UN MAPA PARA OS ESTUDOS DE CINEMA


Onde estudar cinema? A oferta actual atópase tan dispersa que calquera adolescente que queira afondar na súa paixón vai ficar atrapado nesa pregunta cando teña que elixir destino. O principal problema que terá que afrontar de partida é a escisión entre os estudos teóricos, que ensinan a analizar e pensar os filmes, fronte á formación práctica, que ensina a facelos. Estas dúas opcións deberían ser complementarias, mais no panorama educativo do estado español resultan contrapostas por mor do antagonismo entre o mundo académico, representado polas universidades (na súa maioría públicas), e o mundo profesional, representado polas escolas de cinema (na súa maioría privadas).

Traballar en equipo’: a autarquía do sistema universitario español

Os estudos sobre cinema, no fondo, son bastante populares no mundo académico, a xulgar pola progresiva aparición de publicacións especializadas e congresos monográficos durante as últimas dúas décadas. O ‘xiro cultural’ que experimentaron as ciencias sociais ante a quebra do paradigma estruturalista introduciu paseniñamente os ‘cultural studies’ (e canda eles os ‘film studies’) en numerosos departamentos universitarios de todo o estado, de xeito que arestora hai unha densa rede de investigadores que traballan sobre cinema e de profesores que o ensinan nas súas aulas.

Esta transversalidade dos ‘film studies’ levou o cinema a departamentos e facultades tan diversas como comunicación audiovisual, xornalismo, historia, historia da arte ou filoloxía, mais tamén está xogando na súa contra por mor das dinámicas autárquicas destas institucións. Hai unha tendencia alarmante á incomunicación entre un historiador de Santiago de Compostela, un filólogo de Zaragoza e un especialista en comunicación de Barcelona, por exemplo, malia que todos traballen sobre cinema, e o peor de todo é que probabelmente ningún deles estea en contacto cos profesores da Escola de Cine e Televisión de Madrid. Cada departamento, mesmo ás veces cada investigador, ten a súa propia perspectiva de análise, os seus propios teóricos de referencia e a súa propia rede de contactos, un circuíto pechado baseado na celebración de congresos, edición de revistas e elaboración de programas docentes onde a endogamia académica anula calquera tentativa de transversalidade.

Os especialistas en comunicación, por exemplo, analizan o papel do cinema na galaxia mediática actual, atentos especialmente a decodificar aqueles filmes máis autorreflexivos. Os historiadores contemporáneos, pola contra, están máis interesados en empregar o cinema como testemuño ou relato histórico, mentres que os historiadores da arte procuran establecer un rexistro dos filmes existentes a partir do que elaborar un canon baseado na súa relevancia estética. Os filólogos, por último, analizan os filmes como síntomas de tendencias sociolóxicas, a maior parte das veces máis centrados na teoría social que na estética. Esta enumeración resulta simplista, por suposto (moitos académicos, por sorte, son xente bastante espelida e atenta a novas tendencias), mais sinala a falta de relación interdisciplinar da que adoecen as universidades do estado. No peor dos casos, esta autarquía intelectual leva a ignorar os achados de colegas doutros departamentos ou, aínda peor, a competir contra eles por un mesmo obxecto de estudo en troques de poñer en común investigacións que poidan estar relacionadas.

Os principais prexudicados desta tendencia centrífuga non son os investigadores, que sempre poden investir esta eiva a forza de lecturas e contactos, senón os seus alumnos, eses estudantes apaixonados polo cinema que están saíndo da universidade cunha formación sesgada por mor das monomanías dos seus profesores: ás veces, ao poñer demasiado énfase nun único aspecto (unha teoría concreta, un canon limitado, unha afirmación anacrónica), pérdese a capacidade de ver e valorar o conxunto.

Thom Andersen dá clases sobre tendencias actuais do cinema en CalArts, onde proxectou recentemente filmes coma 'Todos vós sodes capitáns' ou 'Morrer Como un Homem'.

California Dreamin’: límites e acertos das escolas de cinema en Los Ángeles

As universidades estadounidenses non son mellores que as europeas, somentes teñen máis cartos. A vantaxe comparativa vén daquela, en parte, do emprego que lle dan a ese diñeiro, mais sobre todo da perspectiva e da ambición coa que emprenden os seus proxectos docentes. No caso do cinema contan ademais con dous factores engadidos ao seu favor: en primeiro lugar, o volume da súa produción cinematográfica permítelles xunguir a historia do medio (a evolución do cinema como arte e como industria) coa historia da mensaxe (a elaboración dun canon e a súa posterior interpretación estética e sociolóxica), mentres que en segundo lugar, a súa vantaxe é tamén temporal, posto que algunhas universidades estadounidenses comezaron a incluír os estudos sobre cinema na súa oferta docente mesmo antes da Segunda Guerra Mundial.

