MANAKAMANA, de Stephanie Spray & Pacho Vélez

21 Manakamana 2

O templo de Manakamana, situado no distrito nepalí de Gorkha, no cume dunha montaña, está adicado á deusa hindú Bhagwati. Dende o século XVII existe a tradición de realizar unha peregrinación para que Bhagwati conceda os desexos das persoas que acoden aló (mana significa corazón e kamana desexo), unha tradición que pode incluír sacrificios animais de aves ou cabras. Até o cambio de século, o único xeito de acceder ao templo era un longo camiño que trepaba pola montaña salvando unha diferencia de altura dun quilómetro aproximadamente. Este antigo ritual nepalí, que antes levaba horas de viaxe, agora consume apenas uns dez minutos de traxecto en teleférico. Este medio de transporte, que aforra boa parte do camiño, e o novo xeito de peregrinación que leva emparellado son os elementos que dan forma a Manakamana (Stephanie Spray & Pacho Vélez, 2012), un documental que consiste no retrato de varios grupos en peregrinación cara o templo ou ben regresando del.

O filme parte dunha investigación antropolóxica que leva o selo do Harvard Sensorial Ethnography Lab, a mesma organización responsábel das fantásticas Leviathan (Lucien Castaing-Taylor & Véréna Paravel, 2012) e Sweetgrass (Lucien Castaing-Taylor & Ilisa Barbash,2009). Móstranos o acervo cultural daqueles que visitan o santuario, nativos e turistas, e dá conta da modernización e do cambio nun recanto afastado do noso mundo. O xogo entre unha sociedade basicamente rural como a nepalí e o mecanismo de enxeñería moderna que é o teleférico é un dos aspectos máis salientábeis da proposta.

O teleférico supón un cambio radical na experiencia peregrina, que pasa a parecerse moito a unha viaxe turística. En certo modo, racha co sentido da peregrinación como metáfora da vida, muda por completo esta experiencia na que o camiño e o esforzo son tan importantes para acadar o destino final. O proceso volveuse máis cómodo, pero ao mesmo tempo tamén perdeu o seu antigo sentido ritual: a persoa que viaxa é transportada dun xeito máis pasivo, sen esforzo físico, nun espazo reducido, no que se ve empurrada a entreterse durante os minutos que dura a viaxe, ben sexa parolando, ollando para a paisaxe ou comendo un xeado.

Malia todo, os personaxes deste filme resístense á uniformización da teoría antropolóxica. Nunha entrevista no propio sitio web da película, os directores comentan que o casting foi unha experiencia tremenda, malia xa coñeceren previamente a varias das persoas que aparecen en pantalla. A contemplación destes personaxes en plano fixo durante tantos minutos permítenos establecer unha relación achegada con eles, de xeito que resulta inevitábel que apareza certa complicidade. Viaxe tras viaxe, compartimos o reducido espazo da cabina escoitando as súas conversas, interpretando os seus xestos, coma nun pequeno teatro móbil co manto verde da xungla como escenografía.

21 Manakamana 3

Durante 118 minutos, Manakamana amósanos de xeito austero e complexo as cabinas carretando visitantes, incluíndo animais para ser sacrificados. O material filmado corresponde á vista dende un lado da cabina, en plano único, dende unha estación a outra, a maioría deles ascendendo, e contra o final varios que descenden. Son once viaxes que corresponden aos cortes deste traballo, viaxes de cases tres quilómetros que demoran preto de dez minutos. Co seu frondoso val debaixo, homes, mulleres, nenos e animais de pel ou de pluma, secuencia tras secuencia, ábrennos unha xanela dentro do seu mundo. Vemos practicamente a mesma viaxe unha e outra vez, e aínda que a cámara encara sempre a mesma dirección e a paisaxe permanece similar, cada segmento é unha experiencia distinta ás demais.

Os directores, agardando quizais acostumarnos ao particular ritmo do seu filme, comezan a metraxe cuns pasaxeiros que non se relacionan moito entre eles: un vello e un neno que non se dirixen a palabra en toda a viaxe. Este xesto podería interpretarse como unha metáfora da incomunicación entre o vello e o novo mundo, mais quizais sexa simplemente o estilo de viaxe que estas persoas prefiren, deixándose levar polo meneo da cabina e contemplando a paisaxe. A seguir, unha muller vai soa cunha ofrenda para o templo: outra viaxe silenciosa. Estas dúas secuencias marcan o ritmo para o resto, de xeito que a viaxe se converte no centro da nosa atención: ficamos prendados dos sons do teleférico ao seu paso polos postes, das subidas e baixadas polos outeiros e vales, e das cabinas coas que nos imos cruzando.

A partires destas dúas secuencias, o resto das viaxes serán moi variadas, con peregrinos de tódalas castes, idades e actitudes. Estas viaxes comezan ás escuras, e logo descubrimos a quen imos observar durante ese tempo. A cámara permanece estática en cada un dos cortes, a cabina enchese e dáse lugar a un espazo algo teatral onde o resto da pasaxe actúa para nós. Nesas tomas aparece de fondo a xungla nepalí coma unha alfombra de tons verdes, e as emocións e o asombro humanos son obxecto do noso escrutinio: a paisaxe e o retrato humano combinados. A infraestrutura do teleférico aparece tamén coma un protagonista en segundo plano: a cabina é como unha especie de escenario móbil que sube, baixa, acelera, desacelera, e vai producindo un traqueteo característico a medida que vai atravesando os postes repartidos por todo o traxecto. Os corpos das persoas que viaxan vense afectados por todos estes movementos, déixanse levar ou tratan de resistilos, poñen caras, ou comparten pequenos xestos de complicidade que forman parte da vivencia da peregrinación actual. O ruído que fai o teleférico ao paso polos postes marca ritmicamente cada viaxe, especialmente presente naquelas secuencias adicadas aos personaxes máis silenciosos.

A repetición do traxecto e mailo feito de observar aos personaxes durante dez minutos fai que tódolos seus xestos, por pequenos que sexan, semellen cargados de significado. Dalgún xeito accedemos a unha caste de intimidade estraña con estes compañeiros temporais de viaxe, máis se cabe ante os contrastes que existen entre eles. Algunhas viaxes son silenciosas, noutras a conversación desborda o plano. Hai tres mozos metaleiros que non paran de axitarse e facerse selfies, rapazas novas que comezan a coñecerse, tres mulleres maiores que se coñecen de toda a vida, dúas mulleres con cómicas dificultades para comerse un xeado. A capacidade de encantamento semella non esgotarse malia a aparente sinxeleza da súa formulación. A autolimitación que se impoñen Stephanie Spray e Pacho Vélez tórnase así nunha das fortalezas da película.

Iso si, o documental nunca chega ao propio templo. Polo camiño, reflexións antropolóxicas, complicidades variadas e o teleférico arrandeando. A peregrinación como proceso, mais para visitar Manakamana teremos que viaxar até o Nepal.

Comments are closed.