesiónase con Laporte. Tras deixalo todo atrás vive para vingar o sufrimento da súa sobriña, máis non só busca iso. O momento no que Marco entra na casa da súa amante mentres a muller lle serve o almorzo ao fillo amosa a súa querenza por formar unha familia de novo, por sentirse estimado, rodeado de xente que o aprecia. Divorciado e con dúas fillas ás que apenas ve, este personaxe sente a necesidade de coidar e ocuparse das poucas persoas coas que conta ao seu redor. A preocupación pola súa sobriña e o achegamento ao fillo de Laporte ensínannos como o protagonista reclama a presencia alguén ao que querer. El mesmo afirma que se afastou de todo o mundo, que xa apenas coñece á súa familia. O mar, como se amosa nun fermoso plano paisaxe, é un elemento distanciador que contribúe ao retiro de Marco, quen se ve de súpeto devolto á terra e sumido nun cúmulo de dificultades e conflitos alleos, mais dos cales se fai responsable por elección propia. Unha vez que descobre o lugar onde Laporte celebra as súas festas privadas desata o seu odio contra o socio empregando os puños e corre a visitar á rapaza ingresada. É nesta visita ás aforas da cidade onde se fai visible a apatía e desidia da nai, que mesmo chega a ser inverosímil.

A016_R016_082835

O medio sorriso que acompaña a Sandra no instante no que Marco lle asina o talón delátaa, descóbrese así a única inquietude da muller. Despois de perder ao seu marido está a piques de perder á súa filla e tamén empresa familiar. Opta polo camiño máis doado, a súa única loita é a de tentar salvar a súa compañía, preservar o seu diñeiro mailo seu status. Incluso cando Justine escapa do centro, o seu enfado, a súa reacción, semellan que só está a cumprir un papel, o papel de nai preocupada e axitada, algo que na realidade non sente. É aquí onde reside o mellor da cinta, na ausencia de planos longos e inmóbeis, na fixación da directora por manter a cámara en man e seguir a cada personaxe dende moi preto, retratando cada paso e cada xesto, de xeito que cámara e persoa tornan unha soa cousa.

Dito isto, bótase en falta unha maior inmersión no personaxe da nena, arredor do cal viran tódolos problemas. O protagonista é Marco porque o argumento do filme comeza cando el aparece en pantalla. Malia que a historia se deriva dende tempo atrás, a cinta evade a cuestión principal e vai directamente cara as consecuencias e o xeito no que os personaxes se enfrontan a elas. Neste senso, as imaxes da cámara de seguridade son un punto clave á hora de comprender a gravidade e o alcance do conflito. Esa visiónica, a mirada da cámara, amosa a orixe de tódolos problemas que atormentan a Marco e á súa familia. Denis decide contarnos así, dende unha ollada obxectiva e fría, os encontros da nena xunto co seu pai e Laporte.

Respecto a aventura do protagonista coa muller de Laporte nunca sabemos se de verdade a quere ou se soamente a emprega como un xeito doado de chegar ata ese prepotente home de negocios. Ao carón de Laporte, Raphaelle (Chiara Mastronianni) torna débil e indefensa, mesmo se ve apartada do seu fillo trala insolente decisión do pai, aparecendo de novo o mar como sutil símbolo de distancia e abatemento. A muller vólcase en Marco, mais non sabemos se é correspondida. É irónico que sendo unha figura aparentemente superflua é Raphaelle quen pon fin á loita do noso protagonista, cuxas verdadeiras intencións fican na escuridade.

Esta é unha das moitas cousas que Denis se priva de contarnos, así como os sentimentos e pretensións da rapaza, dilema resolto nun final presumido. Semella por iso que o drama da directora francesa intriga máis do que realmente expón. A minuciosa ollada da autora non é máis que un escamoteo. Esta película presenta unha tórrida cadea de acaecementos co fin de desvelar os enigmáticos vínculos que unen a dúas familias completamente diferentes. Cos xeniais Tindersticks, Claire Denis esboza a rabia mailas paixóns contidas que envolven as turbias relacións entre personaxes. Tan brutal e perverso como o seu nome indica, este é un filme contundente e rebuscado, difícil de seguir ás veces, mais doado de admirar.

Comments are closed.