MAD MAX. FURY ROAD, de George Miller

28 Mad Max. Fury Road 1

Sede testemuñas. Poucas veces un filme apaña semellante consenso. Pasou con Boyhood (Richard Linklater, 2014) hai un ano, e pasa agora con Mad Max. Fury Road (George Miller, 2015): saltou dun gran festival (Cannes) ás pantallas de medio mundo, e dende aló ás listaxes dos críticos (Cahiers du Cinéma, Sight & Sound, Film Comment, Caimán. Cuadernos de Cine, A Cuarta Parede, etc) e á tempada de premios (Oscar, Bafta, Globos de Ouro, Critic’s Choice, etc). Todos de acordo, todos abraiados. Por que? Total, a saga xa era unha vella coñecida: somos moitos os que apreciamos o primeiro Mad Max (George Miller, 1979), os que ficamos fascinados con Mad Max 2: The Road Warrior (George Miller, 1981) e os que rexeitamos Mad Max Beyond Thunderdome (George Miller, 1985). Ascenso e caída dunha saga. Por que recuncar nela?

Primeiro, porque Max Rockatansky é un personaxe moi maleábel: o heroe solitario condenado á supervivencia nun universo hostil. Un cowboy perdido nunha distopía irreversíbel. Sísifo. Segundo, porque ese universo ten moitas variábeis, cada unha coa súa respectiva organización social: desta vez, por exemplo, Max atopa unha triarquía formada polos señores da Citadel (o único acuífero dispoñíbel en pleno ermo), a Gas Town (a cidade da gasolina) e a Bullet Farm (a granxa das balas); tres xerarcas que manteñen un comercio triangular (auga / gasolina / balas) para conservar a súa posición de poder; unha dinámica que evoca, salvando as distancias, o comercio triangular da Idade Moderna entre América (materias primas), África (man de obra escrava) e Europa (manufacturas).

Imaxinacións miñas? Si, estou sobreinterpretando o filme, mais o meu desbarre é posíbel grazas ao seu minimalismo e polisemia. Mad Max. Fury Road conta, aparentemente, unha historia moi sinxela (unha persecución), mais esa historia, no plano conceptual, está aberta a múltiples interpretacións: o filme fálanos dun mundo en crise moral e económica, do dereito á revolta fronte o mal goberno, da necesidade de encarar os problemas en troques de fuxir deles, da opresión de clase e, sobre todo, da opresión de xénero. “Non somos cousas”, lémbralle unha das protagonistas a unha das súas compañeiras de fuga, porque os tres viláns do filme –Immortan Joe, the People Eater e the Bullet Farmer– responden ao perfil do maltratador: homes que empregan a forza para impor a súa vontade, abusando dos demais, comezando, explícitamente, polas mulleres.

28 Mad Max. Fury Road 3

O universo creado hai máis de trinta e cinco anos por George Miller segue admitindo visitas grazas á súa capacidade para reflectir as tensións do presente. A finais dos anos setenta, o primeiro Mad Max levou até o extremo os efectos da crise do petróleo, cando millóns de condutores de medio mundo aturaban caravanas quilométricas (e algunha que outra liorta) para poder encher o seu depósito. Calquera cousa agás ficar varado na estrada! Agora, Mad Max. Fury Road apunta explicitamente a unha situación económica na que a carestía foi inducida dende o poder para controlar á poboación, onde os xerarcas usan e abusan da xente, onde os exércitos están compostos por fanáticos suicidas, e onde a revolta non só é lícita senón que pode mesmo ser exitosa. O sorprendente é que todo isto apareza nun filme da industria, de grande orzamento e maiores beneficios, cunha clara vocación lúdica e unha ampla acollida popular. Os espectadores, neste sentido, podemos estar felices, porque Mad Max. Fury Road deixa obsoletas unha serie de dicotomías estúpidas: público fronte a crítica, comercial fronte a intelectual, autores fronte a industria. Por fin un filme que fuxe de etiquetas e prexuízos, para atopar así o camiño de volta ao fogar, á emoción, ao cinema.

Hit the Road, Max

Max Rockatansky comeza o filme sendo Blood Bag (Bolsa de Sangue), logo convértese en Fool (Tolo) e só contra o final volve ser Max. O heroe, destruído e reconstruído, en apenas dúas horas, sen pausa para grandes explicacións. Todo ocorre á carreira, secuencia tras secuencia, separadas apenas por un feixe de fundidos en negro a xeito de puntuación. Manter ese ritmo esixe malabares na montaxe e unha gran claridade narrativa, para evitar que a atención se disperse e a tensión diminúa. Miller, consciente de que o seu circo está ateigado de distraccións, sitúa no centro do encadre os elementos de maior importancia narrativa, para así combinar planos moi breves sen levar á confusión. Toda a historia ten que estar nas imaxes, sen apoio de digresións verbais, para que así os diálogos, lacónicos e escasos, resulten especialmente lapidarios. “A esperanza é un erro”, di Max, como único consolo para as súas compañeiras de fuga cando descobren que o seu paraíso é agora unha lameira. “Se non podes amañar o que estragaches vólveste tolo”. Un convite á acción, a enfrontar o trauma, para que o punto de inflexión non sexa un punto de non retorno. A mensaxe, polo tanto, non é de esperanza, senón de responsabilidade compartida. As protagonistas non precisan que as salve ningún heroe, porque elas mesmas teñen coraxe e carraxe dabondo para loitar por si mesmas. Max só pasaba por aí, mais sabe cando e como tomar partido. O heroe, aquí, non é ningún elixido. É aquel que sabe elixir.

28 Mad Max. Fury Road 4

A rodaxe nos desertos de Namibia e Suráfrica, así como o emprego da tecnoloxía dixital, mudou por completo o aspecto cromático da saga, influíndo decisivamente na súa percepción emocional: os tons amarelos das tres primeiras partes, que transmitían unha sensación seca, distante e opresiva, deixan paso agora aos tons laranxas e vermellos, moito máis exuberantes e sanguíneos, máis axeitados para a inmersión na imaxe e na paisaxe. O plano da caravana avanzando cara a tormenta de area, por exemplo, evoca as composicións románticas onde a épica dos elementos se manifestaba a través da cor: do laranxa da area ao gris azulado dos raios, só atenuados polo verde da gasolina até chegar ao vermello da bengala que se extingue ao final da secuencia. Os elementos máis básicos crean imaxes complexas. O virtuosismo visual vai da man da apertura conceptual. Mad Max. Fury Road échevos unha cacharrada analóxica en plena época binaria, que parte da nostalxia para albiscar o futuro. Sede testemuñas.

Comments are closed.