A School of Cinematic Arts da University of Southern California (USC), por exemplo, fundouse no ano 1929 en Los Ángeles, e nela estudaron cineastas tan diversos como Thom Andersen, John Carpenter, James Gray, George Lucas, Walter Salles ou Robert Zemekis. O seu programa actual combina unha mestura de clases teóricas e prácticas, de xeito que os mesmos estudantes que debaten nas aulas os dispositivos que Alan Berliner ou Jem Cohen empregan nos seus documentários poden estar ao día seguinte gravando planos para o seu propio filme, todo sen saír do mesmo campus e levando un título universitario ao rematar os seus estudos. Michael Renov, un dos principais teóricos contemporáneos sobre o documentário, é o responsábel de propoñer eses debates nas súas clases semanais de catro horas de duración, á marxe de dirixir o departamento de estudos críticos da escola, unha verdadeira ‘factoría’ de pensamento cinematográfico. O paradoxo, por contraste co modelo educativo do noso estado, é que este departamento está situado nunha institución que presume, a través dos mesmos nomes dos edificios que forman a escola, dos seus fortes vencellos coa industria do ‘showbiz’: aquí, estudar no George Lucas Instructional Building non impide investigar, analizar ou mesmo facer cinema de vangarda.

Hai unha sombra neste paraíso, por suposto: a University of Southern California é unha universidade privada nun país onde acadar un grao universitario de tres anos pode valer máis de 50.000€. Porén, á marxe desta (importante) cuestión económica, a gran virtude deste modelo educativo é a posibilidade de artellar unha formación teórico-práctica máis diversa ao tempo que mellor integrada, dándolles dese xeito máis posibilidades aos alumnos para atopar un lugar no variado mercado laboral cinematográfico, sexa como cineastas, guionistas, montadores, investigadores, críticos, programadores ou guías turísticos en Hollywood Boulevard.

Esta mesma idea de integrar distintas perspectivas nunha mesma formación ten se cadra a súa mellor expresión no California Institute for the Arts (Cal Arts), unha institución fundada por Walt Disney a comezos dos anos sesenta onde os estudantes de cinema conviven con estudantes de música, danza, teatro, belas artes, fotografía e estética nun campus aillado en Santa Clarita, a 50 quilómetros ao norte do ‘downtown’ de Los Ángeles. O elenco de docentes da súa School of Film / Video xa sinala a súa posición sempre ‘in-between’ diferentes correntes: cineastas como Thom Andersen, James Benning, Monte Hellman, Billy Woodberry ou Pat O’Neill transmiten aos seus alumnos unha concepción aberta do cinema alén de escolas, tendencias ou etiquetas enrocadas sobre si mesmas.

Thom Andersen, por exemplo, encargouse este pasado semestre da aula adicada ás novas tendencias do cinema actual e nela proxectou (en copias de 35 milímetros e ante un cento de alumnos!) dous filmes tan diferentes entre si e próximos a nós como Todos vós sodes capitáns (Oliver Laxe, 2010) e Morrer Como um Homem (João Pedro Rodrigues, 2009). Cada semana, ao igual que ocorre na USC, os alumnos tiñan que escribir un breve ensaio sobre cada un dos filmes proxectados, poñendo por escrito as impresións que previamente foran comentadas na aula, sen gastar ese tempo escoitando leccións maxistrais que podían ler na bibliografía aconsellada.

O pucho mental do minifundio académico

Cómpre ir tan lonxe e pagar matrículas tan altas para aprender algo sobre os filmes dos que se debería falar nas nosas universidades e escolas de cinema? Non, por suposto, porque en realidade aquí tamén se fala deses filmes, aínda que por agora sexa máis a nivel de investigación que de docencia. O futuro dos estudos de cinema no noso estado, alén das dificultades que está a impoñer a crise económica, pasa por integrar mellor as liñas dispersas xa existentes, de xeito que as escolas profesionais inclúan máis teoría crítica nas súas aulas, os departamentos de comunicación engadan máis e mellores contidos prácticos aos seus planos de estudos e os departamentos de humanidades combinen dun xeito máis fluído a teoría social coa teoría estética. Fai falla daquela, coma sempre, tirar o pucho mental que cada un leva no seu minifundio.

Comments are closed.