Longa noite, de Eloy Enciso Cachafeiro

En Arraianos (2012), a segunda longa de Eloy Enciso tralo documental Pic-nic (2008), o autor sorprendeu ao poñer en boca dos seus intérpretes non profesionais –habitantes da aldea fronteiriza de A Raia– o texto literal da obra de Jenaro Marinhas del Valle, O bosque. Dita operación, en boa parte herdeira do traballo fílmico sobre bases literarias de Jean-Marie Straub e Danièle Huillet, non só apuntaba cara a reivindicación dos usos e modos propios daquel lugar concreto, senón que ademais habilitaba un espazo infrecuente no cinema para traballar a posta en escena a partir da palabra, a súa declamación e tamén a prolongada ausencia na pantalla da mesma.

Longa Noite, o novo filme do director lucense en compañía dun equipo moi similar ao anterior, afástase do seu propósito da etnografía, se ben non da terra, para apuntar cara a un novo pasado colectivo aínda latente, o da ditadura franquista e as súas consecuencias no cotián. Se o método escollido é en esencia similar, agora con actores provintes na súa maioría da escena teatral amateur galega, o abano de obras citadas é á forza moito maior, desde Max Aub ou Ramón Valenzuela ata cartas non publicadas de represaliados. Con isto, Enciso outorga unha fondura maior se cabe a tal metodoloxía, levada a cabo baixo a máxima straubiana de que “facer a revolución é traer ao presente cousas antigas, pero esquecidas”. Isto é, non tanto como unha descrición concreta e historicista de aqueles horrores, gravados a lume en cada palabra case baleira de xesto, senón como un mosaico formado por sensacións e voces complementarias arredor dunha ferida social que aínda hoxe supura tras aquelas décadas de totalitarismo.

Así, a estrutura en forma de tríptico coral, dentro da súa absoluta depuración, tamén presenta unha ambición diferente, presentándose como unha viaxe hipnótica cara o epicentro da escuridade e a posibilidade do esquecemento. Estes tres episodios aparecen vertebrados pola presenza de Misha Bies Golas como Anxo, personaxe que nos créditos figura como “o retornado”, quen volve á súa localidade galega durante a posguerra. No primeiro deles, inclinado a sinalar o mapa relacional que a contenda deixou no día a día da localidade, o rostro e a palabra son protagonistas absolutos, pero quen a enuncian e intercambian no primeiro plano nunca comparten encadre. Tan só os cortes de montaxe conectan, de forma moi elocuente, estes breves encontros humanos, deixando entrever a imposibilidade dun vínculo satisfactorio. Por contraste, o capítulo posterior comeza a plasmar o camiño dese “retornado” como unha inmersión sensorial na noite do título, cando, mediante a longa testemuña de Celsa (Nuria Lestegás), a opresión e o horror concrétanse nun grao maior. Para rematar, o terceiro acto, de esencia aínda máis tenebrosa, separa a voz, presente en off, do corpo errante, e penetra nas profundidades do bosque como abismo equiparable a esa noite sen fin que seguiu á ditadura. Coa palabra rota da súa figura, o protagonista xa non é máis que unha silueta entre árbores, coa soidade do refuxio e a evocación como únicas compañeiras.

Esta gramática visual limpa e pausada de Enciso permite contemplar de forma cristalina, dunha secuencia a outra e entre os tres bloques, a perturbadora dinámica social subxacente nunha sociedade como a franquista, onde o hipotético regreso inicial de Anxo convértese en sixilosa fuxida cara ese burato que culmina o filme. Resulta capital nisto a impecable fotografía nocturna, unha vez máis, de Mauro Herce, que entre outros logros consegue amosar a estación de Lugo como se se tratara dunha das que poboan Les rendez-vous d’Anna (Chantal Akerman, 1978), así como o corte preciso de Patrícia Saramago –montadora de todos os traballos recentes de Rita Azevedo Gomes–, desde o imposible encontro das primeiras escenas ata a soidade absoluta do fuxido no acto final. Esta inmersión no bosque, con toques fantasmagóricos, e a carta do preso escoitada case como se fose un murmuio da súa alma, despexa calquera dúbida sobre as intencións de Longa Noite de formar un cadro fragmentario, baleiro de historicismo e psicoloxía estridente, arredor da memoria da Guerra Civil Española. Un que apela, mediante a triste sequidade das súas imaxes e sons, á imposibilidade dunha dialéctica clásica entre vencedores e vencidos –nel non hai gañadores–, pero onde prevalece ante todo o estoicismo dos que sucumbiron entón e aínda teñen que soportar o mantra que convida a esquecer tal horror.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.