MATER AMATÍSIMA OU AS MODERNAS MEDEAS

Mater-Amatísima-Frase

Esta peza foi elaborada no Seminario de Crítica Experimental do (S8) Mostra de Cinema Periférico

Nunha sorte de conmemoración dos seus 20 anos de carreira como cineasta nos que deu a luz outros tantos proxectos audiovisuais, María Ruido tráenos unha reflexión sobre a maternidade. Unha reflexión feminista que pon sobre a mesa a figura da mala nai, desa nai que se permite non querer ser nai e desa nai que se arrepinte delo, e como esta aceptación da maternidade fóra dos límites do pensamento ‘ordinario’ non deixa de ser unha afirmación da propia existencia persoal. Unha idea habitualmente afastada do pensamento moderno pero que como ben sinala a obra da ourensá non deixa de ser unha realidade humana que xa a mitoloxía grega representaba a través de Medea, que Eurípides faría eterna fai máis de 2400 anos.

A pesar de que o filme segue o seu estilo apropiacionista habitual para crear unha obra a través da montaxe e remontaxe de textos audiovisuais, Ruido introdúcenos na súa visión sobre a maternidade dun xeito aberto e moi franco, con imaxes familiares dos fillos da súa parella. Así, asume o discurso como propio, e como ela mesmo resaltaba no coloquio xerado arredor da obra, nun momento da súa vida onde observa a maternidade, en ocasións xa madurada, de moitas das súas amizades. A figura do corpo feminino en sociedade e o xeito no cal a sociedade opera sobre el reestrutúranse no discurso audiovisual dende o pensamento foucaultiano cando o filósofo francés di que “o corpo está tamén directamente inmerso nun campo político; as relacións de poder operan sobre el unha presa inmediata; cércano, márcano, dómano, sométeno ao seu suplicio, fórzano a uns traballos, obrígano a unhas cerimonias, esixen del uns signos”1. Deste xeito, Ruido manifesta a través desta obra como a obriga do corpo feminino dentro da sociedade é o de seguir o camiño da maternidade, mantendo a existencia da mesma a través de proveela con descendencia e, ademáis, de ensinar a esa descendencia a aceptar as mesmas marcas sociopolíticas que se repetirán ad infinitum para a continuidade da sociedade.

Mater-Amatísima-Familiar

Así, Ruido contrapón a figura da nai ideal coa figura da sacerdotisa de Hécate, que sobrevoa todo o metraxe. Entre todo o complexo conglomerado que forma a obra, rescatamos imaxes sacadas da TV, das adaptacións á pantalla de Medea de Von Trier (1988) e Pasolini (1969), ou, as que por contexto rematan por ser as máis brutais, do xuízo a Rosario Porto polo asasinato da súa filla Asunta. Unhas imaxes que a propia realizadora admite que seguen a resultarlle excesivas no seu significado, pero que non deixan de ser unha parte fundamental para afondar dun xeito abrasivo na idea colectiva sobre o tema. Nelas, vemos como o discurso da xulgada durante a súa defensa vai cara a presentación de si mesma como a nai ideal, como a representación aceptada da maternidade dentro da sociedade actual. A nai atenta, abnegada, preocupada, coidadora e guía eterna da súa filla. Algo que, obviamente, choca frontalmente coa resonancia que xorde no noso cerebro sobre o caso e logra revolverse dun xeito perturbador. Ademáis, de entre os fragmentos de produción propia –que os hai-, Ruido amósanos entrevistas con avogados e un psiquiatra que traballaron no caso. Así, xera unha visión aínda máis próxima a Porto, e logra distanciarse de todo o xuízo mediático eliminando o concepto de monstro que se xerou no seu momento evitando o xuízo moral sobre os seus actos para reformular unha visión da avogada compostelá como ser humano e nai.

