MÚSICA CAMPESINA, de Alberto Fuguet

ALL BY MYSELF

Música campesina é un filme que ten algo de amargo e irónico en toda a súa metraxe, e que desprende ese sentimento xa no propio título. Tradución mal feita polos ianquis de ‘country music’ para publicitar a Johnny Cash e compañía en Chile, en realidade fai referencia á tradición folclórica do país sudamericano.

O seu protagonista, Fernando Tazo, perdido non se sabe moi ben por que en Nashville, debe presentarse sempre cun “como el té”1 para que os norteamericanos o entendan. Nun momento xa avanzado do filme, no que practica ‘couching’2 e vai dar na casa de dous ‘entrepeneurs’3 musicais, un deles pregúntalle por un grupo de música latino que pronuncia mal. Cando Tazo corrixe a vocalización, o rapaz coméntalle ao compañeiro: “Tío, sabemos máis nos ca el da súa propia cultura”.

Este chiste vén a exemplificar un pouco a falta de curiosidade do norteamericano medio cara unha figura que lles interesa non máis aló do estereotipo exótico. Cando o chileno vai pedir traballo a un hotel noutro momento do filme, o xerente, que fala español, faille unha serie de preguntas que parecen tiradas dun test feito por George Bush Jr. para os controis de emigración. “Debo advertirlle de que non se tolerarán roubos nesta empresa”, espétalle o encargado das contratacións.

O máis interesante do filme non é tanto a sensación de desarraigo que transmite a partires duns diálogos aparentemente banais e moi significativos, senón como o logra comunicar dende un punto de vista narrativo. Cando comeza a cinta, uns primeiros minutos sen diálogo algún móstrannos un home solitario, que vai de motel en motel na carreteira (vale, isto é unha ‘road-movie’). É observador, e toma notas nunha libretiña, que garda ao carón dun libro de Ernest Hemingway. É case un estudo antropolóxico do espazo e as súas xentes. No encadre, sempre hai un McAuto ao fondo, á saída dos moteis. Estamos no mundo da ‘fast-food’, repetitivo, feo, prefabricado, alienante, capitalista e profundamente ianqui. Diríase que o home que observamos é escritor, dos que seguen a estela de Jack Kerouac ou Hunter S. Thompson, e necesita os traballos para ir tirando. Relato biográfico do director, Alberto Fuguet, que é tamén un recoñecido autor de novelas en Chile?

Na forma, cámara dixital en man, despreocupada e case sen planificación, cunha fotografía gris, fea; con encadres pechados en Tazo ou abertos a unha paisaxe baleira e nada acolledora. Só hai un obxecto de estudo: o personaxe e o seu entorno, e como o un impacta no outro. Desacougante, opriminte, para se pegar un tiro.

Conforme avanza o filme, unha sensación de narrativa suspendida, na que non sucede nada, onde a cinta non vai a ningures, apodérase do espectador. Porén, Fuguet ten o detalle de se deter en moitos lugares, pola simple razón de querer contemplalos e explotar dramaticamente o feito de que a viaxe de Tazo é a ningunha parte, sen destino definido; nun país cunha lingua que lle custa falar, habitantes marcianos e unha gastronomía que non entende. Toda a carne, ademais de mala, é escasa e vai en pan, sóltalle nun monólogo en español a unha camareira para relaxarse un pouco.

Aínda que hai moitas conversas no filme, en realidade o actor Pablo Cerda non ten interlocutores. A súa física interpretación sustenta unha cinta que leva o personaxe a acabar tocando a verdadeira música campesiña. Na escena que pecha a película, entende por fin que o camiño ao respecto e á integración non pasa por dar a saber que coñece todas as cancións de Cash, senón por mostrarse tal como é. O concepto da nación norteamericana ten algo de suplantación da identidade, en canto que as culturas que supostamente integra fican nun segundo plano, modificadas infecciosamente, contra a idea omnipresente do ‘self-made man’4. Cando o home solitario se perda no camiño, alguén terá que ir rescatalo, digo eu. O que di Fuguet xa non me queda claro, pero penso que non se trata de dar respostas, senón de propoñer preguntas.

__________

  1. Tazo é unha marca rexistrada de Starbucks, a cafetería máis popular dos EUA.

  2. Fenómeno que consiste en buscar sofás (‘coach’ en inglés) para durmir en casas de xente que se presta a acoller inquilinos no seu fogar. Os interesados póñense en contacto mediante anuncios en Internet.

  3. Tradución literal: ‘empresario’. Nos últimos anos tomou unha connotación negativa, ao ser o termo que usan comunmente os que non teñen traballo e se dedican de maneira autónoma a sacar algún proxecto adiante, que comunmente non lles reporta ningún beneficio económico.

  4. ‘Home feito a si mesmo’. É unha expresión moi estendida nos EUA para se referir ás persoas con fortuna que gañaron todo por eles mesmos, nun país que é coñecido como a terra das oportunidades. Nunha escena do filme, Tazo aprende cun dicionario as distintas palabras derivadas de ‘self’ (o ‘eu’), e acaba dando tamén con ‘by myself’ (pola miña conta) e ‘self-respect’ (amor propio). Que remedio lle queda!

Comments are closed.