LUMIÈRE! L’AVENTURE COMMENCE, de Thierry Frémaux

lumiecc80re-directed-by-thierry-frecc81maux

122 anos despois da patente do cinematógrafo, a serie de tributos recibidos por Louis e Auguste Lumière resulta tan consecuente coma interminable. O lóxico respeto reverencial cara a súa obra, xerme da historia do cinema, provocou tamén unha tendencia sobre a forma na que as case 1.500 obras que legaron son observadas polas nosas xeracións: en moito casos, as súas imaxes son hoxe máis sinaladas como unha peza arqueolóxica doutra realdiade que coma un cinema vivo, aínda fonte de inspiración no século XXI. Thierry Frémaux, director do Festival de Cannes e do Instituto Lumière, parece hoxe consciente desa deriva e disposto a correxila desde a súa posición privilexiada. Se nos preguntamos cal sería neste 2017, cando o acceso aos filmes transformouse tanto en tan poucos anos, o modelo de documental para homenaxear a aqueles pioneiros sen caer na redundancia historiográfica, o proxecto de Lumière! L’aventure commence parece concebido para responder a esa cuestión. Desde a decisión de Frémaux de ceder a autoría do filme aos Lumière e aos seus operadores, a pesar da omnipresencia da súa voz en off, esta obra sinala sen pausa á necesidade de percibir vellas secuencias que se amosan como manantial de coñecemento ao que acceder desde o presente.

A través de fragmentos restaurados e comentados de 108 películas dos irmáns franceses, filmadas entre os anos 1985 e 1905, Frémaux propón ao espectador actual unha viaxe didáctica polas orixes do cinema. Desde imaxes tan persistentes na memoria cinéfila como La sortie de l’usine Lumière à Lyon (1895), ata outra serie de obras máis descoñecidas e incluso complexas na súa extrema sinxeleza, caso de Vue prise d’une baleinière en marche (1901), todas son sometidas ao mesmo exercicio de análise por parte de Frémaux, que intenta poñer os seus descubrimentos técnicos en perspectiva. O exercicio de montaxe das distintas secuencias, por tanto, está supeditado a un estudo tan rigoroso como lúdico das imaxes que vemos na pantalla, coa particularidade de que, a diferencia doutro documentais de cinema recente como Voyage à travers le cinéma français (2016, do presidente do Instituto Lumière e o coprodutor do filme Bertrand Tavernier), todo o que aparece está filmado polos pioneiros e a intervención do analista limítase á voz. Non é circunstancial a mención ao feito de que, cando fundaron o cinematógrafo, Louis e Auguste foran xoves, bromistas e alegres; cualidade herdada por un documental que intenta transmitir a lectura placenteira das súas imaxes como unha práctica reveladora e gostoso.

fotonoticia_20170831131809_640

Sen renunciar ao rigor, pero aceptando alixeirara de datos os seus 90 minutos en beneficio dunha liviandade máis pedagóxica, Frémaux apunta nos seus comentarios cara conceptos primixenios como a profundidade de campo ou a perspectiva, bastións do que acabou por entenderse como mise-en-scène. Pero, alén de achegar estes termos básicos aos espectadores menos adestrados, tamén aposta por reivindicar a capacidade de aqueles operadores para capturar as múltiples formas de vida no París proustiano de comezos de século, desde a distensión dos momentos de lecer ata o duro esforzo do traballo. Porque a consecuencia principal da expansión global do invento dos Lumière estivo na xente de a pé, que logrou ver de preto os mundos lonxanos doutros á vez que deixou inmortanizado o seu cotiá. A razón de ser de Lumière! L’aventure commence parece, nin máis nin menos, estender e adaptar esta dimensión popular orixinaria do cinematógrafo a uns tempos radicalmente distintos para a difusión audiovisual.

É certo que a labor de Frémaux non se esforza moito en disimular un halo nostálxico omnipresente, reforzado polo fermoso fío musical de Camille Saint-Saëns, e non faltará quen recrimine que a homenaxe dunha disciplina de creación podería ter sido moito máis imaxinativa que o mero comentario das secuencias alleas. Con todo, o autor amósase coherente optando por este formato, aínda que a cambio poida deixar algo fríos aos estudosos. Con el indícanos que todo está gardado nas imaxes que xa filmaron outros, e que a nosa responsabilidade colectiva, nunha era na que nos atopamos expostos a tantos estímulos, é non deixar de mirar cara elas activamente. En tempos de descoido cara a formación cinematográfica, a aparición dun filme que logra conxugar a beleza e o amor cara o cinema cun indubidable potencial como instrumento pedagóxico para todas as idades resulta unha nova dobremente excelente.

 

Comments are closed.