Importante esta última frase: ser humano e nai. Unha idea que, como imos vendo, é o fundamental que nos fai repensar María Ruido. O patriarcado e as estruturas sociais levan anos eliminando isto do diálogo posible. Unha nai é, antes de nai, ser humano. Pero parece que no momento de decidirse pola maternidade –cando se decide e non se fai coma unha obriga social-, o ser humano desaparece, fúndese e metamorfosea, tras 9 meses de diapausa, nunha nai. E esa nai xa non é ser humano, é nai. Ruido logra, a través de todas estas reflexións, poñer de manifesto a ese ser humano, coas súas dúbidas, coa súa vida interna e coas súas necesidades vitais, e facernos entender que é necesario o diálogo e a comprensión desta figura humana para a completa satisfacción da persoa. Tamén que ser nai, incluso cando é unha decisión meditada e consciente, pode resultar unha experiencia demoledora e terrible e non pasa nada por, como di Orna Donath no seu libro Nais Arrepentidas –libro do que vemos parte da presentación en español no ensaio do que estamos a falar-, relacionar a maternidade con algo que as “converte en persoas deficientes, xa que a súa experiencia anterior á maternidade parece máis plena e satisfactoria”2.

Resalta, ademais, a necesidade de mostrar a maternidade desde unha óptica feminina. Se repasamos a historia do cinema e recollemos unhas cantas das obras notables onde se pon de manifesto algunha reflexión ao respecto, é doado ver que moitas veces falan da relación materno-filial dende unha óptica case achegada á do fillo (sempre en masculino). Mat (Vsévolod Pudovkin, 1926), Persona (Ingmar Bergman, 1966), Mat i Syn (Aleksandr Sokúrov, 1997), Mommy (Xavier Dolan, 2014)… son boa mostra delo. Claro que hai exemplos de relacións e reflexións máis femininas, e aí está Un’ora Sola ti Vorrei (2002, Alina Marazzi), que servía como homenaxe e revisión sobre a idea da nai ausente dende a filla que loita por recuperar a súa lembranza e atopaba unha certa resonancia na obra tamén de María Ruido La Memoria Interior (2002), onde a ausencia dos pais viña dada pola emigración e a recuperación era a da lembranza dese tempo en primeira persoa. Nembargantes, a visión de María Ruido en Mater Amatísima e o pensamento sobre que é ser unha nai e a necesidade de aceptación de que só é unha parte máis da vida de determinadas mulleres, e nin ten por que ser agradable nin unha necesidade a cubrir para ser unha muller completa, dá un xiro sobre o que estamos acostumadas a ver nas pantallas.

34258804_1924504824260208_2833104730752811008_o

Proxeción de Mater Amatísima no (S8) Mostra de Cinema Periférico. Foto: María Meseguer

A densidade coa que se desenrola o filme, iso si, é o que queda nun punto máis feble. Como ocorre moitas veces cos traballos feitos a través de coser retais de pezas inconexas entre si, o discurso vese afectado por ese ir e vir sen unha intención clara. Unha idea que xoga tanto a favor como contra as intencións da directora, xa que ao non precisar un discurso fiado, fai recaer o poder do mesmo na reflexión á que obriga ás espectadoras; porén, ao deixar que sexa o fluxo das ideas inherentes ás diversas fontes o que provoque esa reflexión, parece afastar da mesma ás persoas que máis a precisarían, aquelas que de entrada teñen unha concepción moral máis clásica sobre o feito de ser nai e a necesidade dunha estrutura familiar. Nembargantes, é o xeito no que Ruido leva establecido o seu pasado e o seu presente como creadora, e é consciente de que o público que pode acceder á súa obra é aquel que de entrada está aberto a repensar as súas concepcións sobre a sociedade, o mundo, e as súas propias experiencias vitais, co cal a súa estrutura artística e a experimentación sobre o formato teñen unha precisión e unha importancia crucial fronte ao discurso que obriga a desentrañar.

(1) Foucault, Michel, (1990), Vigilar y Castigar: Nacimiento de la Prisión (Trad. Aurelio Garzón del Camino), Siglo XXI, México D.F. (Ano da publicación orixinal: 1975):32

(2) Donath, Orna (2017), Regretting Motherhood: A Study, North Atlantic Books, Berkeley (Ano da publicación orixinal: 2016): 103

Comments are closed.